Coñecedores da importancia económica e turística do ferri entre A Guarda e Caminha, neste ano xacobeo 2022, os socialistas esixen á Xunta que sexa responsable das súas competencias e repare a infraestrutura portuaria de atraque do transbordador.
Representantes do Grupo Municipal Socialista da Guarda presentaron no rexistro municipal unha moción para que sexa debatida no próximo pleno ordinario do mes de marzo.
No apartado expositivo os socialistas argumentan a importancia que o ferri ten para A Guarda, tanto para manter a comunicación entre as dúas ribeiras do Miño, transportando pasaxeiros e vehículos, como para dar continuidade ao camiño Portugués da Costa que “entra en Galicia pola Guarda, tras cruzar o Miño na súa desembocadura.”O peirao do ferri sofre unha avaría no verán de 2021 por falta de mantemento, e dende entón, portos de Galicia propietario da infraestrutura, impide o acceso dos vehículos ao embarcadoiro. Este é o motivo polo que o ferri deixa de navegar sin que Portos, ata o momento, atenda as demandas que se teñen feito dende o concello da Guarda.
Os socialistas declaran: “o embarcadoiro da Pasaxe seguirá tendo utilidade se o actual ferri se substitúe por outro tipo de embarcación ou incluso se houbera máis de unha facendo o servizo. Non hai nada que xustifique que se deixe deteriorar esta infraestrutura portuaria.”
Na moción tamén se fai mención ás demandas do sector privado vinculado ao Camiño Portugués da Costa, non solo do concello da Guarda senón tamén dos concellos de O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán. Dende o seu recoñecemento oficial en 2016, moitas persoas estiveron traballando para ofrecer servizos no camiño en base ao crecemento que este viña experimentando e as expectativas que se crearon. Non é de recibo que agora a Xunta de Galicia deixe sen continuidade o camiño por non resolver o paso do esteiro do Miño. Debe manter as condicións que xeraron aquelas oportunidades e expectativas.
No apartado resolutivo os socialistas esixen a Xunta de Galicia que repare, a maior brevidade, o peirao do ferri da Pasaxe para posibilitar o embarque de vehículos. Tamén instan a Xunta a que habilite un transporte de pasaxeiros alternativo entre A Guarda e Caminha mentres non estea reparado o embarcadoiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario