venres, 14 de outubro de 2022

O Pleno da Guarda aproba a iniciativa do Grupo Municipal Socialista en apoio ao IES A Sangriña

  • Na moción esíxelle á Consellería de Educación da Xunta de Galicia a paralización inmediata das medidas de xestión que impliquen a redución do cadro de persoal docente do IES A Sangriña, e que foron de aplicación no presente curso escolar. 

O pasado 30 de setembro o Grupo Municipal Socialista da Guarda levou a pleno unha moción en apoio ao IES A Sangriña, que decide presentarse trala reunión mantida no mes de agosto coa Dirección do centro, e na que denunciaban a redución do persoal docente que lles anunciara a Consellería de Educación para o presente curso escolar.

Resulta curioso que Román Rodríguez, o Conselleiro de Educación, defenda en declaracións recentes que non se están aplicando recortes nesta área, cando no caso concreto do IES A Sangriña, o cadro de persoal pasa a ter xa no ano 2021 de 81 a 76 profesores/as, e no presente curso a Consellería volve a meter tesoira, quedando o cadro en 69 docentes. Tamén resulta curioso que manifeste que esta redución de persoal é un invento da oposición, cando a mesma protesta se repite en máis centros, tanto de Primaria como de Secundaria, e ao longo de toda a nosa comunidade autónoma.

Vilas rurais como A Guarda, que se atopan lonxe de núcleos urbanos, deberiamos gozar incluso de condicións que supoñan unha discriminación positiva, porque temos dereito a recibir unha formación de calidade na que non só se transmitan coñecementos, senón na que se atenda á diversidade e á vulnerabilidade. Iso coas ratios que teñen os/as profesores/as do Instituto, resulta case unha misión imposible.

Esta é a política do Partido Popular: a dos recortes, a de considerar a educación ou a Atención Primaria como un gasto, en lugar de como unha inversión. E, como sempre, aos/ás que máis lles afectarán estas medidas serán aqueles/as máis desfavorecidos/as.

Non esquezamos que a Educación pública é a mellor garantía de mobilidade social, a mellor ferramenta que garante a igualdade de oportunidades, e hai que apostar por ela. 

Ligazón ao texto da moción


Ningún comentario:

Publicar un comentario