O Grupo Municipal Socialista da Guarda valora positivamente a modificación introducida na nova Ordenanza de Axudas de Emerxencia Social do Concello da Guarda tras a proposta formulada polo grupo no pleno anterior.
Durante o debate da aprobación inicial, o Grupo Socialista apoiara a actualización das contías e a ampliación dos conceptos das axudas, medidas necesarias despois de anos sen revisión.
Con todo, tamén advertira dun requisito que consideraba inxusto: para poder acceder ás axudas de emerxencia era necesario estar ao corrente de pago coas administracións públicas.
Concelleiros do Grupo Municipal Socialista
O grupo explicou que esta condición podía deixar fóra precisamente ás persoas que máis necesitan estas axudas. Non é raro que quen acode aos servizos sociais teña débedas acumuladas, non por vontade propia, senón porque non chega a fin de mes.
Na práctica, iso significaba que unha persoa que precisase unha axuda urxente para pagar a luz, evitar un desafiuzamento ou cubrir necesidades básicas podía quedar excluída por ter unha débeda administrativa.
Tras a intervención do Grupo Socialista, o goberno municipal encargou aos servizos técnicos a redacción dun novo texto que elimina ese requisito nos casos de emerxencia social, garantindo ademais que a modificación se axuste á normativa vixente.
Para o Grupo Municipal Socialista, esta rectificación mellora de maneira clara a ordenanza e reforza o seu carácter social. “As axudas de emerxencia non poden funcionar como unha subvención ordinaria; son unha rede de seguridade para momentos moi duros”, sinala a súa portavoz municipal Fátima Rodríguez.
O grupo destaca que esta modificación demostra que é posible facer unha oposición crítica e ao mesmo tempo construtiva. O seu labor, indican, consiste en estudar os expedientes, detectar posibles melloras e defender cambios que beneficien á veciñanza. “Non se trata de opoñerse por sistema, senón de traballar para que as normas sexan máis xustas e máis útiles”, conclúen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario