Aquí tedes un extracto da entrevista que
as Xuventudes Socialistas da Guarda lle fixeron o alcalde Antonio Lomba e
número un dos #SocialistasDaGuarda. Podedes encontrar a entrevista completa en http://xsaguarda.blogspot.com
Xa pasaron máis de 100 días dende a toma
de posesión. ¿Que mudou na Guarda?
Cambiou o
alcalde, cambiou parte do equipo e tamén da corporación, pero A Guarda segue
sendo unha vila singular. Un sitio marabilloso do que están namorados tódalas
guardesas e guardeses. Quizais o único que puido mudar un pouco agora foi a
filosofía co equipo de goberno ten sobre a súa labor política e social cos
cidadáns da vila. Un dos obxectivos prioritarios é implicar máis á poboación na
vida da vila, mellorar A Guarda é cousa de todos.
Normalmente a exixencia é moi grande
para un alcalde nos primeiros días. No teu caso a esixencia é dobre pois X.M.
Domínguez Freitas foi un alcalde que calou moito na vila. ¿As comparacións son
odiosas?
A min non me
importan, o contrario, eu era e son o primeiro admirador de Freitas. Foi un
gran alcalde, foi o alcalde que A Guarda merecía. Non teño afán por imitalo
pero é un referente moi importante tanto política como persoalmente. Aínda non
me chegaron comparacións pero sei que ao longo da lexislatura notaranse moitas
diferenzas.
Observando a oleada de novas
incorporacións á vida política, podemos dicir que ti es un alcalde novato pero
un político vello. ¿Notas as diferenzas entre a vella e a nova política?.
Non me considero
un vello político, non son un político profesional, son un guardés, que
exercendo como profesor de tecnoloxía, nun intre da miña vida, con Freitas, comecei
como concelleiro e agora estou de alcalde, polo menos durante os próximos catro
anos, pero eu fun e seguirei sendo profesor, esa é a miña profesión.
Presenteime ás
eleccións cun proxecto que eu entendo moi interesante e que en moitos aspectos
ten un horizonte temporal máis alá dos catro anos. Realmente gustaríame
cambiar, mellorar a vida dos guardeses incorporando o que entendemos que é
necesario diso que chamas nova política.
Falas de renovación pero sodes un grupo
con moita experiencia na xestión municipal. ¿Que traballo impulsaches en cada
área ca túa chegada?
É certo que a
maioría do grupo é moi experimentado nas áreas que lle toca desenvolver. O pobo
sabe que é así, eu creo que en parte por iso nos deu o seu apoio, tiña confianza.
De calquera maneira máis que impulsar cuestións concretas queremos mudar a
forma de facer as cousas e tratar de mellorar aqueles aspectos onde, a pesar de
levar 8 anos, pensamos que temos que mellorar. Por exemplo reforzar as
relacións cos cidadáns e as asociacións, a maneira de informar, as relacións
cos medios, etc. incluso como relacionarnos co resto de grupos.
A nosa última entrevista foi á nova
incorporación, Elena Baz ¿que aporta a este equipo?
Ela é unha peza
fundamental que encaixa perfectamente neste puzzle. Cada dia estamos máis
contentos. Foi como unha bocanada de aire fresco no Concello, e penso que a súa
integración foi perfecta. Neste verán demostrou unha gran capacidade de
traballo que aumenta a inercia que xa levábamos, para optimizar ese traballo
cultural que tíñamos preparado. Ela é unha muller moi integrada na cultura
guardesa, moi coñecida e apreciada pola mocidade, e iso é o que vai facer que
mude a maneira que temos de comunicarnos neses eidos, cultura, educación e
xuventude.
Cal é a postura do alcalde co tema das
21 licencias?
As 21 licencias
e outros problemas urbanísticos que provocaron e están provocando aínda
importantes quebradeiros de cabeza a algunhas familias da Guarda. Para o
Concello tamén significa un desembolso de cartos moi importante. Farei todo o
que estea na nosa man para darlle a aprobación inicial o PXOM xa que dende a
Xunta propuxeron que podería frear a execución das sentencias. Por iso o
traballo destes meses, que tampouco se ve moito na rúa porque e máis no
Concello, foi o de intentar levar o pleno canto antes a aprobación inicial do
PXOM.
¿Cando vai ter a policía local
competencias para actuar na zona portuaria?
O problema do
porto non é nada novo. Fai xa case un mes que temos pedida unha reunión co xefe
de Portos. A este alcalde preocúpalle moito toda esta situación, dende a
circulación e aparcamento, ao lixo, etc. por iso precisamos saber como podemos
solventar as incomodidades no porto, entre eles e nós, que somos os implicados.
Polo que notamos Portos non está igual de preocupado por estes problemas
locais. A reunión será o día 20 de outubro, pese a que xa dende comezos de
verán se dan eses problemas.
¿Cal cree Antonio Lomba que é a mellor
solución do dragado do ferry?
A verdade é que
estamos observando que o tempo do actual transbordador está limitado. Por iso
os Socialistas da Guarda mandámoslle, ao partido en Madrid, unha emenda ós
orzamentos xerais para que se fixera un “estudo-proxecto dun sistema sostible
de comunicación transfronteiriza para persoas e vehículos a través do rio Miño
entre A Guarda e Caminha”. Así teremos toda a información para conseguir a
solución mais viable a medio-longo plazo, que é o que máis lle interesa A
Guarda e a Caminha.
Segundo o alcalde ¿Precisa a Guarda un
novo pavillón?
A verdade é que
o que temos non está en condicións para as necesidades actuales. A Guarda e O
Rosal precisan dun bo pavillón, sobre todo para os equipos de balonmán, para
así realizar mellor o seu traballo. A solución que parece máis viable é un
polideportivo compartido entre as dúas vilas. Pero non só pos equipos grandes
senón tamén pas distintas disciplinas que se practican na vila e que ano tras
ano van acadando mellores resultados. É necesario contar cas mellores
instalacións posibles. Polo tanto a Xunta e a Deputación, e así llo faremos ver, deberían comezar a pensar
unha solución importante en termos de actuación, ademais de axudarnos en
continuar mellorando os servizos actuais.
Xa que falamos de infraestruturas
importantes ¿Para cando un Auditorio municipal?
A Guarda non ten
auditorio, para nós é unha infraestrutura imprescindible, é unha vella demanda
dos Socialistas da Guarda. Tanto é así que xa se realizou un anteproxecto e que
tiña financiamento nos orzamentos da Xunta na época de Touriño, que Feijóo non
quixo executar. Por iso o Concello da Guarda seguirá demandando un auditorio
multiusos para a vila diante das administracións que teñan capacidade para
facelo (Xunta e Deputación).
Outro dos debates de este verán tamén
foi o Grupo de Emerxencias Supramunicipal da Guarda.
É normal, é un
servizo indispensable para A Guarda e o Baixo Miño, que pola nosa situación
xeográfica non podemos deixalo morrer. O concello seguirá mantendo os GES pero
buscaremos vías para que sexa o menos gravoso economicamente.
Moitos veciños quéixanse da tardanza en
reparación de desperfectos, limpeza e recollida do lixo.
É certo que as
veces tardamos en reparar desperfectos. O Concello da Guarda ten graves
problemas de persoal, motivados a que a chamada lei Montoro impedía a
contratación de novo persoal. Temos a idea de resolver estes problemas co novo
orzamento, a partir do próximo ano. Imos sacar prazas de interinos para
traballadores de rúa e vamos a utilizar parte do financiamento aportado pola Deputación
para arranxar material e mobiliario que ata agora non podíamos. Temos moi
presente que é necesario incidir na reparación e mantemento en espazos
públicos. Respecto á recollida de lixo, ademais de algunha actuación máis puntual,
toca implicar a tódolos cidadáns para manter A Guarda máis limpa. Mentres algúns
falan de que hai unha bolsa de lixo fora nos estamos falando realmente de
cambiar a sociedade. A complementación entre estes plans e a nova app axudará a
axilizar moito o mantemento grazas a notificación de incidencias por parte da
cidadanía, por outro lado ademais de ser máis eficientes respecto os residuos,
tamén tentaremos mellorar os programas de concienciación por medio de algunhas
novas iniciativas.
Cando falas da nova app fas referencia a
aplicación para smartphones que presentáchedes recentemente. ¿Que tentades
lograr ca implantación desta app?
Tentamos varias
cousas, a primeira é que a xente da vila estea máis e mellor informada. Sobre
todo aqueles que están mais desvinculados do Concello, xente entre 16 e 30 anos
que poden ter nesta app una oportunidade de relación co Concello. Eles son sen
dúbida os que mais manexan esas tecnoloxías. Por outra banda, pretendemos ter a
mellor ferramenta posible de información turística, a que un turista pode ter
antes de chegar A Guarda e neses primeiros intres. Por último, seguindo o
slogan de que “A Guarda é cousa de todos” buscamos mellorar a interactividade
entre o cidadá e a institución por iso incorporamos os módulos de avisos,
participación e de incidencias, unha das cousas na que mais aceptación estamos
observando.
¿Como te gustaría que fora a Guarda
dentro de 4 anos?
Non considero que A Guarda estea
actualmente tan deprimida como algúns nos queren facer ver. Aínda así creo que
podemos mellorar moito. Gustaríame que fora unha vila máis humanizada, con máis
espazos para as persoas, gustaríame que ofrecerá máis oportunidades a xente
nova que quere establecerse aquí. Gustaríame que tivera novas dotacións que
todos consideramos necesarias ou polo menos que avanzamos na obtención desas
dotacións. Gustaríame, e creo que o imos a conseguir, que os veciños participen
máis na vida municipal, que viran os espazos públicos como algo que é de todos
e que todos debemos coidar.
Moitas
grazas Antonio polo teu tempo esperamos que pronto teñamos boas novas para a
mocidade guardesa.
Si, casualmente o venres 2 de outubro
teremos a primeira Conversa coa Xuventude, na que tentamos reforzar o vínculo
que existe entre o concello e a mocidade, dende aquí animo a todos a
participar. Grazas tamén a vós pola
entrevista. Un saúdo a tódalas persoas que dedicaron o seu tempo a lernos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario