Amosando publicacións coa etiqueta infraestrutura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta infraestrutura. Amosar todas as publicacións

luns, 9 de marzo de 2026

O PSOE da Guarda critica que Carrero saque peito dunha reforma da Praza de Abastos moito menos ambiciosa do previsto.

A recente reinauguración da Praza de Abastos da Guarda, celebrada a pasada semana, foi utilizada polo alcalde para sacar peito da xestión do seu goberno e presentar a actuación como un gran proxecto propio. Con todo, desde o Grupo Municipal Socialista lembran que a realidade é bastante distinta: o proxecto de mellora da praza foi impulsado no anterior mandato polo goberno socialista e, ademais, o proxecto inicialmente previsto era moito máis ambicioso do que finalmente se executou.

Os/as socialistas explican que, no anterior mandato, desde a Concellería de Desenvolvemento Local, dirixida pola actual portavoz municipal socialista, Fátima Rodríguez, impulsouse un proxecto de dinamización e modernización da Praza de Abastos que ía moito máis alá dunha simple reforma estética. Este proxecto foi presentado a unha convocatoria de Fondos Europeos e conseguiu unha subvención de 318.458,40 € para poder executalo.

Renuncia de Carrero a subvención da Praza
Renuncia de Carrero á subvención para a Praza de Abastos

A proposta incluía, ademais da reforma estética, que nin sequera se executou conforme ao proxecto inicial, diferentes actuacións destinadas a modernizar o mercado e mellorar os servizos á clientela. Entre elas atopábanse, por exemplo, a instalación de taquillas refrixeradas para facilitar a recollida de pedidos fóra do horario habitual da praza, a instalación dunha plataforma salvaescaleiras na terraza para acadar a accesibilidade total do mercado, así como outras actuacións orientadas á modernización das instalacións.

Ademais, o proxecto tamén contemplaba accións de formación e asesoramento para comerciantes, campañas de promoción e dinamización comercial e ferramentas para mellorar a visibilidade e competitividade dos negocios, medidas das que se poderían ter beneficiado non só os postos da praza senón tamén outros establecementos comerciais da vila.

Infografías do proxecto orixinal da Praza de Abastos

Segundo lembran os/as socialistas, esta subvención permitiría financiar estas actuacións sen ter que empregar fondos procedentes da Deputación de Pontevedra, podendo destinar ese diñeiro a outras obras necesarias no municipio.

Porén, un mes despois de recibir a resolución favorable da axuda europea conseguida polos/as Socialistas, xa co actual alcalde no goberno, o Concello decidiu renunciar a ela. O alcalde tratou de xustificar esta decisión alegando cuestións orzamentarias.

Asistentes a reinaguración da Praza

Desde o Grupo Municipal Socialista consideran que esta explicación non se sostén e lembran que a xestión municipal consiste precisamente en atopar solucións para non perder oportunidades de financiamento como esta. Renunciar a máis de 318.000 euros de fondos europeos xa concedidos non era, en ningún caso, unha opción. Aí quedou demostrada a nula capacidade de xestión deste goberno.

“Resulta chamativo que agora se organice unha reinauguración e se pretenda vender como un gran logro unha actuación que, ademais de ter sido impulsada polo anterior goberno socialista, quedou moi lonxe do proxecto inicialmente previsto”, sinalan desde o PSOE da Guarda.


martes, 7 de outubro de 2025

O PSOE de A Guarda celebra que, despois de anos de reclamacións, a Xunta avance na senda arredor do Trega

 O proxecto da senda peonil e ciclista do Monte Trega dá un novo paso adiante coa apertura do proceso de información pública por parte do ente autonómico aprobado no Consello da Xunta.

O grupo municipal socialista da Guarda celebra que o Consello da Xunta aprobara onte a apertura do proceso de información pública do proxecto da senda peonil e ciclista que circunvalará o Monte de Santa Trega, ao longo da estrada autonómica PO-352, conectando o núcleo urbano da Guarda con Camposancos.

Iso si, a súa portavoz, Fátima Rodríguez, destaca que este anuncio chega “con anos de retraso e cun evidente oportunismo político”, xa que “a Xunta pretende agora botarlle un cable a un goberno popular local que, en máis de dous anos, non foi quen de impulsar nin un só proxecto relevante para A Guarda”.

Pola súa banda, a secretaria xeral do PSOE da Guarda, Bárbara Domínguez, lembra que “este proxecto non nace da iniciativa do actual goberno local, senón dunha longa traxectoria de xestións impulsadas polos anteriores executivos socialistas en base ás demandas da cidadanía. Xa en 2020 o Concello presentara na Xunta un anteproxecto da senda para a súa inclusión nos plans de infraestruturas, sen obter resposta naquel momento”

O grupo socialista anuncia, ademais, que revisará con lupa o proxecto co fin de vixiar que esta obra se faga con total transparencia, respecto ambiental e co consenso da veciñanza afectada.


domingo, 29 de setembro de 2024

Os/as Socialistas da Guarda acadan o compromiso de Carrero para retomar a saída súr

  •  A portavoz socialista, Fátima Rodríguez, afirma que “é incomprensible que despois dun ano de mandato, e de que o Partido Socialista lle deixara o traballo totalmente encamiñado, o alcalde non teña avanzado un só paso neste proxecto tan vital para o noso concello. Durante anos, na oposición, fixo promesas e críticas, mais agora demostrou que as súas palabras eran só demagoxia”.

A semana pasada os/as socialistas levaron a pleno unha moción para esixir ao actual goberno que volva a retomar o proxecto da saída sur ao porto, tema que Carrero deixou “tirado nun caixón” desde que foi nomeado alcalde.

Grupo Municipal Socialista
"Este alcalde é experto en boas palabras e promesas, pero evita enfrontarse aos asuntos importantes porque, dun lado lle requiren moito traballo, e por outro os seus intereses non están na mellora da Guarda, senón nas súas propias aspiracións políticas. Vendo que só actúa nos temas cruciais cando se lle presiona, decidimos levar esta moción ao pleno", afirma a portavoz socialista.

Afortunadamente a moción aprobouse, e Carrero queda deste xeito comprometido coa Guarda a poñerse a traballar de forma inmediata pola saída sur ao porto, xa que no seguinte pleno ordinario, que será en novembro, deberá informar aos membros da corporación dos avances acadados.

Os/as socialistas esperan que o alcalde cumpra coa súa palabra e actúe conforme ao compromiso adquirido. Porén, lamentablemente, están afeitos/as a ver como fai promesas que logo non se materializan, e anuncian que seguirán vixiantes para asegurarse de que non volva deixar “aparcado” este proxecto tan importante.