O ACTUAL CONCELLEIRO DE CULTURA E EDUCACIÓN SERÁ O CABEZA
DE LISTA DA CANDIDATURA SOCIALISTA.
Antonio Lomba Baz, actual
concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías, é, por decisión unánime
dos socialistas guardeses, o candidato á alcaldía nas municipais de maio.
Concelleiro dende o ano 2003, forma parte do goberno municipal dende o ano
2007; ten por tanto unha longa experiencia na vida municipal. A destacada
política cultural do Concello nestes anos, así como unha estreita e proveitosa
política educativa forman parte dos seus innumerables logros.
No campo profesional, Antonio
Lomba é enxeñeiro e exerce como profesor de Tecnoloxía; nos últimos 14 anos no
IES A Sangriña. O seu alumnado sabe da súa valía como profesor motivador. Os
seus alumnos teñen recibido un bo numero de prestixiosos galardóns por
proxectos innovadores.
Coñecida hai un tempo a decisión
de Freitas de non repetir como candidato, a Agrupación Socialista iniciou os
traballos para a determinación de novo
candidato. Na liña histórica de relevo organizado, hoxe podemos anunciar que
contamos cun inmellorable candidato. Rigor, responsabilidade e traballo son
tres características fundamentais de Antonio Lomba.
Un grupo de traballo define xa
as liñas de precampaña. O traballo feito
nos últimos oito anos, un proxecto de
futuro ambicioso e realista, unha boa lista e un mellor candidato serán as
armas que poñeremos enriba da mesa para seguir contando co respaldo maioritario
das guardesas e dos guardeses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario