mércores, 5 de outubro de 2022

A moción do Grupo Municipal Socialista da Guarda contra o veto europeo á pesca de fondo acadou o apoio unánime da Corporación Guardesa.

  •  O Grupo Municipal Socialista do concello da Guarda presentou esta moción por urxencia para amosar o apoio ao sector pesqueiro
  • Nesta moción se solicitaba que se iniciase unha recollida de sinaturas en rexeitamento do veto á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental.

O Grupo Municipal Socialista presentou a moción por urxencia debido a que é necesario reclamar a inmediata suspensión da medida adoptada pola Comisión Europea ata que estean dispoñibles novos informes científicos. A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Montserrat Magallanes, indicou que esta medida se adoptou sen escoitar ao sector pesqueiro, sen escoitar ás empresas e sen escoitar aos traballadores do mar. Debemos ter en conta que o sector pesqueiro galego é referente mundial na aposta pola sostibilidade medioambiental.

Ademais nestes momentos nos que Europa atravesa unha situación difícil por mor da guerra de Ucraína, as administracións temos que alertar do compromiso de dispoñibilidade dos produtos do mar.

O Grupo Municipal Socialista propuxo na súa Moción que o concello da Guarda iniciase unha recollida de sinaturas en apoio ao sector pesqueiro e de rexeitamento da medida adoptada pola Comisión Europea que veta a pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental, esta recollida de sinaturas realizarase en diferentes inmobles municipais, como a Casa dos Alonso ou a Praza de Abastos, tamén estará dispoñible na Confraría de Pescadores e na nave da asociación Redeiras Atalaia.

Ligazón ao texto da moción

mércores, 17 de agosto de 2022

O PSdeG reclámalle á Xunta que revirta os recortes de profesores do IES A Sangriña.

A viceportavoz parlamentaria Leticia Gallego denunciou que “o goberno de Rueda está contra a educación pública”

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2022. A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Leticia Gallego Sanromán, denunciou os recortes de docentes do goberno de Alfonso Rueda, o cal sinala que está contra a educación pública. Incidiu na necesidade de reverter esta política para garantir o dereito dos alumnos a unha ensinanza de calidade e na desigualdade social que isto xera.


A deputada socialista mantivo hoxe unha reunión co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a concelleira de educación, Fátima Rodríguez e  o director do instituto IES A Sangriña, Carlos Alonso. O motivo da mesma é que neste centro a Xunta recortou seis profesores o curso pasado e sete para o que vai comezar, facendo un total de trece docentes menos en dous cursos. Isto motivou a dimisión conxunta da directiva en sinal de protesta e impotencia.


A política de recortes en educación levou a este instituto público a un “punto límite”, xerando un gran malestar entre o persoal docente, que ten unhas ratios de ata 180 alumnos por docente e 30 alumnos por aula. Nestas condicións resulta “imposible” para os profesores ensinar ao alumnado con eficacia. 


Para Gallego esta é unha mostra máis do “nulo interese do PP” pola educación pública, xa que non lles importa levar a unha “situación límite” aos centros educativos con tal de “cadrar as contas ou beneficiar á privada”. Sinalou que o sistema de educación pública é o garante da igualdade e motor da mobilidade social, e que está sendo desmantelado polo goberno de Rueda, que “mantén a herdanza de Feijóo” en canto á política na educación e na sanidade. 


Resulta esencial, para a deputada socialista, que os rapaces e rapazas da Guarda teñan acceso a unha ensinanza de calidade, facendo necesario fincapé nos alumnos con necesidades especiais que precisan de máis docentes para unha atención máis personalizada.


No ensino hai cuestións máis importantes que cumprir coas ratios. É prioritario atender as necesidades do alumnado. Os responsables de educación da Xunta saben que hai moitos alumnos e alumnas que necesitan maior atención da que se lle pode dar en aulas saturadas. Eles mesmos propoñen programas e proxectos que non se poden realizar por falta de horas dispoñibles entre o profesorado.


O aumento dos alumnos dos que se ten que facer cargo cada profesor “desvirtúa a lóxica do sistema educativo”, onde atendendo e coñecendo a cada alumno, o docente poida sacar o máximo potencial de cada un deles. Estando cunha media de 30 rapaces por aula, “resulta inviable” que se desenvolvan as súas competencias. 


luns, 18 de xullo de 2022

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, desafía ao portavoz do BNG local a un debate público sobre o PERI 5

O BNG continúa mentindo e manipulando a cidadanía con informacións sobre as posibilidades do PERI 5 que nada teñen que ver coa realidade.

A Guarda a 18 de xullo de 2022. O BNG da Guarda minte ao afirmar que se lograrían 15.000 m2 para dotacións públicas ao desenvolver o PERI 5.

Menten ao dicir que ao segregar a finca de Fínola se reduce a superficie para dotacións que se obtén co desenvolvemento do PERI. Todo o contrario, grazas a compra da finca de Fínola, o chan dotacional municipal aumenta en 3000 m2 dado que o concello non perde dereitos sobre o novo ámbito do PERI. Máis aínda, ao actualizar a ficha á lexislación actual aumentan as cesións para dotacións municipais e vivenda protexida.

O BNG foi en contra dos intereses da veciñanza en 2018 ao votar contra a compra da finca de Fínola e agora non queren recoñecer aquel erro e continúan posicionados contra a opción mais favorable para a Guarda: converter unha propiedade municipal nun solar de chan dotacional.

O posicionamento do grupo socialista e do alcalde Antonio Lomba e claro: “mentres gobernemos seguiremos avanzando na modificación puntual que posibilitará, nun tempo breve, adicar a finca de Fínola a cubrir as necesidades da veciñanza. Sería un gran avance para a Guarda poder unir a alameda con Fínola para ampliar a zona de ocio no centro da vila; construír nese espazo un auditorio e un aparcadoiro subterráneo.”

O alcalde pide a confianza da cidadanía nas xestións que se están a facer: “a veciñanza da Guarda merece ter información clara e veráz”. Por este motivo o alcalde da Guarda, Antonio Lomba reta ao portavoz do BNG, Anxo Baz a un debate público para desmontar as súas afirmacións. A fórmula pode ser a celebración dun pleno extraordinario monográfico ou calquera outra que o portavoz do BNG prefira.


mércores, 29 de xuño de 2022

A humanización da contorna da Igrexa: unha actuación para recuperar espazo público e poñer en valor o patrimonio municipal.

 

  • O BNG da Guarda mentiu ao afirmar que o Goberno municipal  incumpría o informe de patrimonio na humanización da contorna da igrexa.

  • O bulo do BNG e denuncias “anónimas” diante a policía autonómica e a Dirección Xeral de Patrimonio puxeron en risco unha subvención de preto de 55.000 € para financiar a actuación.

A Guarda a 28 de xuño de 2022. En vista dos inconvenientes  que o BNG puxo á execución da humanización da contorna da Igrexa, a pregunta é obvia: ten algo que dicir Anxo Baz e o seu grupo contra a recuperación do espazo público e a protección e posta en valor do patrimonio que se consigue coa instalación do mobiliario nesta zona?



A humanización da contorna da Igrexa Parroquial de Santa María era un compromiso do Grupo Municipal Socialista e do actual equipo de goberno do concello da Guarda. Segundo manifestaba o alcalde, Antonio Lomba: “a pesar de que se levaban tentado distintas iniciativas para eliminar ou cando menos reducir os vehículos que estacionaban arredor da Igrexa, o número de coches aparcados seguía sendo moi elevado, dando unha visión moi negativa desta zona e prexudicando moi seriamente a protección e posta en valor do petróglifo que se atopa nas inmediacións”.

No ano 2020, fai agora 2 anos, o equipo de goberno anunciou a intención de acometer a humanización da contorna da Igrexa, para elo elaboráronse dúas propostas que se someteron a consideración da veciñanza nun proceso de participación cidadá. Unha vez que se fixo pública a proposta gañadora mantívose unha reunión cos comerciantes da zona para explicarlles os pormenores da futura actuación e comezou a redacción do proxecto.

Entregada a primeira versión do proxecto, a Dirección Xeral de Patrimonio emite informe favorable en xaneiro de 2021 e pon unha serie de condicións relativas a redución do mobiliario e protección e posta en valor do petróglifo. A partir desta data trabállouse con patrimonio no proxecto para cumprir as condicións que se recollen no informe. Despois de meses de traballo acórdouse, entre patrimonio e a técnica redactora do proxecto un documento definitivo en base ao cal se executou a humanización.

Non cabe dúbida de que os principais obxectivos do proxecto cúmprense coa execución desta humanización, que básicamente consiste na colocación do mobiliario. Conséguese a retirada dos vehículos da contorna da igrexa recuperando espazo público para as persoas a vez que se elimina o impacto visual negativo sobre a nosa Igrexa Parroquial. Así, revalorízase toda a contorna, incluído o atrio da Igrexa e un tramo do Camiño Portugués da Costa. Tamén queda sinalizado e protexido dos vehículos o petroglifo GA-36023015, que pasa a convertirse nun novo punto de interese na zona.

É difícil entender como pode haber algún grupo político da corporación municipal que se pon do lado dos que pretenden evitar a execución da obra en vez de actuar con responsabilidade institucional e apoiar melloras para A Guarda e a súa veciñanza.








luns, 6 de xuño de 2022

O PSOE Guardés denuncia as falacias do BNG en relación coa finca de Fínola.

 A Secretaria Xeral da Agrupación Socialista na Guarda, Montserrat Magallanes, traslada á cidadanía a felicitación porque a finca de Fínola pase a ser chan dotacional.

No último pleno o concello da Guarda sacaba  adiante unha proposta  do alcalde, Antonio Lomba, de modificar inicialmente  o planeamento urbanístico para calificar o chan da finca de Fínola que era chan urbano non consolidado  a  chan urbano consolidado de uso dotacional, esta proposta saíu  aprobada cos votos favorables  do PSOE e do PP, o BNG e Converxencia Galega votaron en contra.

Temos que indicar que o  BNG  amosa unha  absoluta incompetencia en materia urbanística, o demostraron no pasado co seu posicionamento en contra do convenio dos Xesuítas,   co seu enfrontamento  a Senda Litoral, co voto en contra da adquisición de Fínola, ou co seu rexeitamento á  proposta de ACCESO SUR ao Porto da Guarda, e o están a demostrar agora co seu voto en contra da Modificación Puntual que transforma o chan de Fínola en dotacional.


Mentiron  descaradamente cando dicían no 2018 “coa adquisición da finca de Fínola soamente cambia o propietario da finca, o uso vai ser o mesmo. Que vantaxe saca o pobo da Guarda? Onde había un parking, seguirá habendo un parking” Vaia se cambiou o uso, tanto que vostedes votaron en contra no último Pleno do concello da Guarda, amosando un claro cinismo político ao non ser quen de  recoñecer o seu erro no pasado. Prefiren que Fínola siga sendo un parking e desesperan ante a posibilidade de ampliar a Alameda e crear en Fínola un Auditorio, van seguir montados no mesmo carro, mentira tras mentira.


E no 2022 seguen mentindo, son capaces de dicir que estamos “dilapidando o patrimonio municipal”,  aínda non se enteiraron, a finca de Fínola xa é municipal, xa é propiedade de todos e de todas as guardesas, e onde antes había 0 metros cadrados de chan dotacional agora pasamos a  3.102 metros cadrados  dotacionais, toda a finca dotacional.  Dilapidar é perder oportunidades ou non crer no futuro da Guarda, seguir anclados no pasado e  oporse ante calquera iniciativa para que o pobo avance.


Fronte aos seus atrancos e mentiras, mais parecen que están traballando para o PP que para os seus votante, o Partido Socialista ten moi claro que  o desenvolvemento e crecemento da vila da Guarda pasa por un amplo espazo no casco urbano, unificando   a Alameda  co Centro Cultural, Fínola e integrar tamén a rúa Rosalía de Castro, para rexenerar e por en valor todo o patrimonio municipal nesa zona  e para construír un equipamento tan necesario como o auditorio. 


O Partido socialista da Guarda aplaude o paso dado polo equipo de goberno municipal, liderado por Antonio Lomba, en relación coa Modificación Puntual 7 que converterá a finca de Fínola en dotacional. Os guardeses e guardesas son os grandes beneficiarios da compra de Fínola e da modificación puntual. Queremos chan para equipamentos, e o queremos XA!.


venres, 3 de xuño de 2022

O papel da finca de Fínola no futuro da Guarda.

 Por que se mercou a finca de Fínola en 2018?

No concello da Guarda temos un importante déficit de chan público e esta falta de espazo faise máis evidente no casco urbano. Faltan zonas para estacionamentos, faltan espazos verdes e sobre todo falta chan para dotacións municipais. O chan para servizos municipais, chamado “dotacional” é o que permitiría construír edificacións ou instalacións adicadas por exemplo a servizos sanitarios, asistenciais, docentes, culturais, deportivos e outros.

Dende fai moitos anos a finca de Fínola víñase utilizando por parte das comisións de festas e do concello para diversos usos gracias a boa vontade dos propietarios. No ano 2018 danse unha serie de circunstancias que fixeron que o concello se planteara adquirir esta propiedade:

  1. O concello tiña unhas contas saneadas e depuradas que permitían facer fronte ao investimento.

  2. A finca ten unha situación estratéxica dende o punto de vista do interese público, está entre a alameda e a finca do Centro Cultural, polo que resulta interesante para conseguir un gran espazo de chan público no casco urbano, que podería destinarse a dúas grandes necesidades da Guarda: un auditorio e un gran parque.

  3. Dende o punto de vista urbanístico existe a posibilidade de convertir a parcela en dotacional sacándoa fora do ámbito do PERI 5. Desta forma trátase de evitar a construción privada na finca e posibilitar que ademais de zonas verdes ou aparcamentos se poida construir o equipamento que o concello necesite, por exemplo, como comentabamos antes, un auditorio.

  4. O propietario estaba interesado en vender.

  5. O valor das propiedades inmobiliarias estaba en niveis moi baixos.

  6. O PERI 5 está grafiado no PXOM do concello da Guarda dende a súa aprobación en 1993. Nin no ano 2018 nin na actualidade hai indicios de que o PERI se vaia a desenvolver e o concello non ten a capacidade técnica nin económica para facelo. A todo isto hai que engadir que a ficha do PERI non contemplaba nin un só metro cadrado de chan dotacional, é dicir, non se podería  construír nin o auditorio nin calquera outro equipamento público.

O valor de compra da finca foi moi ventaxoso para o concello. O prezo foi determinado por un técnico municipal, nun informe que está a disposición de quen queira velo,  en 310.928,54 €. O prezo final pagado polo concello foi de 280.000 €. Se algún grupo político insinúa que a operación non foi limpa quizá habería que aplicarlle o refraneiro. A venda foi acorde a lei e aprobada en pleno.

Que facemos agora que a finca de Fínola é municipal?

Agora que o concello é propietario da finca de Fínola cunha superficie de 3.102 m2 ,cales son as opcións para esa propiedade? e desas opcións cal é a mellor para os intereses da Guarda?

O proxecto do equipo de goberno encabezado por Antonio Lomba cando adquiriu a finca era moi concreto, así se plasmaba na memoria de alcaldía que xustificaba a adquisición: a finalidade da compra de Fínola era a de convertir esta finca en chan dotacional.

A modificación puntual para convertir Fínola en dotacional foi dende o principio unha declaración de intencións. Pero imos a analizar se hai algunha outra proposta razoable, para ver se de verdade hai despilfarro ou polo contrario o que hai é ignorancia por parte de quen critica a operación.

A Modificación Puntual nº 7 para a finca de Fínola e o PERI 5 aprobouse inicialmente no último pleno. Os principais motivos para levar adiante esta MP son os seguintes:

  1. Por interese público, conséguese espazo para dotacións no centro urbano da Guarda, que non se conseguirían  co desenvolvemento do PERI 5.

  2. Optimízase o uso do patrimonio municipal adecuando a parcela a súa realidade física de chan urbano consolidado.

  3. Increméntase os equipamentos públicos municipais, donde antes non había nada.

  4. Dotase ao ámbito do PERI 5 de seguridade xurídica ao actualizalo a normativa urbanística actual

A outra alternativa que se plantea é non modificar o planeamento deixando a parcela dentro do PERI. Nese caso teríamos unha parcela coa condición de solar que non se pode usar para nada o que a convirte nun activo antieconónico. Iso si que sería un despilfarro.

Non cabe dúbida que modificar o planeamento para convertir a finca de Fínola en dotacional redelimitando o PERI5, tal como se aprobou inicialmente no pasado pleno, permitirá optimizar o patrimonio municipal en favor da veciñanza. Nesta operación, ademais de converter en dotacionais os 3102 m2 da finca de Fínola, aparece unha cesión municipal na nova ficha, pola adaptación á normativa, do 10%, que equivale a 1.168,80 m2. Isto quere dicir que se consiguen en total 4.270,80 m2 de chan dotacional gracias a MP7 onde antes non había nin un só metro.

Resulta indiscutible que o aumento dos metros cadrados de equipamentos no entorno urbano repercuten na mellora da calidade de vida e a cohesión social. 

Os grandes beneficiarios da compra de Fínola  e da Modificación Puntual 7 son os guardeses e guardesas do presente e do futuro, xa que permitirá, sobre todo aos primeiros, poder desfrutar dun equipamento tan necesario e demandado como será o Auditorio  e da ampliación da Alameda ( incorporando ademais a rúa Rosalía de Castro) nun prazo curto de tempo, algo que non sería posible doutro xeito.


martes, 24 de maio de 2022

A Guarda is alive

 

Non estou de acordo coa expresión “A Guarda está paralizada”. A da Guarda é unha sociedade dinámica a todos os niveis, social, cultural, deportivo e por suposto económico, como corresponde a unha histórica cabeceira de comarca.

Se falamos de política, deixo unhas pinceladas do traballo que estamos facendo no concello da Guarda co impulso dun equipo de goberno do que me sinto moi orgulloso pola súa valía e capacidade que da a estabilidade e tranquilidade que un concello necesita.

Neste momento estamos xestionando 1.359.954,46 € gracias ao plan concellos da Deputación de Pontevedra, entre outros proxectos para: Urbanización da 1ª fase da rúa Coruña, apertura da rúa Baixo Muro-Ireira, creación do Camiño Escolar do colexio Sinde, iluminación ornamental dos edificios municipais da praza do reló, reforma estética interior da Praza de Abastos, rehabilitación dos patios do Vello Sinde, pavimentación de camiños no rural, etc. 

Acabamos de empezar as obras e reforma e ampliación do pavillón da Sangriña cun investimento de 1.870.667,53 €, tamén se está executando a 3ª fase da urbanización da rúa da Cal co empedrado do entorno da fonte, a humanización do entorno da Igrexa, a 3ª planta da Casa dos Alonsos (novo concello) e en breve empezará a humanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde.

Fai uns días cumpría un compromiso recentemente adquirido e dáballe a aprobación inicial ao “Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións A Sangriña” que permitirá, unha vez se aprobe definitivamente, ter terreos para dotacións deportivas, como por exemplo un novo pavillón.

Tamén levamos ao próximo pleno a aprobación inicial da Modificación Puntual número 7 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que permitirá cualificar como dotacional a “finca de Fínola”. Unha vez aprobada esta modificación poderase facer na finca unha infraestrutura municipal, cousa que de momento non se pode. O noso proxecto é construír alí un auditorio, un aparcadoiro subterráneo e unir a alameda coa finca para ter unha gran zona de espallamento

Estamos redactando ou acaban de entregarnos varios proxectos moi interesantes para A Guarda:

  • Proxecto de mellora dos accesos e posta en valor do Castelo de Santa Cruz, actuación para a que xa contamos cunha subvención de 240.000€

  • Proxecto de de mellora da seguridade e accesibilidade no entorno do CEIP As Solanas.

  • Proxecto de Humanización da rúa Joaquín Alonso (Praza Nova)

  • Proxecto da senda de unión entre A Guarda e o Rosal

Para os fondos de recuperación Europeos Next Generation acabamos de presentar o proxecto de reforma e ampliación do pavillón da Sangriña, para recuperar parte do investido polo concello. Acabamos de presentar tamén o Plan de Turismo Sostible en Destino para A Guarda e estamos tramitando a presentación do proxecto de mellora enerxética e reforma da Piscina Municipal. 

A través de Costas do Estado tamén estamos xestionando unha subvención para os fondos Next Generation para a rexeneración medioambiental do estacionamento da Armona.

Este  mesmo ano executaremos as obras para unha nova biblioteca na sala de exposicións do Centro Cultural cun orzamento de 85.641,35 € financiada con fondos propios.

Estamos traballando no plan REHABITA, un plan de rehabilitación de vivendas que ten como obxectivo a colaboración público privada para aproveitar as liñas subvencións que permitan modernizar o parque de vivendas da localidade, que dinamicen a oferta de alugueiro en beneficio dos propietarios e dos demandantes e que actúen como motor económico no sector da construción e rehabilitación de vivendas.

Estamos traballando no fomento do uso das enerxías renovables, tanto para o ámbito privado como municipal. O noso obxectivo é constituír comunidades enerxéticas ou instalacións de autoconsumo para ceder a enerxía sobrante a particulares e abaratar a factura da luz.

Temos un obradoiro de emprego con un módulo de Axuda no Fogar e outro de Turismo que se atopan na actualidade na fase de prácticas.

En relación ao edificio do obradoiro de emprego, cando remate a formación que se está a impartir, acometeremos unha reforma para instalar un ascensor e darlle accesibilidade e cambiaremos a carpintería para mellorar a eficiencia enerxética do edificio.

Estamos actualizando o PACES (Plan de Acción Polo Clima e a Enerxía Sostibles). Toca facelo despois de dous anos da súa posta en marcha no 2020.

Estamos redactando o Plan de Implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Guarda.

Estamos en plena negociación do convenio colectivo e táboa salarial cos traballadores municipais e sindicatos.

Levamos meses traballando na promoción do Camiño Portugués da Costa para que se produza a recuperación que estamos vendo, con centos de peregrinos cada día polas rúas a pesar de que Portos de Galicia deixou abandonado o peirao do ferri impedindo o funcionamento do barco. E tendo en conta que a propia Xunta apoia un itinerarios non oficiais co mesmo nome co noso.

Xunto coa cámara de Caminha e a Deputación de Pontevedra estamos facendo un estudo de mobilidade entre A Guarda e Caminha para determinar como pode ser a comunicación do futuro entre as dúas vilas.

Estamos traballando xunto coas nosas atadeiras da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia para propoñelas á candidatura da Medalla Emilia Pardo Bazán, pola súa labor en prol do recoñecemento dos dereitos ao seu sector e ás mulleres do mar en xeral.

Para este ano xa temos dúas bandeiras azuis para as praias do Muíño e da Area Grande e un recoñecemento do sendeiro azul para a senda que une as dúas praias.

Ademais de todo o mencionado estamos organizando actividades turísticas, culturais, deportivas, medioambientais, concertos, festas, etc. Non hai máis que coller a axenda de actividades de calquera semana para comprobalo. Xa temos completa a programación de actividades para os meses de xullo e agosto. A Guarda non está paralizada porque a actividade de xestión política do equipo de goberno e dos traballadores municipais é intensa e sobre todo porque a actividade das persoas, asociacións, organización e clubs desta vila é aínda máis intensa.

O que está paralizado na Guarda a pesar de que unha e outra vez berramos ben alto que temos os mesmos dereitos que o resto dos galegos, os doutras vilas e os das cidades. Son cousas como estas:

  • A Xunta ten paralizada a Autovía a Tui unha infraestrutura fundamental para o noso futuro.
  • A Xunta ten paralizado a reparación do peirao do ferri. Agora non podemos ter ferri
  • A Xunta non manda os médicos que necesitamos para o Centro de Saúde nin para Urxencias. Calquera día temos unha desgracia.
  • A Xunta ten paralizada a senda de circunvalación ao Monte Trega. Para cando pensan facela?

En resumo, A Guarda non está paralizada a pesar de que o PP e a Xunta de Galicia esfórzanse por conseguilo