venres, 27 de outubro de 2023

O PP da Guarda e Celso Fariñas toman a primeira medida do seu goberno subindo un 22% o Imposto de Bens Inmobles (IBI)

O día 26 de outubro aprobábase nun pleno extraordinario, cos votos a favor do Partido Popular e do seu socio Celso Fariñas, a proposta de alcaldía na que se propuña subir o IBI nunha porcentaxe que o Grupo Municipal Socialista tildou de desproporcionada.

O IBI sería o imposto que anualmente os concellos cobran aos cidadáns e cidadás que posúen algún inmoble en propiedade e que comunmente chamamos “a contribución”.

A subida que o pasado día 26 aprobou o PP e Espazo Común en pleno farase efectiva en 2024 e suporá un aumento dun 22% deste imposto, de forma que unha persoa que no 2023 pagara de IBI unha cantidade de 150€, en agosto de 2024 pagará 183€.

O Grupo Municipal Socialista votou obviamente en contra desta medida, e votou en contra baseándose en dous motivos principais:

  • Por un lado sabemos que para inxectar diñeiro no concello hai moitas outras vías que a subida dos impostos. Por exemplo, o actual equipo de goberno podería ter elaborado a estas alturas un novo orzamento para o 2023, cousa que non fixeron, e ademais estando en maioría, o que lles aseguraba sacalo adiante sen ningún tipo de problema.

O que isto nos fai pensar é que o PP e Celso Fariñas, non levando nin 6 meses no Concello, teñen intención de gobernar A Guarda pola vía fácil e rápida: queremos ter máis liquidez no Concello, pois subimos os impostos á cidadanía.

  • Por outro lado é porque creemos que este non é o momento de subir impostos.

As familias notan nos seus petos cada euro de subida, porque xa viviron a suba das hipotecas, os costes das enerxías e incluso, notaron o incremento de gasto na cesta da compra.

Está claro que para que podamos ter servizos, todos e todas debemos pagar impostos, e ás veces este teñen que subir, pero tamén é certo que para que os gobernos suban os impostos deben facelo con cabeza e sendo moi conscientes do momento en que se suben, e non no momento no que mellor lle veña ao equipo de goberno de turno.

Xa sabemos que gobernar un concello con máis diñeiro é máis doado que facelo con menos, pero pensemos en se resulta ético subir agora os impostos, para nós desde logo non o é.


Ningún comentario:

Publicar un comentario