Hai un ano e medio, o equipo de goberno da Guarda prometía un “novo rumbo” para o noso concello. A estas alturas comprobamos que esa promesa quedou en nada: o que vemos é un goberno en descomposición, cun alcalde con escasa dedicación ao concello e cun rumbo máis caótico que novo.
A primeira en saltar do barco foi Vanesa Alonso, veterinaria de profesión e que ocupaba o cargo de Concelleira de Medio Ambiente. Máis recentemente, tamén o fixo Fernando Reyes, piloto e Concelleiro de Turismo. Dúas dimisións en tan só ano e medio de mandato.
Ante tal situación, sin precedentes no noso concello, desde o Grupo Municipal Socialista decidimos presentar unha moción no pleno de novembro para esixir a súa comparecencia no próximo pleno ordinario. Queremos que explique á cidadanía que traballo fixo neste ano e, sobre todo, se pensa asumir as súas responsabilidades cara o futuro.
Pensamos que a nosa petición non é para nada desmesurada, polo que nos sorprendeu a postura do Partido Popular no pleno, que votou en contra desta moción, coma se a transparencia e a rendición de contas non foran importantes para eles/as. Por sorte para A Guarda, o seu socio de goberno e o resto da oposición apoiaron a nosa proposta, permitindo que saíse adiante. Agora toca esperar pola comparecencia, aínda que as expectativas, vistas as circunstancias, non son demasiado altas.
E por último, como levamos advertindo desde o inicio deste mandato, A Guarda non pode permitirse un alcalde sen a dedicación que o Concello require. Carrero reparte o seu tempo entre a Deputación (onde ten un 79% de adicación), a docencia, a avogacía e a Alcaldía, o que deixa ao noso municipio sen o liderado e o compromiso que merece. Como ben di o refrán, “quen moito abarca, pouco apreta”.
Desde o grupo municipal socialista lamentamos profundamente que A Guarda teña que soportar un goberno que prometía tanto e que, finalmente, quedou en nada. Mentres eles/as seguen á deriva, nós continuaremos traballando pola transparencia, pola responsabilidade e, sobre todo, polos intereses de todas as veciñas e veciños de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario