Leticia Gallego esixe prazos certos para o remate da infraestrutura bloqueada dende agosto de 2021
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022. A viceportavoz do Grupo Socialista Leticia Gallego reclamoulle hoxe a Portos de Galicia que repare de inmediato o pantalán do porto de A Pasaxe, en A Guarda, que ten interrompido a liña de ferri coa localidade de Caminha dende agosto de 2021. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca, onde reclamou “unha solución definitiva para esta infraestrutura responsabilidade de Portos de Galicia”.
Gallego dixo que “non necesitamos un parche nin unha solución provisional, necesitamos que o ferri funcione xa, e para iso teñen que reparar o pantalán” e reclamou “prazos certos” para a data da reparación dunha infraestrutura fundamental para a circulación entre as dúas localidades. Actualmente, lembra, hai unha embarcación en funcionamento, pero que só ten capacidade para 12 persoas, fundamentalmente peregrinos que transitan polo Camiño Portugués.
A responsable socialista reclamou que “deixen de darlle voltas e reviravoltas, deixen de poñer parches e dean unha solución definitiva” a unha situación que “está a mermar gravemente a economía de A Guarda”.
Esta situación prexudica gravemente entre outros aos concellos de Baiona, A Guarda, O Rosal e Oia, polo que os seus alcaldes están a reivindicar unha solución urxente a un problema que está a afectar sinaladamente ao turismo procedente de Portugal. Lembra que os propios alcaldes dos concellos polos que pasa esta ruta tamén amosaron a súa queixa pola inacción da Xunta diante da Axencia de Turismo.
Salientou a loita, dende hai máis dun ano, por parte do propio alcalde de A Guarda, o socialista Antonio Lomba, e este Grupo Parlamentario, co apoio da restauración e do sector do aloxamento turístico da localidade, ademais dos alcaldes e alcaldesas afectados. Reclamou, “que reparen dunha vez o pantalán situado en Camposancos para que poida ser accesible aos vehículos que transitan en ferri entre A Guarda e Caminha”.
Pregunta á mesa do Parlamento sobre o pantalán do ferri
Ningún comentario:
Publicar un comentario