domingo, 16 de abril de 2023

Antonio Lomba presenta "un magnífico equipo para que A Guarda Avance, unha candidatura progresista e socialista para mellorar a vida dos nosos veciños

--“Temos importantes proxectos xa encamiñados e o aval do traballo feito nos últimos anos”, asegura Lomba no acto de presentación da candidatura do PSOE da Guarda para as municipais do 28 de maio

--“O PP de Roberto Carrero non está a altura desta vila e actúa en contra dos intereses da Guarda; votou en contra de investimentos por valor de máis de 3,5 millóns de euros”, lembrou o candidato socialista 

A Guarda, 13 de abril de 2023. Os socialistas da Guarda presentaron esta tarde a súa candidatura para as eleccións municipais do próximo 28 de maio. “O mellor equipo para que a nosa vila avance, unha candidatura progresista e socialista para mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”, asegurou Antonio Lomba, alcalde e candidato do PSOE á alcaldía.


No acto, celebrado na Casa da Cultura da Guarda, interviron Montserrat Magallanes Álvarez, secretaria xeral da Agrupación Socialista da Guarda; David Regades, secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Antonio Lomba.

Na súa intervención, o candidato á alcaldía fixo un repaso do mandato municipal. “Tivemos un inicio convulso e unha pandemia, pero conseguimos gobernar con total liberdade, A Guarda tivo un goberno estable e unha lexislatura tranquila”, afirmou.

“A pesar das dificultades estamos moi satisfeitos de todo o traballo feito no concello. Fixemos moita xestión, conseguimos financiamento externo, incluídos fondos europeos Next Generation, sacamos adiante grandes proxectos para A Guarda e puxemos en marcha outros moi importantes para o futuro da vila”, manifestou.

No repaso da xestión destes catro anos, Lomba lembrou “a nova Escola Infantil Galiña Azul; a reactivación do polígono empresarial A Guarda-Rosal; o cambio da iluminación pública do concello por luminarias LED, e as políticas para as persoas maiores”. 

O candidato á alcaldía citou tamén “a modificación puntual do PXOM para habilitar chan deportivo na zona da Sangriña; a consolidación do parque deportivo do Codesal, e a reforma e ampliación do pavillón municipal da Sangriña”, ademais “da mellora do acceso a praia do Muíño e as actuacións de humanización”. “A Guarda é unha referencia turística e coidamos os nosos barrios e parroquias, mellorando os servizos públicos e as infraestruturas da vila”, engadiu.

En contraposición a este balance, lamentou que “o PP de Roberto Carrero non estivo nin está a altura, por facer dano político ao equipo de goberno actúa en contra dos intereses da Guarda, dos veciños e veciñas da Guarda; nestes últimos anos, votou en contra de investimentos para a nosa vila por valor de máis de 3,5 millóns de euros”. 



Futuro

Antonio Lomba anunciou, xa pensando no futuro a curto prazo, que “temos proxectos importantes moi encamiñados, como a senda arredor do monte Trega; a seguridade viaria na zona da Sangriña; o centro Sociocultural do Sinde Vello; a renovación integral da Piscina Municipal; o Centro de desenvolvemento local; o Auditorio Municipal na finca de Fínola, e a xestión dun Centro de día público no casco urbano”.

En palabras de Lomba, “necesitamos, para rematar coa humanización do centro da Guarda e ter unha comunicación eficaz co porto, executar o acceso sur ao Porto da Guarda; un proxecto, anuncio hoxe en primicia, que ten xa luz verde de Patrimonio. Luz verde polo trazado escollido polo noso equipo de goberno”.

Lomba amosouse convecindo “de que teremos o apoio dos nosos veciños e veciñas, apoiarán este equipo que ten veteranía, mocidade, capacidade e resiliencia para afrontar o que nos veña, a mellor candidatura posible para capitanear A Guarda nunha nova singladura”.




Máis viva que nunca

Pola súa parte, Montserrat Magallanes defendeu na súa intervención que “A Guarda está máis viva que nunca, porque temos unha xeración de mozos e mozas empurrando, porque as nosas rúas e prazas están cheas de vida, porque hai proxectos e moito futuro”. 

“Entre todos e todas o faremos posible, porque os guardeses e guardesas somos quen de lograr metas incribles, de acadar os logros máis imposibles e de crear futuro cando traballamos xuntos. E a por iso imos, imos traballar moi duro porque temos claro que o noso obxectivo é o progreso da Guarda e acadar un futuro cheo de oportunidades e de igualdade para os guardeses e guardesas”, afirmou.



CANDIDATURA PSOE A GUARDA

1 Antonio Lomba Baz

2 Monserrat Magallanes Álvarez

3 Fátima Rodríguez Marcos

4 Rafael Álvarez Martínez

5 Lucía Trigo González

6 Alejandro González Vicente

7 Pablo Woodward Alberte

8 Miguel Sousa Alfonso

9 Bárbara Domínguez González

10 María del Carmen Covadonga Mosquera Pérez

11 Marcos Freitas Baz

12 María Luz Alonso Carrero

13 José Antonio Moraleda Santos

14 María Elena Baz Rodríguez

15 María Teresa Vicente Baz

16 Luisa Baz Vicente

17 Miguel Angel Español Otero

18 Paulino Rodríguez González

19 Marina González González

20 José Luis Pacheco González

21 Carmen María Castro González

22 Pedro Borrajo Rivas

23 Julia Sobrino González

24 José Manuel Domínguez Freitas


CAMPOSANCOS

C Monserrat Magallanes Álvarez

Sup Alberto Lomba González

Sup José Manuel Domínguez Freitas


Ningún comentario:

Publicar un comentario