venres, 28 de abril de 2023

Os socialistas da Guarda fan un balance moi positivo dos primeiros meses do "Plan Rehabita", "que será un dos piares da nosa acción de goberno no próximo mandato"

--- Onte celebrouse unha nova reunión para explicarlle esta iniciativa aos veciños


A Guarda, 28 de abril de 2023. Os socialistas da Guarda fan un balance moi satisfactorio dos primeiros meses do ‘Plan Rehabita’, un proxecto que ten como finalidade informar e asesorar aos veciños e veciñas sobre como rehabilitar as súas vivendas, mellorando a súa imaxe e a eficiencia enerxética dos inmobles, e ao mesmo tempo beneficiándose das subvencións que proceden de fondos europeos Next Generation.


“Agradecemos o interese co que os veciños acolleron o plan, que será un dos piares da nosa acción de goberno no próximo mandato”, asegura Antonio Lomba, alcalde e candidato socialista.


“Con este plan, o Concello da Guarda converteuse no motor e no punto de encontro tanto de veciños como de profesionais do sector da edificación: empresas de reformas e servizos enerxéticos, fabricantes, administradores de inmobles e técnicos”, engade Antonio Lomba.



Onte, na Casa dos Alonso, celebrouse unha nova reunión cos veciños e veciñas da Guarda para explicarlles en que consiste o plan e que pasos deben dar se están interesados en rehabilitar as súas vivendas.


En palabras do alcalde e candidato socialista, “puxemos en marcha o plan porque queríamos coordinar a conservación e rehabilitación de todas as vivendas da vila; un desenvolvemento sostible, incrementando o valor da arquitectura, o deseño e a accesibilidade, e o fomento da rehabilitación enerxética e o confort do fogar”.



Con este plan, o goberno socialista da Guarda creou unha proposta atractiva para os propietarios das vivendas, capaz de potenciar na localidade o alugueiro de longa duración e o aloxamento vacacional, así como a activación, a renovación e a modernización das vivendas existentes para entrar nas esixencias europeas de eficiencia enerxética e sustentabilidade.



“O obxectivo é ademais xerar emprego nas empresas do sector con actividade no concello”, remata Antonio Lomba.


Para máis información, os socialitas lembran que os veciños poden chamar ao 986 610000, escribir a  rehabita@aguarda.es, ou entrar en https://www.rehabita.aguarda.es

xoves, 27 de abril de 2023

O PSOE da Guarda considera que o feito de que Roberto Carrero presente un proxecto "con imaxes de obras noutros paises. Demostra que máis que "un novo rumbo", o que lle pasa é que perdeu o rumbo"

Os socialistas da Guarda consideran “unha falta de respecto aos nosos veciños e veciñas” que o PP da Guarda presente no seu programa electoral o proxecto dun novo complexo deportivo para o concello “con infografías e imaxes de obras e actuacións en países como Arxentina e Panamá”.

“Falan dun novo rumbo para A Guarda no seu programa, pero este tipo de comportamentos demostran que o que lles pasa realmente é que perderon o rumbo, tanto Roberto Carrero como o PP local”, lamenta o PSOE.

Os socialistas demandan “unha rectificación inmediata do PP e do señor Carrero, que pidan perdón aos veciños por uns feitos intolerables”.



martes, 25 de abril de 2023

Antonio Lomba destaca "As máis de 26.500 horas anuais de atención da axuda no fogar na Guarda" é garante que "incrementaremos o servizo nun 40%"

 ---“Os Servizos Sociais son un dereito dos veciños e unha prioridade para o noso equipo de goberno”, explica o alcalde e candidato socialista


---“As competencias do SAF son da Xunta, pero somos os concellos os que asumimos os incrementos do seu custo; boto en falta que o PP local e Roberto Carrero non demanden máis financiamento do goberno galego”, engade


Antonio Lomba, alcalde e candidato socialista á alcaldía da Guarda, destaca que “pechamos o mandato municipal cun Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que presta máis de 26.500 horas anuais de atención aos nosos veciños e veciñas”.



Foron en concreto no ano 2022 un total de 23.776,76 horas anuais de Dependencia e 2.807,94 horas na modalidade de Libre Concurrencia, atendendo a unha media de 60 veciños e veciñas do concello.


“Un servizo fundamental para as persoas maiores, os dependentes e as súas familias”, engade Lomba, que garante que “incrementaremos un 40% a partida municipal para este contrato”.


“As políticas sociais serán de novo sinal de identidade do goberno local no próximo mandato; é un dereito dos veciños, un dereito protexido pola lei para darlle asistencia ás persoas que o necesitan”, explica o alcalde e candidato socialista.


Lomba que lembra que “aínda que as competencias deste servizo son da Xunta, somos os concellos que os que asumimos desde hai anos os incrementos do seu custo”, botando en falta “que o PP local e Roberto Carrero non demanden un maior financiamento por parte do goberno galego”.


Outras medidas sociais


O goberno local, en colaboración coa Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e otras demencias de Galicia (AFAGA), desenvolveu tamén con éxito neste mandato o programa ‘Cultiva a túa Mente', dirixido á prevención do deterioro cognitivo, e outras iniciativas dirixidas ás persoas maiores.


Ademais, rehabilitouse a antiga vivenda dos mestres da Escola da Poza, en Camposancos, para a acollida de persoas e familias vulnerables.

domingo, 16 de abril de 2023

Antonio Lomba presenta "un magnífico equipo para que A Guarda Avance, unha candidatura progresista e socialista para mellorar a vida dos nosos veciños

--“Temos importantes proxectos xa encamiñados e o aval do traballo feito nos últimos anos”, asegura Lomba no acto de presentación da candidatura do PSOE da Guarda para as municipais do 28 de maio

--“O PP de Roberto Carrero non está a altura desta vila e actúa en contra dos intereses da Guarda; votou en contra de investimentos por valor de máis de 3,5 millóns de euros”, lembrou o candidato socialista 

A Guarda, 13 de abril de 2023. Os socialistas da Guarda presentaron esta tarde a súa candidatura para as eleccións municipais do próximo 28 de maio. “O mellor equipo para que a nosa vila avance, unha candidatura progresista e socialista para mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”, asegurou Antonio Lomba, alcalde e candidato do PSOE á alcaldía.


No acto, celebrado na Casa da Cultura da Guarda, interviron Montserrat Magallanes Álvarez, secretaria xeral da Agrupación Socialista da Guarda; David Regades, secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Antonio Lomba.

Na súa intervención, o candidato á alcaldía fixo un repaso do mandato municipal. “Tivemos un inicio convulso e unha pandemia, pero conseguimos gobernar con total liberdade, A Guarda tivo un goberno estable e unha lexislatura tranquila”, afirmou.

“A pesar das dificultades estamos moi satisfeitos de todo o traballo feito no concello. Fixemos moita xestión, conseguimos financiamento externo, incluídos fondos europeos Next Generation, sacamos adiante grandes proxectos para A Guarda e puxemos en marcha outros moi importantes para o futuro da vila”, manifestou.

No repaso da xestión destes catro anos, Lomba lembrou “a nova Escola Infantil Galiña Azul; a reactivación do polígono empresarial A Guarda-Rosal; o cambio da iluminación pública do concello por luminarias LED, e as políticas para as persoas maiores”. 

O candidato á alcaldía citou tamén “a modificación puntual do PXOM para habilitar chan deportivo na zona da Sangriña; a consolidación do parque deportivo do Codesal, e a reforma e ampliación do pavillón municipal da Sangriña”, ademais “da mellora do acceso a praia do Muíño e as actuacións de humanización”. “A Guarda é unha referencia turística e coidamos os nosos barrios e parroquias, mellorando os servizos públicos e as infraestruturas da vila”, engadiu.

En contraposición a este balance, lamentou que “o PP de Roberto Carrero non estivo nin está a altura, por facer dano político ao equipo de goberno actúa en contra dos intereses da Guarda, dos veciños e veciñas da Guarda; nestes últimos anos, votou en contra de investimentos para a nosa vila por valor de máis de 3,5 millóns de euros”. 



Futuro

Antonio Lomba anunciou, xa pensando no futuro a curto prazo, que “temos proxectos importantes moi encamiñados, como a senda arredor do monte Trega; a seguridade viaria na zona da Sangriña; o centro Sociocultural do Sinde Vello; a renovación integral da Piscina Municipal; o Centro de desenvolvemento local; o Auditorio Municipal na finca de Fínola, e a xestión dun Centro de día público no casco urbano”.

En palabras de Lomba, “necesitamos, para rematar coa humanización do centro da Guarda e ter unha comunicación eficaz co porto, executar o acceso sur ao Porto da Guarda; un proxecto, anuncio hoxe en primicia, que ten xa luz verde de Patrimonio. Luz verde polo trazado escollido polo noso equipo de goberno”.

Lomba amosouse convecindo “de que teremos o apoio dos nosos veciños e veciñas, apoiarán este equipo que ten veteranía, mocidade, capacidade e resiliencia para afrontar o que nos veña, a mellor candidatura posible para capitanear A Guarda nunha nova singladura”.




Máis viva que nunca

Pola súa parte, Montserrat Magallanes defendeu na súa intervención que “A Guarda está máis viva que nunca, porque temos unha xeración de mozos e mozas empurrando, porque as nosas rúas e prazas están cheas de vida, porque hai proxectos e moito futuro”. 

“Entre todos e todas o faremos posible, porque os guardeses e guardesas somos quen de lograr metas incribles, de acadar os logros máis imposibles e de crear futuro cando traballamos xuntos. E a por iso imos, imos traballar moi duro porque temos claro que o noso obxectivo é o progreso da Guarda e acadar un futuro cheo de oportunidades e de igualdade para os guardeses e guardesas”, afirmou.



CANDIDATURA PSOE A GUARDA

1 Antonio Lomba Baz

2 Monserrat Magallanes Álvarez

3 Fátima Rodríguez Marcos

4 Rafael Álvarez Martínez

5 Lucía Trigo González

6 Alejandro González Vicente

7 Pablo Woodward Alberte

8 Miguel Sousa Alfonso

9 Bárbara Domínguez González

10 María del Carmen Covadonga Mosquera Pérez

11 Marcos Freitas Baz

12 María Luz Alonso Carrero

13 José Antonio Moraleda Santos

14 María Elena Baz Rodríguez

15 María Teresa Vicente Baz

16 Luisa Baz Vicente

17 Miguel Angel Español Otero

18 Paulino Rodríguez González

19 Marina González González

20 José Luis Pacheco González

21 Carmen María Castro González

22 Pedro Borrajo Rivas

23 Julia Sobrino González

24 José Manuel Domínguez Freitas


CAMPOSANCOS

C Monserrat Magallanes Álvarez

Sup Alberto Lomba González

Sup José Manuel Domínguez Freitas


domingo, 5 de marzo de 2023

40 anos de presenza socialista no concello da Guarda e na entidade local menor de Camposancos

Este venres, o salón de actos do Centro Cultural da Guarda  acolleu un gran acto de recoñecemento aos 40 anos de presenza socialista no concello da Guarda e na entidade local menor de Camposancos. Foron moitas as persoas que durante estes 40 anos  formaron parte desas candidaturas e o Partido Socialista da Guarda quixo facer un acto de recoñecemento a esas persoas pola labor desenvolvida,  as horas de adicación  e esa ilusión coa que estiveron sempre liderando as principais demandas da cidadanía guardesa, como foi coa demanda de creación dun instituto para a localidade ou como é hoxe en día liderando as demandas por unha sanidade pública de calidade.

No ano  1983 o Partido Socialista da Guarda presentou a súa primeira candidatura,  ia encabezada por José Luis Lomba Alonso e o acompañaban moitos compañeiros (e unha muller, Avelina Alvarez Vicente), nesta lista figuraban tamén tres persoas Paulino Rodríguez, Miguel Angel Español e Victoriano Rodríguez González   que xa no ano  1979   tomaron  a decisión de participar nas eleccións municipais formando parte das listas  da Unión Democrática Guardesa. Persoas valentes, progresistas  e comprometidas coa liberdade.

No acto de recoñecemento se fixo entrega dos agasallo en catro tandas e contou coas intervencións da Secretaria Xeral da Agrupación Socialista da Guarda, Montserrat Magallanes quen quixo salientar que o partido está forte e cheo de ilusión porque o están as persoas que o conforman, as que levan anos no partido, as novas incorporacións e tantas e tantas persoas que co seu alento e impulso están conformando un gran proxecto de futuro para A Guarda.

Tamén interviron o ex-Presidente da ELM  de Camposancos, Rafa Alvarez o ex-Alcalde da Guarda José Manuel Domínguez Freitas e o actual alcalde e candidato ás próximas eleccións municipais de maio, Antonio Lomba.

Antonio Lomba adicou aos presentes unhas emotivas palabras de agradecemento: “agradezo do acto de hoxe a oportunidade que me brinda de poder dicirvos, a todos e todas as que estades aquí, e aos familiares dos que xa non están, a gran estima, gratitude e respecto que vos teño. Moitos de vós sodes un referente para min”. Así mesmo solicitou o apoio dos presentes para a próxima candidatura socialista nas eleccións de maio con estas palabras: “Asegúrovos que non hai proxecto máis ambicioso para A Guarda que o noso, nin grupo máis capaz de levalo a cabo con seriedade e solvencia como o Socialista. Para desenvolvelo necesitamos de vós, necesitamos todas as máns, todas as vontades, todos os apoios.”  















luns, 6 de febreiro de 2023

O pleno da Guarda aproba unha moción dos Socialistas pedindo axuda para os danos das choivas.

  •  O pleno aproba por unanimidade a moción do Grupo Municipal Socialista da Guarda no que solicitan a declaración de Emerxencia para os concellos afectados polas choivas.
  • Costas do Estado farase cargo da reparación da pista entre Codesal e Armona.

No Pleno ordinario do mes de xaneiro o Grupo Municipal Socialista da Guarda presentou unha moción na que se solicitan axudas para concellos, persoas e empresas polos danos ocasionados por motivo dos temporais e as choivas do pasado Nadal e fin de ano.

A moción, que foi aprobada por unanimidade, no seu apartado resolutivo insta ao presidente da Xunta de Galicia a que declare a Emerxencia de Interese Galego nos concellos afectados e a que solicite ao Goberno do Estado a mesma declaración.

Esta solicitude que se fai á Xunta de Galicia dende o concello da Guarda xa a teñen feito dende distintas instancias os alcaldes e alcaldesas das comarcas do sur de Galicia: do Baixo Miño, do Val Miñor e do Condado.

Nunha primeira valoración o custo dos danos provocados polas choivas nos bens públicos no concello da Guarda ascende a máis de medio millón de euros. Unha cantidade que, de ter que ser asumida polo concello, provocaría un importante desaxuste orzamentario difícil de asumir.

A solicitude dunha partida orzamentaria extraordinaria á Xunta ven a coincidir co compromiso da Deputación de Pontevedra de habilitar un Plan de Axudas aos concellos afectados polos temporais en canto o presidente da comunidade declare a Emerxencia de Interese Galego.

Dende o concello da Guarda tamén se quere trasladar a queixa de que ningún representante político da Xunta de Galicia visitou nin se interesou polos danos sufridos na localidade. Tendo en conta que algúns destes danos se produciron en lugares nos que a xunta ten competencias, como o litoral do esteiro que se atopa en zona de protección de Rede Natura ou o monte Santa Trega en zona de protección arqueolóxica.

Por outra banda o alcalde, Antonio Lomba, estivo facendo xestións con a Xefatura Provincial de Costas do Estado para que asumira os danos que se produciron nas zonas da súa competencia. O dano máis importante foi o colapso da pista entre o Codesal e a Armona que será asumido por Costas e cuxa reparación comenzará en breve.

martes, 13 de decembro de 2022

A oposición guardesa bloquea unha subvención dos fondos NextGenerationEU para a dinamización do comercio local.

  •  A oposición da Guarda non apoia un investimento por valor de 140.571 €, subvencionado nun 85%, para un proxecto de mellora da competitividade do comercio local.

No último pleno celebrado na Guarda os votos en contra do PP e CG e a abstención do BNG impediron que saíra adiante a aprobación dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e o concello denominado “Comerce Inside”. Este convenio tiña como principal obxectivo a dinamización e potenciación do comercio de proximidade en zonas turísticas, favorecendo o desenvolvemento de mecanismos para situar a actividade do comercio local de maneira eficiente no territorio mellorando a súa competitividade.

Este proxecto, financiado con fondos Next Generation EU en liña co plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR), foi deseñado para actuar no comercio de proximidade por ser un dos sectores estratéxicos en moitas vilas da provincia de Pontevedra que, en tempos de pandemia e confinamento, sufriron importantes restricións, o que lles provocou perdidas económicas irrecuperables a moitos deles.

O orzamento total do proxecto ascendía a 1.327.793 € distribuído entre 10 concellos da provincia. No caso da Guarda a sinatura do convenio significaba a execución dun proxecto local valorado en 140.571 €. Comprometendo ao concello a unha achega dun 15 % do financiamento, 17.426 €, a Deputación a achega doutro 15% mais o IVA de todo o investimento, 41.823 € mentres que o Ministerio de Industria Comercio e Turismo aportaba o 70 % restante, cantidade que ascendía a 81.322 €. Isto quere dicir que non apoiar este convenio equivale a renunciar a 123.145 € de subvención que se investirían directamente en interese do comercio local.

Entre outros o “Comerce Inside” contemplaba: investimentos na vía pública con a instalación de totems interactivos para ofrecer información sobre comercios e turismo, creación de areas de descanso próximas ás areas comerciais con asentos iluminados e cargadores solares. Dixitalización do sector comercial coa creación dunha plataforma de xestión de áreas comerciais, creación de contidos vinculados co turismo e o comercio e despregamento de puntos wifi nas zonas comerciais. Sostibilidade e economía circular coa promoción de novos deseños de embalaxes para o comercio de proximidade e instalación de illas ecolóxicas. Formación on line con cursos en liña de inglés, francés e portugués para comerciantes.

O alcalde non ocultou a súa sorpresa e indignación en relación ao posicionamento da oposición: “resulta moi difícil entender como os grupos do BNG, PP e CG, non apoian ou se opoñen a un proxecto que obxectivamente mellora a competitividade dun sector tan importante na Guarda como o comercial. Os comerciantes deben pedir explicacións aos grupos políticos da oposición. En política non vale todo, os representantes electos, tanto goberno como oposición estamos para servir aos veciños e veciñas. Non vale todo co argumento de que estamos en campaña electoral. Un grupo político que antepón os intereses partidistas por enriba dos da veciñanza perde lexitimidade para gobernar.”