--- Onte celebrouse unha nova reunión para explicarlle esta iniciativa aos veciños
A Guarda, 28 de abril de 2023. Os socialistas da Guarda fan un balance moi satisfactorio dos primeiros meses do ‘Plan Rehabita’, un proxecto que ten como finalidade informar e asesorar aos veciños e veciñas sobre como rehabilitar as súas vivendas, mellorando a súa imaxe e a eficiencia enerxética dos inmobles, e ao mesmo tempo beneficiándose das subvencións que proceden de fondos europeos Next Generation.
“Agradecemos o interese co que os veciños acolleron o plan, que será un dos piares da nosa acción de goberno no próximo mandato”, asegura Antonio Lomba, alcalde e candidato socialista.
“Con este plan, o Concello da Guarda converteuse no motor e no punto de encontro tanto de veciños como de profesionais do sector da edificación: empresas de reformas e servizos enerxéticos, fabricantes, administradores de inmobles e técnicos”, engade Antonio Lomba.
En palabras do alcalde e candidato socialista, “puxemos en marcha o plan porque queríamos coordinar a conservación e rehabilitación de todas as vivendas da vila; un desenvolvemento sostible, incrementando o valor da arquitectura, o deseño e a accesibilidade, e o fomento da rehabilitación enerxética e o confort do fogar”.
Con este plan, o goberno socialista da Guarda creou unha proposta atractiva para os propietarios das vivendas, capaz de potenciar na localidade o alugueiro de longa duración e o aloxamento vacacional, así como a activación, a renovación e a modernización das vivendas existentes para entrar nas esixencias europeas de eficiencia enerxética e sustentabilidade.
“O obxectivo é ademais xerar emprego nas empresas do sector con actividade no concello”, remata Antonio Lomba.
Para máis información, os socialitas lembran que os veciños poden chamar ao 986 610000, escribir a rehabita@aguarda.es, ou entrar en https://www.rehabita.aguarda.es
Ningún comentario:
Publicar un comentario