Dende a Agrupación Local Socialista da Guarda queremos manifestar, en primeiro lugar, que non nos parece correcto unha convocatoria realizada con tres días de antelación (luns 20 de maio) para unha charla-debate a 3 días das eleccións municipais (xoves 23 de maio).
No noso caso, non se consultou sobre a dispoñibilidade para asistir a
charla e, como resulta obvio en plena campaña electoral, temos programados e
anunciados moitos actos con veciños, sectores, asociacións e organizacións.
Neste caso concreto para o xoves 23 de maio temos anunciado dende o principio de
campaña unha charla mitin no Castro, ás 20:30 h, que en ningún caso, por
respecto aos veciños, podemos anular.
En segundo lugar dubidamos que unha convocatoria de todos os grupos
políticos para “charlar e debater” nun lugar que non é espazo electoral e sen
previa solicitude a xunta electoral se poida realizar.
Por outra banda non temos ningún inconveniente en reunirnos cos
responsables do Balonmán Atl. Guardés, como así o levamos facendo durante toda
a lexislatura. A última xuntanza co presidente do club produciuse o sábado día
13 de abril. Naquela ocasión o alcalde da Guarda e candidato a alcaldía pola
Agrupación Socialista da Guarda, Antonio Lomba, trasladou ao presidente as
propostas de futuro e a disposición dos seu grupo e do concello a apoiar o
balonmán sempre na medida das súas posibilidades.
As cuestións concretas trasladadas polo alcalde naquela xuntanza
respecto aos intereses do Atl. Guardés foron as seguintes.
1º. O concello ten un ambicioso proxecto, redactado pola Deputación de
Pontevedra, de reforma e ampliación do pavillón municipal da Sangriña. Este
proxecto que tivo entrada estes días no concello, e que aínda está en fase de
revisión, está a disposición dos responsables do balonmán. Naquela xuntanza o
alcalde comunicou ao presidente do club que quería que fora o primeiro en
coñecer o documento. Este proxecto, para o que habería que buscar
financiamento, representa unha solución para o pavillón na Guarda a medio
prazo.
2º O alcalde trasladou tamén, a José Manuel Silva, que o concello
estaba redactando unha modificación do PXOM para un “Plan especial de
Infraestruturas e Dotacións Deportivas da Sangriña”, na zona da Piscina. A
recualificación deste terreo rústico en dotacional deportivo permitirá
habilitar 20.000 m2 para un futuro pavillón ou multiusos. Este
proxecto xa comezou a súa tramitación, está redactado e enviado á Dirección
Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para a Avaliación Ambiental
Estratéxica. A habilitación deste terreo permitirá que nun futuro, no caso de
conseguir financiamento, se poida construír na Guarda un novo pavillón. Está
iniciativa está pensada como a solución a longo prazo.
3º Por último o alcalde tamén comunicou, ao presidente do Mecalia Atl.
Guardés, que o concello aumentou a subvención ao club. Os 25.000 € que recibía
increméntanse, para este ano 2019, en 10.000 € máis, vinculando esta subida as
necesidades do club no caso de que teña gastos extraordinarios con motivo da
súa participación en competicións da copa da Raíña ou Europeas.
Hai que lembar que os esforzos en investimentos e xestión feitos polo
concello nesta lexislatura foron importantes. Conseguimos a reforma dos
vestiarios, o novo alumeado, a reparación da cuberta e o novo marcador, entre
outras cousas.
Para o futuro queremos trasladar ao club que, polo que a nós respecta,
o concello da Guarda sempre estará a súa disposición para colaborar na medida
das súas posibilidades.
Agrupación Local Socialista da Guarda
Monserrat Magallanes Álvarez
Secretaria Local
Ningún comentario:
Publicar un comentario