A viceportavoz parlamentaria Leticia Gallego denunciou que “o goberno de Rueda está contra a educación pública”
Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2022. A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Leticia Gallego Sanromán, denunciou os recortes de docentes do goberno de Alfonso Rueda, o cal sinala que está contra a educación pública. Incidiu na necesidade de reverter esta política para garantir o dereito dos alumnos a unha ensinanza de calidade e na desigualdade social que isto xera.
A deputada socialista mantivo hoxe unha reunión co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a concelleira de educación, Fátima Rodríguez e o director do instituto IES A Sangriña, Carlos Alonso. O motivo da mesma é que neste centro a Xunta recortou seis profesores o curso pasado e sete para o que vai comezar, facendo un total de trece docentes menos en dous cursos. Isto motivou a dimisión conxunta da directiva en sinal de protesta e impotencia.
A política de recortes en educación levou a este instituto público a un “punto límite”, xerando un gran malestar entre o persoal docente, que ten unhas ratios de ata 180 alumnos por docente e 30 alumnos por aula. Nestas condicións resulta “imposible” para os profesores ensinar ao alumnado con eficacia.
Para Gallego esta é unha mostra máis do “nulo interese do PP” pola educación pública, xa que non lles importa levar a unha “situación límite” aos centros educativos con tal de “cadrar as contas ou beneficiar á privada”. Sinalou que o sistema de educación pública é o garante da igualdade e motor da mobilidade social, e que está sendo desmantelado polo goberno de Rueda, que “mantén a herdanza de Feijóo” en canto á política na educación e na sanidade.
Resulta esencial, para a deputada socialista, que os rapaces e rapazas da Guarda teñan acceso a unha ensinanza de calidade, facendo necesario fincapé nos alumnos con necesidades especiais que precisan de máis docentes para unha atención máis personalizada.
No ensino hai cuestións máis importantes que cumprir coas ratios. É prioritario atender as necesidades do alumnado. Os responsables de educación da Xunta saben que hai moitos alumnos e alumnas que necesitan maior atención da que se lle pode dar en aulas saturadas. Eles mesmos propoñen programas e proxectos que non se poden realizar por falta de horas dispoñibles entre o profesorado.
O aumento dos alumnos dos que se ten que facer cargo cada profesor “desvirtúa a lóxica do sistema educativo”, onde atendendo e coñecendo a cada alumno, o docente poida sacar o máximo potencial de cada un deles. Estando cunha media de 30 rapaces por aula, “resulta inviable” que se desenvolvan as súas competencias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario