Sr. Carrero vai cobrar da Deputación de Pontevedra un soldo de 54.406,68€, 9.406,68€ máis que o que inicialmente tiña previsto cobrar como Alcalde no concello da Guarda.
O Partido Socialista da Guarda pon de manifesto o engano do Sr. Carrero cos veciños e veciñas da localidade, xa que a súa adicación ao concello será unicamente dun 21%, xa que o 79% restante da súa xornada terá que dedicarllo ao seu posto como deputado provincial.
O Sr. Carrero non vai a cobrar un soldo do concello da Guarda, non porque non queira gastar das arcas municipais, senón porque a retribución que recibirá da Deputación de Pontevedra é case 10.000€ maior que a que inicialmente cobraría na Guarda. A maiores poderá recibir indemnizacións monetarias por asistir a comisións e plenos, contía que anualmente pode rondar os 6.000€.
No pleno organizativo do concello da Guarda, celebrado o pasado mes de xullo, se presentara unha proposta inicial de retribución anual bruta de 45.000€ para o alcalde pola adicación parcial ao concello da Guarda, que era do 80% da xornada laboral (adicación mínima polas altas responsabilidades). Esta proposta foi retirada antes do pleno, para ser substituída por outra na que aparecía o nome dun novo concelleiro, concretamente o de Celso Fariñas, que pasaría a estar no equipo de goberno como 2º Tenente-Alcalde e cobrar 33.000€ anuais.
Chámanos a atención que esta incorporación ao equipo de goberno con remuneración incluída coincida co pleno no que se aprobaban as retribucións dos concelleiros, e para o que querían asegurar a súa aprobación a costa de calquera cousa, incluso a costa de verse obrigados a incluír ao Sr. Fariñas no equipo de goberno.
Nós entendemos que o Alcalde e os/as concelleiros/as que dediquen máis tempo ao traballo no concello, deben ser xustamente remunerados/as por elo, faltaría máis. O que non estamos dispostos a aguantar é que o Sr. Carrero vaia de bo samaritano anunciando a bombo e platillo que non vai a cobrar das arcas municipais para favorecer ao pobo da Guarda, cando os feitos fan sospeitar que de bo samaritano ten máis ben pouco, xa que con esta maxistral xogada consegue dous obxectivos: engordar o seu peto e acadar o apoio dun socio de goberno que favoreza estar en maioría para poder facer e desfacer ao seu antollo no concello.
Desde o grupo socialista entendemos ademais que a nosa localidade precisa dun alcalde ao 100%, un alcalde de luns a domingo e durante as 24h do día. Xa nos posicionamos en contra de ter un alcalde ao 80% porque consideramos que é un engano á cidadanía guardesa non dispor dun alcalde con dedicación total e así o manifestamos no mes de xullo onde amosamos a nosa preocupación por tal feito. Nos reafirmamos no dito e agora con máis motivo xa que a adicación do sr. Roberto aos asuntos municipais decae dun 80 ata o un 21%. Empezamos a entender o desleixo en moitas partes do municipio e a carencia en diferentes ámbitos de competencia municipal.
Os datos dos que falamos pódense consultar no BOPPO de 16 de agosto de 2023, na que aparece reflexada a aprobacion dunha dedicación parcial do 79% para o Sr. Carrero cunha retribución anual de 54.406,68€, así como na acta do pleno de organización celebrado o 13 de xullo do presente ano.
Isto é a realidade e que non traten de enganar á cidadanía guardesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario