martes, 19 de abril de 2016

O Partido Popular da Guarda intenta confundir aos veciños.

Estes días teñen aparecido nos medios e nas redes sociais algunhas mentiras e intentos de manipulación da realidade sobre a VAC Tui-A Guarda. O que sabemos certo e que o goberno do PP elimina a partida do 2016 para esta infraestrutura.
Di o PP local que o alcalde da Guarda se reuniu na Xunta co vicepresidente e que non lle falou da VAC. A verdade é que se reuniron dúas persoas do equipo de goberno (o alcalde non puido asistir) con Alfonso Rueda pero en contra do que din dende o PP, si que lle falaron do Vial Tui-A Guarda...O PP minte.
Tamén manifestaron dende o PP que a VAC non é unha prioridade para o alcalde da Guarda. So se me ocorre que a persoa que se atreve a dicir iso ademais de mentireira quere facer parvos aos demais. Como pode pensar alguén que semellante cousa é certa? A verdade e que estou indignado polo que fixo a Xunta de Galicia desprazando a partida orzamentaria da VAC Tui-A Guarda para outra comarca, pero indígname máis aínda que o PP local intente desviar a responsabilidade deste acto que tanto prexudica ao Baixo Miño. 
Non creo que teña que demostrar nada, pero apetéceme facelo, quero dar argumentos a aqueles que coinciden comigo en que temos que pelexar xuntos polos intereses estratéxicos da Guarda sen importar as cores políticas. Os documentos que aparecen a continuación son dúas solicitudes de reunión feitas a Conselleira de Infraestruturas dos que non tivemos resposta. Agora penso que nunca respondeu porque xa tiña pensado facernos a xogada que nos fixo.
Din dende o PP que non lle pedimos apoio en temas importantes. Pois ben, no que levamos de lexislatura temos mantido bastantes reunións con eles, algunhas para pedirlles apoio en cuestións importantes. Quero destacar dúas. Unha foi a aprobación dos orzamentos. Neste caso non lles preocuparon os nosos argumentos en defensa dos intereses do Pobo, a resposta foi NON. Outro dos temas importantes nos que lle pedimos apoio foi a aprobación inicial do Plan Xeral, tampouco aquí tiveron en conta os intereses do Pobo e dos veciños, a resposta foi NON. Pero seguiremos pedíndolle apoio. Nos próximos días pedirémoslle apoio para esixir a Xunta manteña para este ano 2016 o investimento previsto para a VAC Tui-A Guarda tramo I de 3.641.526€.
Por certo parece que o PP local e o PP da Xunta non se entenden moi ben. Din os locais que lle pediron a Conselleira de infraestruturas nunha reunión no 2015 que continuase coas obras do Vial Tui-A Guarda e xa vemos cal foi a resposta da Xunta, retirar a partida orzamentaria.
En relación con esta falta de entendemento hai unha historia que sabe pouca xente: no mes de febreiro o alcalde da Guarda tivo unha reunión con Encarna Rivas, Secretaria Xeral de Urbanismo, para falar do futuro do Plan Xeral, dado que cando se levou a pleno, en decembro, o documento non obtivo a aprobación inicial. Naquela reunión a Secretaria Xeral foi moi clara. A súa recomendación era que lle déramos a aprobación inicial antes do 19 de marzo, día da entrada en vigor da nova Lei do Solo de Galicia. Comprometeuse a mediar diante do PP local para conseguir o seu apoio, aquel mesmo día falou coa súa portavoz e días máis tarde organizamos unha reunión a que acudiron varios concelleiros do PP local e o alcalde da Guarda. Neste caso era a Xunta quen pedía algo ao PP local e a resposta foi  volver a negarse a dar o apoio a aprobación inicial do PXOM. Unha verdadeira lástima para A Guarda, para as arcas municipais e para moitos veciños que perderon a esperanza.

venres, 15 de abril de 2016

A Xunta deixa Á Guarda abandonada eliminando o investimento na VAC

A Xunta elimina unha partida de 3.641.526 €, destinada a VAC Tui-A Guarda, dos Fondos Europeos de Compensación Interterritorial
Ninguén que coñeza o Baixo Miño ten dúbidas de que unha das necesidades máis urxentes da Guarda e O Rosal é rebaixar o tempo de viaxe ata conectar coa autopista principalmente para diminuír o tempo de viaxe a Vigo.
Os enlaces dende A Guarda coas autopistas, tanto coa AG-47 por Baiona como a A-52 por Tui, atópanse a media hora en coche como mínimo. Chegar a Vigo dende A Guarda leva unha hora, a Pontevedra unha hora e cuarto e dúas horas a Santiago. Estamos lonxe das grandes cidades en distancia e en tempo.
A mellora das estradas que levan ata A Guarda é unha prioridade dende o punto de vista da igualdade de oportunidades, temos dereito a mellorar o acceso aos servizos sanitarios, aos centros educativos, a universidade e aos principais centros de traballo. Temos dereito, en resumo, a reducir o tempo de viaxe ata Vigo, a nosa cidade de referencia no eido sanitario, educativo, cultural e laboral.
Esta necesidade parecía que fora entendida polo Conselleiro de Política Territorial Alberto Núñez Feijoo no 2004 que aprobou o proxecto da VAC (Vía de Alta Capacidade) Tui - A Guarda. Hoxe, despois de 12 anos, sendo Feijoo presidente, dos 24,5 km proxectados solo se executaron 10 km. O peor é que a obra vaise retrasando ano tras ano sen que, a día de hoxe, teñamos unha data para o seu remate. Incluso vendo a actitude de Xunta respecto deste vial da a impresión de que non ten intención de executalo.
Dende o comezo da lexislatura o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, solicitou dúas veces por escrito, nos meses de xullo e outubro, e varias veces máis por teléfono, unha reunión coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, para falar principalmente dos prazos de execución da VAC. Ata o momento a Conselleira non tivo a ben recibir ao Alcalde da Guarda.
No mesmo senso os Socialistas da Guarda presentaron a través do Partido Socialista de Galicia varias emendas aos orzamentos da Xunta para o 2016 entre as cales figura a demanda de dotación orzamentaria para executar os tramos I e II da VAC Tui-A Guarda. Dado que a Xunta soamente habilitou nos orzamentos partida para o tramo I pero non para o tramo II. A previsión da Xunta era rematar o tramo I para o 2018 pero nada se sabe do tramo II.
Hoxe recíbese na Guarda unha triste noticia relacionada coa VAC Tui-A Guarda: o Ministerio de la Presidencia informa duns expedientes de substitución de proxectos na Comunidade Autónoma de Galicia, nos que unha partida de 3.641.526 € dos Fondos Europeos de Compensación Interterritorial que tiñan como destino a VAC son desviados para o Desdobramento do Corredor do Morrazo por acordo entre a Dirección General de Fondos Comunitarios e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

xoves, 3 de decembro de 2015

Postura do Grupo Municipal Socialista da Guarda respecto dos circos con animais salvaxes.


Estes días moita xente se pregunta por que se permite a instalación na Guarda dun circo que utiliza animais no seu espectáculo. En primeiro lugar aclarar que, de momento, non hai ningunha lei ou ordenanza que o prohiba. En segundo lugar indicar que a competencia para lexislar sobre esta cuestión corresponde a Xunta de Galicia.
No Grupo Municipal Socialista estamos totalmente de acordo coa declaración Universal dos Dereitos dos Animais que se proclamou en 1978, e que recalca os dereitos dos animais a recibir atención, coidados e protección, así como a non sufrir malos tratos nin seren obxecto de trato cruel.
A normativa autonómica de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade contempla a autorización de espectáculos nos que interveñan animais. Así, os circos que traballan con animais en Galicia están autorizados pola Xunta. No caso da Guarda, ademais, o circo móntase nunha finca privada, o que limita máis aínda as accións que pode tomar o concello.
A postura dos socialistas é contraria a utilización de animais salvaxes en espectáculos, entendendo que, de producirse, estes animais deben ser tratados segundo o disposto na lei galega 1/1993 no que se refire a transporte, coidado, protección, instalación e alimentación.
Entendemos que a administración Autonómica debería tomar medidas similares ás que se están tomando noutros países, como pode ser o caso de Portugal, nos que se prohibe aos circos adquirir máis animais salvaxes e a súa procreación. Desta maneira establecese un prazo natural para a desaparición dos animais salvaxes dos espectáculos.
Dende o Grupo Municipal Socialista da Guarda, tal e como se ten feito noutros concellos de Galicia, imos a propoñer unha moción na que se estableza que o goberno municipal non promova a instalación de circos con animais salvaxes. Que non se autorice a instalación de publicidade de circos con animais salvaxes en espazos públicos. Que se inste a Xunta de Galicia a que impulse unha lei que impida o uso de animais salvaxes nos circos. E por último, que o concello da Guarda sexa declarado vila libre de circos con animais salvaxes.
Para esta moción solicitaremos previamente o apoio do BNG dado que na lexislatura pasada este  grupo presentou unha moción en termos similares.

Texto da moción do GMS para declarar A Guarda libre de circos con animais salvaxes.

domingo, 1 de novembro de 2015

Os socialistas da Guarda repulsan a moción de censura en Oia.

Dende a Agrupación Socialista da Guarda queremos manifestar a nosa máis enérxica repulsa a moción de censura presentada en Oia por Converxencia Galega e o Partido Popular. Así mesmo queremos mostrar toda a solidariedade e apoio a Rosa Otero, alcaldesa de Oia, e ao seu equipo polo engano ao que se viron sometidos, por parte de Converxencia Galega, dende o comezo da lexislatura e que agora agroma con este pacto antinatura. 
Queremos mostrar tamén o noso apoio a tódolos veciños de Oia que se senten enganados, por ter soñado e logrado un goberno progresista coa forza dos votos e que agora ven como outros intereses truncan esa vontade manifestada nas urnas. Os cidadáns de Oia votaron maioritariamente á esquerda (en teoría) e agora teñen que ver como volven a gobernar os mesmos de sempre con apoio dun grupo que mentiu aos veciños. Un grupo que primeiro apoia a Rosa como alcaldesa pero que non dubida en mudar ese voto máis tarde sen unha xustificación coherente
Isto non é bo para a política. Feitos como o sucedido en Oia dan motivos aos cidadáns para dubidar das lexítimas intencións dos que nos dedicamos a vida pública. Pero non somos todos iguais. Seguro que os veciños de Oia acabarán por poñer a cada un no seu sitio como xa sucedeu na Guarda. Esperamos que para as próximas eleccións Oia volva a ter unha Rosa na alcaldía.
Coñecemos de primeira man o traballo que Rosa e o seu equipo estivo facendo estes meses por Oia e os seus veciños. Cónstanos que traballaron con todas as súas forzas para que Oia mellorara. Sabemos que os veciños coñecían este traballo, xa se estaba notando o cambio e a maioría da xente estaba contenta. Esta boa labor realizada durante estes meses será o xerme do futuro cambio da cor política no concello de Oia. Estamos convencidos. Ánimo progresistas de Oia o futuro é voso.

sábado, 3 de outubro de 2015

ENTREVISTA A ANTONIO LOMBA. ALCALDE DA GUARDA



Aquí tedes un extracto da entrevista que as Xuventudes Socialistas da Guarda lle fixeron o alcalde Antonio Lomba e número un dos #SocialistasDaGuarda. Podedes encontrar a entrevista completa en http://xsaguarda.blogspot.com

Xa pasaron máis de 100 días dende a toma de posesión. ¿Que mudou na Guarda?

Cambiou o alcalde, cambiou parte do equipo e tamén da corporación, pero A Guarda segue sendo unha vila singular. Un sitio marabilloso do que están namorados tódalas guardesas e guardeses. Quizais o único que puido mudar un pouco agora foi a filosofía co equipo de goberno ten sobre a súa labor política e social cos cidadáns da vila. Un dos obxectivos prioritarios é implicar máis á poboación na vida da vila, mellorar A Guarda é cousa de todos.

Normalmente a exixencia é moi grande para un alcalde nos primeiros días. No teu caso a esixencia é dobre pois X.M. Domínguez Freitas foi un alcalde que calou moito na vila. ¿As comparacións son odiosas?

A min non me importan, o contrario, eu era e son o primeiro admirador de Freitas. Foi un gran alcalde, foi o alcalde que A Guarda merecía. Non teño afán por imitalo pero é un referente moi importante tanto política como persoalmente. Aínda non me chegaron comparacións pero sei que ao longo da lexislatura notaranse moitas diferenzas.

luns, 31 de agosto de 2015

ENTREVISTA A MONTSE MAGALLANES DEPUTADA SOCIALISTA DO BAIXO MIÑO



Guardesa, licenciada, profesora particular, nai, socialista, concelleira e agora tamén deputada. A que era fae 15 anos a promesa socialista comeza agora unha das etapas máis importantes para a súa vída e o seu pobo. Por fin A Guarda ten o espazo que merece dentro da Deputación de Pontevedra por medio de Montserrat Magallanes. 


Nada no ano 1968, licenciada en empresariais na Universidade de Vigo, casada, con dous fillos, chegou a formar parte executiva socialista na época de Emilio Pérez Touriño, quedamos con ela para que nos conte que tal esta nova etapa e como ve a política guardesa.


martes, 2 de xuño de 2015

O MONTE TREGA

Presentación do Plan Director Monte Trega
O 22 de novembro de 2012 e logo de varios anos de traballo de campo viu a luz o Plan Director da Península do Monte de Santa Trega realizado por encargo da Xunta no 2008. O documento debería de servir para fixar unhas directrices de ordenación e usos do Monte. Neste acto participaron o director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel e o coordinador do equipo redactor, Mario Crecente. 
Presentación do Plan Director do Monte Trega
Centenario da Sociedade Pro Monte
Foron variados os actos e iniciativas que, en colaboración cos membros da comisión creada ó efecto no seo do Padroado Municipal, se levaron a cabo para resaltar a importancia que para A Guarda tivo a Sociedade Pro Monte fundada en setembro de 1912. Charlas divulgativas, obradoiros, visitas guiadas, publicacións... foron custeadas polo Padroado e Concello ante o desinterese mostrado pola Secretaría Xeral de Cultura, allea á importancia que non so para A Guarda, senón tamén para Galicia, tivo a Sociedade Pro Monte. 


Presentación libro J. M Villa
O Centro Cultural da Guarda acolleu o 24 de outubro de 2014 a presentación da obra “La Sociedad Pro- Monte Santa Tecla (2ª parte: 1928-1939)” escrita polo historiador e investigador guardés Joaquín Miguel Villa Álvarez.
Traslado e organización dos fondos do MASAT
Gracias ó inestimable traballo do persoal do Museo do Monte e de Turismo, coordinado por Leonardo González, acometeuse a tarefa de organizar os abundantes fondos e o seu traslado para dependencias da Casa dos Alonsos. Alí quedaron ordenados, clasificados, en boas condicións de conservación e accesibles para que calquera estudoso poda consultalos. No antigo depósito acometéronse, coa colaboración económica da Dirección Xeral de Patrimonio, obras de acondicionamento do espazo baleirado para aula didáctica na que se poderán realizar charlas e obradoiros dirixidos ós grupos interesados.
Nova aula no MASAT

Fondos arqueolóxicos

Divulgación
Desde hai uns anos, entre os meses de abril e setembro, o Padroado Municipal conta con guía propio que ilustra os visitantes sobre todas aquelas cuestións de interese. 10.000 visitantes de toda condición e interese se incorporaron ás visitas programadas no 2014.
Ademais das visitas regulares promovéronse outras actividades divulgativas en colaboración coa Universidade de Santiago ou outras institucións. Durante o mes de abril deste mesmo ano algo máis de 1000 escolares dos centros públicos e concertados da Guarda, Oia e O Rosal participaron nos obradoiros realizados no marco do proxecto Educastro.
Obradoiros Educastro, abril 2015

Obradoiros de arqueoloxía, maio 2014

Actuacións de restauración e consolidación de estruturas
O convenio asinado entre o Concello da Guarda e a Escola de Restauración de Pontevedra posibilitou a realización dun proxecto de consolidación e restauración de varias estruturas do castro de Sta Trega.
Os traballos realizáronse no verán de 2014 coa participación de alumnos e alumnas da citada escola baixo a dirección do restaurador Gonzalo Buceta Bruneti.
Traballo de consolidación de estruturas no Trega
Proxectos de futuro inmediato
O Concello ven de participar na convocatoria da Consellería de Cultura co proxecto de acondicionamento do entorno do MASAT e de dotación de ascensor para o acceso ó mesmo desde o aparcamento. Esta actuación permitiría superar un atranco que dura demasiado tempo e avanzar na eliminación de barreiras.