xoves, 23 de maio de 2019

Comunicado da Agrupación Local Socialista da Guarda en relación á charla-debate organizada para este xoves, 23 de maio, polo Club Balonmán Atlético Guardés




Dende a Agrupación Local Socialista da Guarda queremos manifestar, en primeiro lugar, que non nos parece correcto unha convocatoria realizada con tres días de antelación (luns 20 de maio) para unha charla-debate a 3 días das eleccións municipais (xoves 23 de maio).
No noso caso, non se consultou sobre a dispoñibilidade para asistir a charla e, como resulta obvio en plena campaña electoral, temos programados e anunciados moitos actos con veciños, sectores, asociacións e organizacións. Neste caso concreto para o xoves 23 de maio temos anunciado dende o principio de campaña unha charla mitin no Castro, ás 20:30 h, que en ningún caso, por respecto aos veciños, podemos anular.
En segundo lugar dubidamos que unha convocatoria de todos os grupos políticos para “charlar e debater” nun lugar que non é espazo electoral e sen previa solicitude a xunta electoral se poida realizar.
Por outra banda non temos ningún inconveniente en reunirnos cos responsables do Balonmán Atl. Guardés, como así o levamos facendo durante toda a lexislatura. A última xuntanza co presidente do club produciuse o sábado día 13 de abril. Naquela ocasión o alcalde da Guarda e candidato a alcaldía pola Agrupación Socialista da Guarda, Antonio Lomba, trasladou ao presidente as propostas de futuro e a disposición dos seu grupo e do concello a apoiar o balonmán sempre na medida das súas posibilidades.
As cuestións concretas trasladadas polo alcalde naquela xuntanza respecto aos intereses do Atl. Guardés foron as seguintes.
1º. O concello ten un ambicioso proxecto, redactado pola Deputación de Pontevedra, de reforma e ampliación do pavillón municipal da Sangriña. Este proxecto que tivo entrada estes días no concello, e que aínda está en fase de revisión, está a disposición dos responsables do balonmán. Naquela xuntanza o alcalde comunicou ao presidente do club que quería que fora o primeiro en coñecer o documento. Este proxecto, para o que habería que buscar financiamento, representa unha solución para o pavillón na Guarda a medio prazo.
2º O alcalde trasladou tamén, a José Manuel Silva, que o concello estaba redactando unha modificación do PXOM para un “Plan especial de Infraestruturas e Dotacións Deportivas da Sangriña”, na zona da Piscina. A recualificación deste terreo rústico en dotacional deportivo permitirá habilitar 20.000 m2 para un futuro pavillón ou multiusos. Este proxecto xa comezou a súa tramitación, está redactado e enviado á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para a Avaliación Ambiental Estratéxica. A habilitación deste terreo permitirá que nun futuro, no caso de conseguir financiamento, se poida construír na Guarda un novo pavillón. Está iniciativa está pensada como a solución a longo prazo.
3º Por último o alcalde tamén comunicou, ao presidente do Mecalia Atl. Guardés, que o concello aumentou a subvención ao club. Os 25.000 € que recibía increméntanse, para este ano 2019, en 10.000 € máis, vinculando esta subida as necesidades do club no caso de que teña gastos extraordinarios con motivo da súa participación en competicións da copa da Raíña ou Europeas.
Hai que lembar que os esforzos en investimentos e xestión feitos polo concello nesta lexislatura foron importantes. Conseguimos a reforma dos vestiarios, o novo alumeado, a reparación da cuberta e o novo marcador, entre outras cousas.
Para o futuro queremos trasladar ao club que, polo que a nós respecta, o concello da Guarda sempre estará a súa disposición para colaborar na medida das súas posibilidades.

Agrupación Local Socialista da Guarda
Monserrat Magallanes Álvarez
Secretaria Local

martes, 21 de maio de 2019

martes, 30 de abril de 2019

Candidatura Socialista ás Eleccións Municipais de 2019

 Ampliar 
  1.  Antonio Lomba Baz
  2. María Monserrat Magallanes Álvarez
  3. Miguel Ángel Español Otero
  4. María Elena Baz Rodríguez
  5. Fátima Rodríguez Marcos
  6. Rafael Álvarez Martínez
  7. María Elena Cadilla Domínguez
  8. Barbara Domínguez González
  9. José Antonio Moraleda Santos
  10. Ismael Rodríguez Velasco
  11. Carla Vizoso Morales
  12. Iván Rodríguez González
  13. Mª del Carmen Covadonga Mosquera Pérez
  14. Paulino Rodríguez González
  15. Diana Alonso Chaver
  16. María Teresa Vicente Baz
  17. José Manuel Domínguez Freitas
  18. Marcos Freitas Baz
  19. José Luis Pacheco González
  20. Carmen María Castro González
  21. Pedro Borrajo Rivas
  22. Julia Sobrino González 
Camposancos. Fernando Román Cajaraville

venres, 16 de marzo de 2018

Os Socialistas da Guarda trasladan o problema do deterioro no litoral do esteiro do Miño ata os parlamentos Galego e Español.

Na mañá do venres 16 de marzo visitaron a zona do esteiro do Miño, que está sufrindo estragos no litoral, a deputada do parlamento Galego e portavoz de medio ambiente do grupo socialista, Patricia Vilán, e o deputado no parlamento Español, pola provincia de Pontevedra, Guillermo Meijón.
Patricia Vilán e Guillermo Meijón cos socialistas Guardeses
O obxectivo da visita dos deputados, aos que acompañaron os membros do equipo de goberno municipal xunto co presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, é coñecer de primeira man os efectos destrutivos que o río está a producir en dous puntos do litoral: a zona da praia Lamiña-O Forte e a zona do Codesal.
Na zona da Lamiña-O Forte, estase a producir unha erosión acelerada con perda de parte do cordón dunar e caída de numerosas árbores, co risco de que a auga acabe por inundar unha zona na que o nivel do terreo é máis baixa ca do río, o que podería ter uns efectos impredicibles.
Na zona do Codesal produciuse a destrución dunha escolleira reparada por Costas do Estado no ano 2016, o que provocou tamén a caída de numerosas árbores e pon en risco a senda peonil que discorre ao carón do litoral. A situación é tan perigosa que o concello sinalizou a zona como medida de precaución para os usuarios desta senda.
En días pasados o concello solicitou, das administracións que teñen competencias no litoral do río que está a sufrir este proceso de destrución, a tramitación de emerxencia das actuacións que paren o proceso e que permitan a recuperación da praia.
En vista de que, por parte da Xunta e do Goberno Central, non se responde á solicitude do concello e non se asumen as responsabilidades que lles corresponden, os deputados do PSdeG-PSOE trasladarán este problema aos parlamentos Galego e Español, con sendas iniciativas que pidan responsabilidades aos gobernos e para que atendan as demandas .













martes, 28 de novembro de 2017

O PP da Guarda vota en contra das obras en Concepción Arenal.

No pleno municipal celebrado na Guarda o pasado día 24 de novembro o equipo de goberno levaba, coma punto máis importante na orde do día, a aprobación do convenio entre o concello e a deputación de Pontevedra para realizar as obras de humanización da rúa Concepción Arenal, que inclúen a Praza de Avelino Vicente e o entorno do antigo convento de San Benito.
Infografía de entorno do convento de San Bento
Dende o ano 2012 o concello viña solicitando da deputación completar a urbanización desta rúa de competencia provincial, presentando distintos proxectos que o presidente Louzán sempre desestimou, ignorando a importancia desta actuación que o goberno municipal consideraba prioritaria.
Dende o comezo desta lexislatura o alcalde da Guarda trasladou a presidenta da deputación a importancia de acometer a obra de urbanización integral desta rúa, polo seu mal estado na parte alta e por ser unha das principais da localidade tanto desde o punto de vista social como económico, dado que na actualidade é a que conta con máis establecementos comerciais.
Despois de moitos meses de xestións para conseguir a redacción dun ambicioso proxecto e de chegar a un acordo sobre os prazos de execución e o financiamento, foi ao pleno ordinario de novembro a aprobación do convenio que compromete á deputación e concello para a execución das obras.
O custo total da actuación ascende a 1.598.755,98 € dos cales a deputación fará unha aportación do 70% que ascende a 1.119.129,18 € e o concello o 30 % que ascende a 479.626,80 €. A achega económica por parte do concello está distribuída en tres anualidades entre 2017 e 2019.
A sorpresa foi maiúscula cando a hora da votación do punto na orde do día, trámite imprescindible para poder asinar o convenio e executar a obra, o PP da Guarda manifestou a súa postura en contra. Segundo o alcalde: “o PP está aplicando aquelo de “canto peor mellor”. Non ten visión institucional, decisións como esta invalídano para ser alternativa de goberno na nosa Vila. Non se pode desprezar un investimento por parte da deputación de máis dun millón de euros. Os seus electores deben coñecer e valorar este feito”.


A pesar da oposición do PP o punto foi aprobado co apoio do equipo de goberno e o BNG. Agora falta que sexa aprobado no pleno da deputación para que a presidenta Carmela Silva e o alcalde Antonio Lomba, asinen o convenio que permita executar unha obra moi importante para A Guarda. O proxecto darase a coñecer á cidadanía a partir do momento no que o documento de compromiso do investimento estea asinado.

venres, 2 de xuño de 2017

A Xunta segue ignorando a importancia da VAP para a nosa comarca

Os Socialistas da Guarda consideran inadmisible que a Xunta de Galicia siga mantendo incomunicado o Baixo Miño ao non marcar tan sequera prazos para o remate da Vía de Altas Prestacións entre A Guarda e Tui, o que demostra a situación de esquecemento a que San Caetano somete a comarca. Nas propias verbas do Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, feitas no Rosal a un medio de comunicación local (preguntado sobre os prazos para o tramo entre Tui e Goián), recoñeceu que aínda non teñen prazos tan sequera para poder aproximar unha data. 

Como ven declarando nos últimos meses, Antonio Lomba, Alcalde de A Guarda, seguirá insistindo co resto de concellos para que se comece a traballar: “Isto demostra o escaso interese que o Partido Popular demostra para esta infraestrutura imprescindible para nosa comarca, que obriga a desprazamentos máis conxestionados e inseguros. Parece que non teñen en conta que sen a VAP a comarca segue adoecendo. Votan a favor aquí nos concellos e logo en Santiago deixan morrer nun caixón o proxecto, como eles mesmos recoñecen.”
O grupo do PSdeG no Parlamento de Galicia ven de presentar nos Orzamentos da Comunidade para este 2017, dúas emendas para incluír dotacións no proxecto. A primeira de 8 millóns de euros para continuar coas obras xa iniciadas do tramo I e a segunda para o acceso a Areas de 400.000 €. Ambas botadas atrás polos votos do PP, o que demostra a dobre vara dos conservadores, opoñéndose e negando a maior, a gran necesidade que ten a comarca.
Abel Losada deputado do PSdeG
Abel Losada, deputado socialista por Pontevedra recoñece que: “non esconden tan sequera o desinterese. Coa negativa de incluír esa emenda, perdemos unha oportunidade máis de rematar ese tramo que conecta mellor a comarca coa cidade referencia que é Vigo. Non só por unha cuestión monetaria senón por comezar a traballar e ter o compromiso da administración autonómica. Os Socialistas xa tiñamos a sensación de que a VAP non era prioridade para a Xunta nesta lexislatura, pero agora xa o pódemos demostrar con feitos, por exemplo, 41 votos en contra nesa votación.”