luns, 19 de maio de 2025

O Grupo Socialista pide mellorar a sinalización no Camiño Portugués da Costa

O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de presentar unha moción para ser debatida en pleno na que solicita ao goberno municipal a instalación de sinalización clara e visible para orientar aos peregrinos e peregrinas que chegan ao municipio polo río desde Caminha.

O Camiño Portugués da Costa é unha ruta xacobea en constante crecemento, que atravesa o noso municipio e representa un activo cultural, turístico e económico de gran valor para A Guarda. Tradicionalmente, o paso do río Miño realizábase a través do servizo de ferri entre Caminha e A Guarda. Porén, trala suspensión deste servizo, moitos peregrinos e peregrinas están a utilizar embarcacións privadas portuguesas para facer a travesía.

Peregrinos no na praia do Muíño

Estes barqueiros adoitan desembarcar aos/ás camiñantes en puntos non oficiais, como a praia da Lamiña. Esta práctica provoca importantes problemas de orientación para os/as peregrinos e peregrinas, que se atopan á súa chegada sen indicacións claras sobre o camiño a seguir.

Moitos destes/as camiñantes son dirixidos/as polos propios barqueiros cara á senda litoral, o que fai que, ao chegar á zona do Muíño, non saiban por onde continuar. Nalgúns casos, ao consultar o seu teléfono móbil, a aplicación de mapas recondúceos cara atrás para retomar o camiño oficial, obrigándoos/as a desandar o camiño andado. Isto xera confusión, frustración e unha imaxe pouco organizada do noso municipio.

A situación repítese tamén cos peregrinos e peregrinas que chegan en servizos como o Xacobeo Transfer ou en lanchas con atraque autorizado no pantalán da Pasaxe. Os patróns destas embarcacións indican que poden seguir o Camiño polo itinerario oficial ou continuar pola senda litoral, neste caso sen que exista unha sinalización unificada nin clara, polo que podemos ver diariamente a peregrinos/as perdidos/as pola zona.

Coa mellora da sinalización, contribuiríase a solucionar unha situación que se repite cada día, e sobre todo reforzar a imaxe da Guarda como un concello hospitalario, coidadoso e plenamente integrado nun dos itinerarios xacobeos máis importantes da actualidade.


luns, 21 de abril de 2025

O Grupo Municipal Socialista da Guarda propón restrinxir o tráfico na zona do skatepark e o campo de fútbol do porto para garantir a seguridade da rapazada.

O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de presentar unha moción no Concello solicitando a restrición do acceso e do aparcamento de vehículos na zona situada entre a pista de skatepark e o campo de fútbol do porto durante as fins de semana, co obxectivo de garantir a seguridade das crianzas que frecuentan este espazo.

A proposta nace como resposta ás preocupacións trasladadas por varias familias da vila, que alertaron do perigo que supón a circulación de vehículos nunha área intensamente utilizada por nenos e nenas para xogar e practicar deporte, especialmente os sábados e domingos.

“A zona do skatepark e do campo de fútbol converteuse nun punto de encontro moi activo para a rapazada da Guarda. É frecuente ver nenos e nenas xogando, correndo ou mesmo que se lles escape algunha pelota. A presenza de coches supón un risco que debemos evitar”, sinala Fátima Rodríguez, voceira do Grupo Socialista.

A moción insta tanto ao Concello da Guarda como a Portos de Galicia —xa que parte da zona pertence a este organismo autonómico— a colaborar para aplicar medidas que restrinxan o tráfico rodado nos días de maior afluencia, así como a sinalizar adecuadamente o espazo e estudar a instalación de elementos físicos que impidan, se fora necesario, o paso de vehículos durante as fins de semana.

“Trátase dunha medida preventiva e de sentido común que busca protexer aos máis pequenos/as e garantir un espazo seguro de lecer para as familias da Guarda”, concluíu Rodríguez.


O Grupo Socialista da Guarda presenta unha moción para solicitar á Xunta a instalación de gaiolas-trampa no Monte Trega ante os problemas causados polo xabaril.

O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de presentar, a través da sede electrónica, unha moción dirixida ao Pleno da Corporación na que solicita ao Concello que inicie os trámites necesarios coa Xunta de Galicia para a instalación de gaiolas-trampa no Monte Trega, como medida de control fronte a cada vez máis recorrente presenza de xabaríns en zonas habitadas.

A moción é o resultado directo das reunións veciñais celebradas en Camposancos e na Guarda, que contaron con moita afluencia e durante as que se recolleron numerosos testemuños de persoas afectadas por encontros directos con xabaríns, danos en cultivos ou propiedades privadas, e situacións de risco nas estradas, incluído un incidente que estivo a piques de afectar a un autobús escolar.


Desde o Grupo Socialista destacan que esta proposta non responde a unha visión alarmista nin pretende criminalizar a fauna salvaxe, senón dar resposta á preocupación cidadá con medidas proporcionadas, realistas e adaptadas á realidade do Monte Trega, onde non está permitida a caza.

“Tras falar co persoal técnico da Xunta de Galicia, chegouse á conclusión de que a mellor medida para o control do xabarín no Trega son as gaiolas-trampa, unha ferramenta de control selectiva e controlada, axeitada para espazos nos que non se pode empregar a caza e onde se require unha actuación puntual sobre exemplares que provocan problemas recorrentes. A súa instalación permite actuar con seguimento técnico e sen riscos innecesarios, tanto para as persoas como para o resto da fauna.”, sinala a voceira socialista, Fátima Rodríguez.

O texto da moción tamén solicita ao Concello que recolla formalmente as queixas e incidencias da veciñanza para xustificar tecnicamente a petición, e fai un chamamento a todas as forzas políticas da Corporación a apoiar a proposta conxuntamente, “como un paso responsable e necesario para protexer as persoas, os cultivos e a convivencia co medio natural”.

A voceira tamén sinala que “Entendemos que poida haber diferentes opinións sobre a xestión da fauna, pero negar o problema non o resolve. O que estamos facendo é dar unha resposta á preocupación da xente cunha proposta sensata, adaptada ás peculiaridades do noso territorio e pensada para protexer tanto ás persoas como ao propio entorno”.


luns, 31 de marzo de 2025

Os/as Socialistas reprenden a Carrero pola súa actitude en Caminha.

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda manifestou no último Pleno ordinario, o seu profundo rexeitamento á intervención realizada polo alcalde, Roberto A. Carrero, durante a presentación da candidatura de Liliana Silva (PSD) á Presidencia da Câmara Municipal de Caminha, celebrada o pasado 8 de marzo.

Durante o punto de rogos e preguntas, a portavoz socialista Fátima Rodríguez, trasladou un firme rogo dirixido ao rexedor guardés, ao que cualificou de "profundamente irresponsable, institucionalmente inaceptable e politicamente torpe", pola súa actitude nun acto público no que se presentou como alcalde da Guarda e deputado provincial, e no que fixo afirmacións ofensivas contra o actual goberno de Caminha, liderado polo socialista Rui Lages.

No seu discurso, Carrero arremeteu contra o goberno caminhense, ao que acusou de manter a vila nun letargo prolongado por falta de ideas. Chegou incluso a afirmar que os seus responsables están máis interesados/as en facerse fotos e aparentar nas redes sociais que en gobernar para a cidadanía. E para rematar, asegurou que as relacións entre A Guarda e Caminha cada día van a peor.

O Grupo Socialista lamenta que Carrero, lonxe de aproveitar a ocasión para tender pontes e promover a cooperación entre municipios veciños —especialmente no contexto da Eurocidade A Guarda-O Rosal-Caminha, Carrero optase por lanzar ataques directos contra o goberno de Rui Lages, empregando un ton inapropiado, e mesmo facendo uso de expresións malsonantes, chistes de corte machista e acusacións absolutamente impropias dun representante institucional.

“Non se pode estar negociando acordos con socios/as institucionais pola mañá e insultándoos/as pola tarde”, sinalou a portavoz socialista, lembrando que ese tipo de condutas non só poñen en risco as relacións entre municipios, senón que tamén danan gravemente a imaxe da nosa vila máis alá das súas fronteiras.

A portavoz dos/as Socialistas tamén quixo poñer en valor a reacción respectuosa e diplomática do Presidente de Câmara de Caminha, quen, malia o malestar causado, mantivo unha postura exemplar ante o ataque do Alcalde, en contraste co ton esperpéntico e provocador empregado por Carrero.

Desde o Grupo Municipal Socialista lamentamos profundamente que A Guarda estea sendo representada por un alcalde que parece máis preocupado por provocar e facer ruído que por traballar con responsabilidade e respecto institucional. E, por iso, pedímoslle que reflexione sobre a súa conducta e que, no futuro, actúe coa dignidade que require o cargo que ostenta.


xoves, 27 de marzo de 2025

A inacción do goberno de Carrero pon en risco unha subvención de máis de 1,5 millóns de euros para a reforma da piscina municipal.

A obra da piscina debe estar rematada o 31 de marzo de 2026, ou perderase a subvención de máis de 1,5 millóns de euros conseguida polo PSOE guardés. Se non hai prórroga e se perde a subvención, esixiremos responsabilidades políticas polo dano causado á veciñanza.

No pleno ordinario celebrado o 26 de marzo, o goberno municipal levou por fin a aprobación do expediente de licitación das obras de reforma da piscina. Un proxecto impulsado polo noso grupo, o PSOE, na anterior lexislatura, e para o que deixamos xestionada unha subvención de máis de 1,5 millóns de euros.

Infografía do proxecto da piscina municipal

Mais queremos lanzar unha advertencia moi seria: a obra ten que estar executada, facturada e pagada con data límite do 31 de marzo de 2026. E a día de hoxe, tras revisar os prazos e falar co persoal técnico municipal, podemos dicir que rematar esta obra en prazo vai a ser altamente improbable, por non dicir imposible.

Se non lles conceden unha prórroga, será o Concello quen teña que asumir con fondos propios ese millón e medio de euros. E se iso ocorre, deixámolo claro xa hoxe: pediremos responsabilidades políticas por esta perda gravísima de fondos públicos que A Guarda non se pode permitir.

A resolución definitiva de concesión da subvención chegou en xullo de 2023, cando o señor Carrero xa estaba na alcaldía. Sabía perfectamente que era unha obra prioritaria, e tivo tempo de sobra para poñerse a traballar. En vez diso, deixaron pasar o tempo ata estar, unha vez máis, coa auga ao pescozo.

Oxalá consigan unha prórroga e todo saia ben, porque esta reforma é imprescindible. A piscina chegou ao fin da súa vida útil, e se sofre unha avaría grave, o servizo podería paralizarse, cun prexuízo enorme para o pobo. Por iso, reiteramos o noso apoio a que esta obra se faga, pero non calaremos se se perde, por culpa da inoperancia e falta de xestión de Carrero, o financiamento conseguido polos/as socialistas.

E si, lembramos que cando o Partido Popular estaba na oposición, votou en contra da reforma doutros equipamentos deportivos, como o pavillón municipal, só por estratexia política. Nós non imos facer o mesmo. Porque a nosa maneira de facer política é a de construír, non destruír. Apoiamos os proxectos necesarios para A Guarda, goberne quen goberne, porque por riba de todo está o interese da veciñanza. 

martes, 7 de xaneiro de 2025

Os Socialistas da Guarda convocan unha reunión aberta para escoitar aos negocios locais.

  •  Fátima Rodríguez, portavoz do Grupo Socialista da Guarda, quere convidar a todo o comercio, hostalería e demais negocios da vila a unha reunión que se celebrará o próximo mércores 15 de xaneiro de 2025, no Centro Cultural da Guarda.

A convocatoria xorde tras a moción presentada polos/as socialistas en novembro de 2024, na que se solicitaba a comparecencia en pleno do Concelleiro de Empresa e Comercio, que pasou todo o ano 2024 fóra de España por motivos laborais. Esta ausencia, que impediu ao concelleiro asistir a un total de 15 plenos, tamén derivou nun manifesto abandono das áreas das que é responsable.

Fátima Rodríguez, portavoz socialista 
A moción foi aprobada, a pesar do voto en contra do Partido Popular, polo que a comparecencia do concelleiro deberá ter lugar no pleno de finais de xaneiro, onde os/as socialistas esperan poder trasladar ao goberno municipal as necesidades, preocupacións e propostas dos negocios locais.

Fátima Rodríguez destaca que “O Grupo Socialista considera fundamental que se escoite a voz das empresas e autónomos/as da Guarda, xa que representan unha peza clave no desenvolvemento da nosa vila. Ante a falta de atención do goberno local ás súas necesidades, comprometémonos a ser un enlace activo para trasladar as súas inquedanzas, propostas e preocupacións ao pleno municipal, esixindo medidas concretas que impulsen o futuro económico e social da Guarda.”

A reunión terá lugar o mércores 15 de xaneiro de 2025 no Centro Cultural da Guarda, con dous horarios para facilitar a asistencia de diversos tipos de negocio:

1ª convocatoria: 17:30 h

2ª convocatoria: 20:40 h

Agradécese que as persoas interesadas en asistir confirmen a súa presenza a través do WhatsApp (684 783 645) ou por correo electrónico (socialistasdaguarda@gmail.com), indicando nome, empresa e a hora á que asistirán.

As persoas que non podan asistir terán a oportunidade de compartir as súas inquedanzas e propostas a través dunha enquisa online que estará dispoñible ata o día 27 de xaneiro na seguinte ligazón: https://forms.gle/BeZrn1zfWY1AqgP99


xoves, 5 de decembro de 2024

O goberno de Carrero á deriva: dimisións, ausencias e promesas incumpridas

 Hai un ano e medio, o equipo de goberno da Guarda prometía un “novo rumbo” para o noso concello. A estas alturas comprobamos que esa promesa quedou en nada: o que vemos é un goberno en descomposición, cun alcalde con escasa dedicación ao concello e cun rumbo máis caótico que novo.

A primeira en saltar do barco foi Vanesa Alonso, veterinaria de profesión e que ocupaba o cargo de Concelleira de Medio Ambiente. Máis recentemente, tamén o fixo Fernando Reyes, piloto e Concelleiro de Turismo. Dúas dimisións en tan só ano e medio de mandato.

E se falamos de ausencias, o caso máis grave é o do concelleiro de Comercio e Empresa, Anxo Pena, que leva todo o 2024 desaparecido: ningún pleno, ningún proxecto, ningunha acción relevante das súas concellerías. A razón?: Leva un ano vivindo e traballando fóra de España, algo que consideramos totalmente incompatible co desempeño do seu cargo.

Ante tal situación, sin precedentes no noso concello, desde o Grupo Municipal Socialista decidimos presentar unha moción no pleno de novembro para esixir a súa comparecencia no próximo pleno ordinario. Queremos que explique á cidadanía que traballo fixo neste ano e, sobre todo, se pensa asumir as súas responsabilidades cara o futuro.

Pensamos que a nosa petición non é para nada desmesurada, polo que nos sorprendeu a postura do Partido Popular no pleno, que votou en contra desta moción, coma se a transparencia e a rendición de contas non foran importantes para eles/as. Por sorte para A Guarda, o seu socio de goberno e o resto da oposición apoiaron a nosa proposta, permitindo que saíse adiante. Agora toca esperar pola comparecencia, aínda que as expectativas, vistas as circunstancias, non son demasiado altas.

E por último, como levamos advertindo desde o inicio deste mandato, A Guarda non pode permitirse un alcalde sen a dedicación que o Concello require. Carrero reparte o seu tempo entre a Deputación (onde ten un 79% de adicación), a docencia, a avogacía e a Alcaldía, o que deixa ao noso municipio sen o liderado e o compromiso que merece. Como ben di o refrán, “quen moito abarca, pouco apreta”.

Desde o grupo municipal socialista lamentamos profundamente que A Guarda teña que soportar un goberno que prometía tanto e que, finalmente, quedou en nada. Mentres eles/as seguen á deriva, nós continuaremos traballando pola transparencia, pola responsabilidade e, sobre todo, polos intereses de todas as veciñas e veciños de A Guarda.