martes, 28 de novembro de 2017

O PP da Guarda vota en contra das obras en Concepción Arenal.

No pleno municipal celebrado na Guarda o pasado día 24 de novembro o equipo de goberno levaba, coma punto máis importante na orde do día, a aprobación do convenio entre o concello e a deputación de Pontevedra para realizar as obras de humanización da rúa Concepción Arenal, que inclúen a Praza de Avelino Vicente e o entorno do antigo convento de San Benito.
Infografía de entorno do convento de San Bento
Dende o ano 2012 o concello viña solicitando da deputación completar a urbanización desta rúa de competencia provincial, presentando distintos proxectos que o presidente Louzán sempre desestimou, ignorando a importancia desta actuación que o goberno municipal consideraba prioritaria.
Dende o comezo desta lexislatura o alcalde da Guarda trasladou a presidenta da deputación a importancia de acometer a obra de urbanización integral desta rúa, polo seu mal estado na parte alta e por ser unha das principais da localidade tanto desde o punto de vista social como económico, dado que na actualidade é a que conta con máis establecementos comerciais.
Despois de moitos meses de xestións para conseguir a redacción dun ambicioso proxecto e de chegar a un acordo sobre os prazos de execución e o financiamento, foi ao pleno ordinario de novembro a aprobación do convenio que compromete á deputación e concello para a execución das obras.
O custo total da actuación ascende a 1.598.755,98 € dos cales a deputación fará unha aportación do 70% que ascende a 1.119.129,18 € e o concello o 30 % que ascende a 479.626,80 €. A achega económica por parte do concello está distribuída en tres anualidades entre 2017 e 2019.
A sorpresa foi maiúscula cando a hora da votación do punto na orde do día, trámite imprescindible para poder asinar o convenio e executar a obra, o PP da Guarda manifestou a súa postura en contra. Segundo o alcalde: “o PP está aplicando aquelo de “canto peor mellor”. Non ten visión institucional, decisións como esta invalídano para ser alternativa de goberno na nosa Vila. Non se pode desprezar un investimento por parte da deputación de máis dun millón de euros. Os seus electores deben coñecer e valorar este feito”.


A pesar da oposición do PP o punto foi aprobado co apoio do equipo de goberno e o BNG. Agora falta que sexa aprobado no pleno da deputación para que a presidenta Carmela Silva e o alcalde Antonio Lomba, asinen o convenio que permita executar unha obra moi importante para A Guarda. O proxecto darase a coñecer á cidadanía a partir do momento no que o documento de compromiso do investimento estea asinado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario