Amosando publicacións coa etiqueta comunicación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta comunicación. Amosar todas as publicacións

luns, 24 de novembro de 2025

Os cinco Grupos Municipais Socialistas do Baixo Miño impulsan unha moción conxunta para reclamar melloras urxentes no transporte público da comarca

 Os grupos municipais socialistas da Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui, de maneira coordinada e tras un traballo conxunto, presentarán nos cinco concellos unha moción para esixir á Xunta de Galicia unha mellora profunda do transporte público na comarca do Baixo Miño.

A iniciativa, articulada a través da Coordinación Comarcal do PSdeG-PSOE, responde ás numerosas queixas veciñais e aos resultados dunha enquisa cidadá realizada entre persoas usuarias de todos os municipios da comarca. O estudo revela carencias graves na mobilidade: conexións deficientes con Vigo, o CUVI e os hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro; frecuencias insuficientes; autobuses saturados en horas punta; e dificultades de acceso a servizos esenciais, especialmente nas parroquias con menor densidade poboacional.

Entre os datos máis destacados, a maioría das persoas participantes valoran con entre 1 e 3 puntos (sobre 5) as conexións cos hospitais e co campus universitario, e unha parte significativa asegura ter quedado sen poder subir ao autobús nalgunha ocasión por falta de prazas.

A moción que se presentará nos cinco concellos para ser debatida nos próximos plenos ordinarios, insta á Xunta a incorporar estas necesidades reais na planificación e na nova licitación das concesións de transporte, recentemente alterada tras rescisións de servizo no sur da provincia.

As principais medidas que se propoñen son:

  • Reforzo das frecuencias en días laborais e fins de semana.
  • Liñas directas e cadenciadas cos hospitais e co CUVI.
  • Implantación de servizos a demanda nas parroquias e franxas de menor mobilidade.
  • Avances en accesibilidade e información en tempo real.
  • Mecanismos de control e penalización por incumprimentos das empresas concesionarias.

Ademais, a proposta inclúe a creación dunha Mesa Técnica Comarcal do Baixo Miño, con presenza da Xunta, dos concellos e das empresas de transporte, para avaliar a situación, priorizar melloras inmediatas e establecer indicadores públicos de calidade do servizo.

A Coordinación Comarcal subliña que esta acción conxunta “é un exemplo do compromiso dos cinco grupos municipais socialistas coa defensa dunha mobilidade digna e accesible, que garanta o acceso da veciñanza á sanidade, á educación, ao emprego e ao conxunto dos servizos públicos”.


venres, 29 de novembro de 2024

O Grupo Socialista da Guarda insta ao alcalde a actuar e esixir solucións para un transporte público digno.

 O pasado mércores, o Grupo Municipal Socialista (GMS) conseguiu a aprobación unánime dunha moción para esixir á Xunta de Galicia melloras no servizo de transporte público na Guarda, unha demanda amplamente reclamada pola veciñanza.

A moción, presentada polo Grupo Municipal Socialista, tras numerosas queixas recollidas nos últimos meses, insta ao alcalde a deixar de mirar cara outro lado, e abordar o problema directamente co responsable da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, demandando solucións inmediatas ante as graves deficiencias da actual concesión xestionada pola empresa Lugove.

Desde a súa implantación a finais de 2020, este servizo revelou múltiples carencias:

  • Redución de paradas.

  • Frecuencias insuficientes, especialmente en horas punta.

  • Autobuses saturados que deixan usuarios nas paradas sen alternativa de transporte.

Estas deficiencias afectan especialmente aos colectivos máis vulnerables: estudantes, persoas maiores que necesitan acceder aos hospitais de referencia (Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro), e traballadores/as que dependen deste medio para os seus desprazamentos. A situación é tan grave que, en moitas ocasións, os/as usuarios/as vense obrigados/as a recorrer a taxis como única opción para chegar aos seus destinos.

Na moción aprobada, solicitouse:

  1. Que o goberno local traslade á Xunta a urxencia de mellorar o servizo de transporte público.

  2. Que se adapten horarios e se reforcen frecuencias para cubrir as necesidades reais da veciñanza.

  3. Que se esixa á empresa adxudicataria o cumprimento rigoroso das condicións pactadas e se realice un seguimento eficaz.

Un transporte público eficiente non só mellora a calidade de vida da cidadanía senón que tamén garante a igualdade de acceso a servizos esenciais, como a educación e a sanidade, e contribúe á sostibilidade. Desde o GMS reiteramos o noso compromiso en esixir unha solución inmediata e efectiva para que A Guarda dispoña dun transporte público digno e acorde coas súas necesidades.


xoves, 18 de xullo de 2024

Carrero deixa 1 ano “no caixón” o proxecto da Saída Sur ao Porto da Guarda.

  •  A tan ansiada saída sur ao porto, un proxecto que os/as socialistas estabamos sacando adiante coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e que quedara moi avanzado a finais da lexislatura pasada, leva todo un ano paralizado.
  • A portavoz do partido socialista, Fátima Rodríguez, presentará unha moción ao pleno para que o actual equipo de goberno teña que comprometerse a seguir impulsando este proxecto.

As xestións para dotar á Guarda desta necesaria infraestrutura foran xa iniciadas a principios de marzo de 2017, ano no que o anterior alcalde da Guarda, Antonio Lomba, solicitou á Deputación de Pontevedra presidida pola socialista Carmela Silva, a redacción do proxecto desta infraestrutura, vinculada á humanización de Concepción Arenal.

Infografía do acceso sur do porto da Guarda
Despois de anos de trámites e antes do remate da anterior lexislatura, conseguíase o informe favorable de Patrimonio ao proxecto proposto. E, en xuño de 2023, co mandato de Carrero xa iniciado, publicábase no DOGA o informe favorable da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, que definitivamente daba luz verde ao proxecto de construción dun novo acceso ao porto da Guarda.

Unha vez feitos estes trámites, que realmente eran os máis complicados, o actual alcalde debería ter “movido ficha” neste asunto durante este ano, pero non foi así. Fai unhas semanas solicitamos acceso ao expediente para saber en que punto se atopaba o tema, e cando nolo deron puidemos comprobar que todo o procedemento quedara paralizado xusto no punto no que nós o deixáramos.

Todo isto ven a demostrar, unha vez máis, que todos eses asuntos que parecían preocuparlle tanto a Carrero cando estaba na oposición e sobre os que facía tanta demagoxia, agora pasaron a un segundo ou terceiro plano.

Preguntámonos se este goberno vai a seguir paralizando todos os proxectos importantes para A Guarda, e se Carrero vai a seguir no seu papel de “alcalde ausente” os próximos tres anos de lexislatura.

Tamén nos gustaría saber se Roberto vai a preocuparse nalgún momento dos asuntos da Guarda, porque aínda que vaia aos eventos e se saque fotos para aparentar actividade, este alcalde non lle dedica suficiente tempo ao Concello, e ás probas nos remitimos: subvencións perdidas, proxectos paralizados, falta de mantenemento, ausencia de novas iniciativas, etc.

Nós, pola nosa parte, e demostrando o noso compromiso coa Guarda levaremos a pleno unha moción para que o equipo de goberno teña que comprometerse a seguir adiante con este proxecto, e sobre todo non se perdan todos os avances feitos desde 2017, avances aos que costou moito esforzo e tempo chegar.