As continuas reclamacións do concello da Guarda, así como do resto dos concellos do camiño Portugués da Costa, conseguen que a Xunta poña en marcha as solucións demandadas.
O PP Guardés, pretende, unha vez máis, apropiarse dun traballo que non fixo. Roberto Carrero intenta sacar rédito político das actuacións da Xunta sin ter amosado ningunha preocupación por esta cuestión ata o día de saír na foto.
Foron moitas as xestións e reclamacións que a partir do verán de 2021 se fixeron dende o concello da Guarda para conseguir que a Xunta de Galicia asumira as súas obrigas en relación a comunicación con Camiña e ao Camiño Portugués da Costa.
Por unha banda urxía a reparación do peirao do ferri para que o barco volvera a transportar pasaxeiros e vehículos e servira de nexo entre Caminha e A Guarda no itinerario do camiño da Costa. Esta reparación foise atrasando e mantén o barco parado en pleno ano Xacobeo.
Por outra banda tamén se urxía a Xunta para que mentres non estivera reparado o embarcadoiro se implantara con urxencia un sistema de transporte de pasaxeiros entre as dúas beiras do Miño.
Os concellos do Camiño Portugués da Costa tamén mostraron a súa queixa ao Xacobeo pola súa inacción diante do recoñecemento oficial por parte do goberno Portugués dun itinerario co mesmo nome que prexudicaba o Camiño Portugués da Costa oficial recoñecido na lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 2016.
Estas queixas foron as que o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, co apoio expreso da restauración e do sector do aloxamento turístico da localidade, ademais dos alcaldes e alcaldesas do Camiño da Costa, levou aos distintos foros e responsables institucionais: Consellería de Turismo, Axencia Galega de Turismo, Xacobeo, Portos de Galicia, Mesa do Camiño da Deputación de Pontevedra e Parlamento de Galicia.
O resultado de todo o traballo realizado culminou o pasado venres 25 de marzo co anuncio da Xunta de Galicia que viña a atender as demandas feitas dende o concello da Guarda. A Xunta anunciou un investimento de 157.000 € por parte de Turismo de Galicia nun proxecto de transporte turístico sostible que será prestado por AGAN (Asociación Galega de Actividades Naúticas). A súa vez o Delegado Territorial, Luis Lopez, anunciou tamén o comezo dos estudos técnicos para a reparación do peirao do ferri da Pasaxe por parte de portos de Galicia.
O novo servizo de transporte entre a Guarda e Caminha arranca, nunha primeira fase, a partir do 8 de abril con dúas embarcacións, unha eléctrica e outra a gasolina. A implantación definitiva do proxecto producirase no mes de xullo cunha embarcación eléctrica para doce pasaxeiros. Este transporte funcionará en paralelo co ferri coa idea de cubrir os horarios nos que o transbordador non pode navegar.
Este servizo de transporte complementarase cun proxecto de ecoturismo para a comarca do Baixo Miño que se está elaborando dende Turismo de Galicia e que contará coa participación de establecementos e axentes turísticos da comarca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario