martes, 20 de decembro de 2016

A Xunta segue ignorando as demandas e necesidades do Baixo Miño

Parece que, en contra do que ven asegurando o goberno da Xunta de Galicia presidido por Núñez Feijoo, a Vía de Altas Prestacións (VAP) Tui - A Guarda deixou de ser unha prioridade para o executivo autonómico. Durante os últimos anos, sobre todo en períodos preelectorais, os responsables do PP galego aseguran que esta infraestrutura é prioritaria, sen embargo ven sufrindo atraso tras atraso durante os últimos 12 anos e as cousas non pintan nada ben para o futuro.
No presente ano 2016 a Xunta desviou unha partida de 3,6 millóns de euros procedentes dos Fondos Europeos de Compensación Interterritorial destinados ao tramo I da VAP Tui - A Guarda. Estes 3,6 millóns, que sería de xustiza recuperar nos orzamentos de 2017, sumados aos 6,3 que a Xunta tiña anunciados como investimento para o próximo ano suman un total de 10 millóns de euros que se deberían haber consignado nos orzamentos que a Xunta presenta para o próximo exercicio. Pois ben, lonxe de recuperar esta cantidade nos orzamentos de 2017, a Xunta castiga ao Baixo Miño consignando unha partida orzamentaria testimonial de 1 millón de euros.

A previsión que a Xunta fai nos orzamentos de 2017 é a de prolongar o remate do tramo I máis alá do ano 2020 e nada se fala do tramo II, de 10 km de lonxitude, valorado en 77,8 millóns de euros. Está claro que a Xunta de Galicia apostou por outras infraestruturas, así se constatou no discurso de investidura de Núñez Feijoo, no que non nomeou a VAP Tui - A Guarda, e se pode confirmar na presentación do Proxecto de Orzamentos xerais 2017 da Xunta de Galicia que colga da páxina web da Consellería de Facenda, na que nin sequera aparece esta infraestrutura.
A preocupación do equipo de goberno do concello da Guarda é grande,  a VAP e fundamental para o desenvolvemento do noso territorio. De non estar executada nun prazo razoable, a nosa comarca, con máis de 40.000 habitantes, quedará condenada a ser unha das peores comunicadas de Galicia con esa cantidade de poboación. De feito nos últimos anos A Guarda está perdendo habitantes, fenómeno que o goberno municipal liga directamente a mala comunicación.
A Xunta de Galicia non pode seguir ignorando as necesidades do Baixo Miño. Tódalas asociacións de empresarios e a Corporación Guardesa, ademais do pleno da Mancomunidade de Municipios do Baixo Miño no que están representados os 5 concellos da comarca, reclamaron á Xunta a elaboración dun plan de investimentos, con prazos razoables, para a finalización desta infraestrutura necesaria para a comunicación do Baixo Miño.
No concello da Guarda tamén existe unha gran preocupación  polo financiamento das obras. Temos que ter en conta que a Galicia están chegando fondos de cohesión dende Europa no marco dos Programas Operativos 2014-20, pero non sabemos que sucederá máis alá de 2020.
Os veciños do Baixo Miño merecen unha explicación da actitude da Xunta ao ignorar as súas demandas de execución desta obra que o mesmo Feijoo, cando era Conselleiro de Política Territorial, consideraba prioritaria.

xoves, 15 de setembro de 2016

O concello da Guarda esixe á Xunta transparencia na concesión dos obradoiros de emprego.

O concello da Guarda solicitou na convocatoria deste ano 2016 un obradoiro de emprego para dúas especialidades: axuda a domicilio e oficios varios. A elección destas especialidades está sobradamente xustificada. No caso de axuda a domicilio é a propia demanda de formación que existe na localidade abalada principalmente polo alto índice de colocación que se prevé, tal e como sucedeu no pasado cando se impartiu esta especialidade. A última vez que A Guarda tivo un obradoiro, alá polo ano 2008, na especialidade de axuda a domicilio atoparon emprego a maioría das persoas que participaron. En oficios varios o obxectivo era principalmente dar formación a persoas que perderon o seu emprego pola crise do ladrillo, para mellorar a súa cualificación e que puideran reinserise no mundo laboral. As prácticas para este obradoiro estaba previsto que se realizaran no antigo colexio Sinde o que permitiría ademais a rehabilitación do edificio.

A solicitude para este obradoiro ten data de 25 de febreiro e a día de hoxe non hai ningunha comunicación oficial sobre se o temos concedido ou non. Sen embargo responsables políticos da Xunta, sen que exista resolución publicada, levan dende o mes de xuño anunciando por distintos concellos, a bombo e platillo, que lle foron concedidos obradoiros de emprego e AFD (Accións Formativas para Desempregados). Incluso hai concellos que lles concederon as dúas modalidades, Obradoiros e Accións Formativas, véndose obrigados a renunciar a algunha delas por falta de alumnos.
Independente doutras cuestións que non podemos valorar, dado non hai resolución, consideramos que A Guarda e os seus veciños merecíamos que a Xunta nos concedera o obradoiro de emprego por cumprir os requirimentos que se esixían na convocatoria e por outras circunstancias. En primeiro lugar dicir que superamos a puntuación mínima para a concesión do obradoiro, temos 24 puntos cando a Xunta esixía como mínimo 23. Na convocatoria dicíase que o número de empregados tiña que superar os 500, no noso caso por desgracia superamos ese número, temos a día de hoxe segundo o IGE, 876 parados. Outras localidades apenas rebasan os 500, e en moitos casos tiveron que agruparse concellos para conseguilos. Non temos un obradoiro nin Acción Formativa dende o ano 2008 mentres que outras localidades levan tido formación tódolos anos.
A Xunta de Galicia non é transparente. O concello da Guarda síntese discriminado ao comprobar que favorece a  uns concellos sobre outros dependendo das cores políticas dos equipos de goberno.
Dende o concello da Guarda queremos facer pública esta situación, os veciños da Guarda teñen que saber que o concello solicitou o obradoiro, que temos a puntuación mínima esixida para que no lo concedan pero non sabemos nada da resolución, supoñemos que a día de hoxe xa está pechada pero non publicada. E evidente que a Xunta está actuando de forma partidista, fixo os anuncios das concesións dos obradoiros sen resolución, de xeito discrecional tendo en conta as cores políticas de quen estaba gobernando nos concellos.

martes, 19 de abril de 2016

O Partido Popular da Guarda intenta confundir aos veciños.

Estes días teñen aparecido nos medios e nas redes sociais algunhas mentiras e intentos de manipulación da realidade sobre a VAC Tui-A Guarda. O que sabemos certo e que o goberno do PP elimina a partida do 2016 para esta infraestrutura.
Di o PP local que o alcalde da Guarda se reuniu na Xunta co vicepresidente e que non lle falou da VAC. A verdade é que se reuniron dúas persoas do equipo de goberno (o alcalde non puido asistir) con Alfonso Rueda pero en contra do que din dende o PP, si que lle falaron do Vial Tui-A Guarda...O PP minte.
Tamén manifestaron dende o PP que a VAC non é unha prioridade para o alcalde da Guarda. So se me ocorre que a persoa que se atreve a dicir iso ademais de mentireira quere facer parvos aos demais. Como pode pensar alguén que semellante cousa é certa? A verdade e que estou indignado polo que fixo a Xunta de Galicia desprazando a partida orzamentaria da VAC Tui-A Guarda para outra comarca, pero indígname máis aínda que o PP local intente desviar a responsabilidade deste acto que tanto prexudica ao Baixo Miño. 
Non creo que teña que demostrar nada, pero apetéceme facelo, quero dar argumentos a aqueles que coinciden comigo en que temos que pelexar xuntos polos intereses estratéxicos da Guarda sen importar as cores políticas. Os documentos que aparecen a continuación son dúas solicitudes de reunión feitas a Conselleira de Infraestruturas dos que non tivemos resposta. Agora penso que nunca respondeu porque xa tiña pensado facernos a xogada que nos fixo.
Din dende o PP que non lle pedimos apoio en temas importantes. Pois ben, no que levamos de lexislatura temos mantido bastantes reunións con eles, algunhas para pedirlles apoio en cuestións importantes. Quero destacar dúas. Unha foi a aprobación dos orzamentos. Neste caso non lles preocuparon os nosos argumentos en defensa dos intereses do Pobo, a resposta foi NON. Outro dos temas importantes nos que lle pedimos apoio foi a aprobación inicial do Plan Xeral, tampouco aquí tiveron en conta os intereses do Pobo e dos veciños, a resposta foi NON. Pero seguiremos pedíndolle apoio. Nos próximos días pedirémoslle apoio para esixir a Xunta manteña para este ano 2016 o investimento previsto para a VAC Tui-A Guarda tramo I de 3.641.526€.
Por certo parece que o PP local e o PP da Xunta non se entenden moi ben. Din os locais que lle pediron a Conselleira de infraestruturas nunha reunión no 2015 que continuase coas obras do Vial Tui-A Guarda e xa vemos cal foi a resposta da Xunta, retirar a partida orzamentaria.
En relación con esta falta de entendemento hai unha historia que sabe pouca xente: no mes de febreiro o alcalde da Guarda tivo unha reunión con Encarna Rivas, Secretaria Xeral de Urbanismo, para falar do futuro do Plan Xeral, dado que cando se levou a pleno, en decembro, o documento non obtivo a aprobación inicial. Naquela reunión a Secretaria Xeral foi moi clara. A súa recomendación era que lle déramos a aprobación inicial antes do 19 de marzo, día da entrada en vigor da nova Lei do Solo de Galicia. Comprometeuse a mediar diante do PP local para conseguir o seu apoio, aquel mesmo día falou coa súa portavoz e días máis tarde organizamos unha reunión a que acudiron varios concelleiros do PP local e o alcalde da Guarda. Neste caso era a Xunta quen pedía algo ao PP local e a resposta foi  volver a negarse a dar o apoio a aprobación inicial do PXOM. Unha verdadeira lástima para A Guarda, para as arcas municipais e para moitos veciños que perderon a esperanza.

venres, 15 de abril de 2016

A Xunta deixa Á Guarda abandonada eliminando o investimento na VAC

A Xunta elimina unha partida de 3.641.526 €, destinada a VAC Tui-A Guarda, dos Fondos Europeos de Compensación Interterritorial
Ninguén que coñeza o Baixo Miño ten dúbidas de que unha das necesidades máis urxentes da Guarda e O Rosal é rebaixar o tempo de viaxe ata conectar coa autopista principalmente para diminuír o tempo de viaxe a Vigo.
Os enlaces dende A Guarda coas autopistas, tanto coa AG-47 por Baiona como a A-52 por Tui, atópanse a media hora en coche como mínimo. Chegar a Vigo dende A Guarda leva unha hora, a Pontevedra unha hora e cuarto e dúas horas a Santiago. Estamos lonxe das grandes cidades en distancia e en tempo.
A mellora das estradas que levan ata A Guarda é unha prioridade dende o punto de vista da igualdade de oportunidades, temos dereito a mellorar o acceso aos servizos sanitarios, aos centros educativos, a universidade e aos principais centros de traballo. Temos dereito, en resumo, a reducir o tempo de viaxe ata Vigo, a nosa cidade de referencia no eido sanitario, educativo, cultural e laboral.
Esta necesidade parecía que fora entendida polo Conselleiro de Política Territorial Alberto Núñez Feijoo no 2004 que aprobou o proxecto da VAC (Vía de Alta Capacidade) Tui - A Guarda. Hoxe, despois de 12 anos, sendo Feijoo presidente, dos 24,5 km proxectados solo se executaron 10 km. O peor é que a obra vaise retrasando ano tras ano sen que, a día de hoxe, teñamos unha data para o seu remate. Incluso vendo a actitude de Xunta respecto deste vial da a impresión de que non ten intención de executalo.
Dende o comezo da lexislatura o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, solicitou dúas veces por escrito, nos meses de xullo e outubro, e varias veces máis por teléfono, unha reunión coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, para falar principalmente dos prazos de execución da VAC. Ata o momento a Conselleira non tivo a ben recibir ao Alcalde da Guarda.
No mesmo senso os Socialistas da Guarda presentaron a través do Partido Socialista de Galicia varias emendas aos orzamentos da Xunta para o 2016 entre as cales figura a demanda de dotación orzamentaria para executar os tramos I e II da VAC Tui-A Guarda. Dado que a Xunta soamente habilitou nos orzamentos partida para o tramo I pero non para o tramo II. A previsión da Xunta era rematar o tramo I para o 2018 pero nada se sabe do tramo II.
Hoxe recíbese na Guarda unha triste noticia relacionada coa VAC Tui-A Guarda: o Ministerio de la Presidencia informa duns expedientes de substitución de proxectos na Comunidade Autónoma de Galicia, nos que unha partida de 3.641.526 € dos Fondos Europeos de Compensación Interterritorial que tiñan como destino a VAC son desviados para o Desdobramento do Corredor do Morrazo por acordo entre a Dirección General de Fondos Comunitarios e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

xoves, 3 de decembro de 2015

Postura do Grupo Municipal Socialista da Guarda respecto dos circos con animais salvaxes.


Estes días moita xente se pregunta por que se permite a instalación na Guarda dun circo que utiliza animais no seu espectáculo. En primeiro lugar aclarar que, de momento, non hai ningunha lei ou ordenanza que o prohiba. En segundo lugar indicar que a competencia para lexislar sobre esta cuestión corresponde a Xunta de Galicia.
No Grupo Municipal Socialista estamos totalmente de acordo coa declaración Universal dos Dereitos dos Animais que se proclamou en 1978, e que recalca os dereitos dos animais a recibir atención, coidados e protección, así como a non sufrir malos tratos nin seren obxecto de trato cruel.
A normativa autonómica de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade contempla a autorización de espectáculos nos que interveñan animais. Así, os circos que traballan con animais en Galicia están autorizados pola Xunta. No caso da Guarda, ademais, o circo móntase nunha finca privada, o que limita máis aínda as accións que pode tomar o concello.
A postura dos socialistas é contraria a utilización de animais salvaxes en espectáculos, entendendo que, de producirse, estes animais deben ser tratados segundo o disposto na lei galega 1/1993 no que se refire a transporte, coidado, protección, instalación e alimentación.
Entendemos que a administración Autonómica debería tomar medidas similares ás que se están tomando noutros países, como pode ser o caso de Portugal, nos que se prohibe aos circos adquirir máis animais salvaxes e a súa procreación. Desta maneira establecese un prazo natural para a desaparición dos animais salvaxes dos espectáculos.
Dende o Grupo Municipal Socialista da Guarda, tal e como se ten feito noutros concellos de Galicia, imos a propoñer unha moción na que se estableza que o goberno municipal non promova a instalación de circos con animais salvaxes. Que non se autorice a instalación de publicidade de circos con animais salvaxes en espazos públicos. Que se inste a Xunta de Galicia a que impulse unha lei que impida o uso de animais salvaxes nos circos. E por último, que o concello da Guarda sexa declarado vila libre de circos con animais salvaxes.
Para esta moción solicitaremos previamente o apoio do BNG dado que na lexislatura pasada este  grupo presentou unha moción en termos similares.

Texto da moción do GMS para declarar A Guarda libre de circos con animais salvaxes.

domingo, 1 de novembro de 2015

Os socialistas da Guarda repulsan a moción de censura en Oia.

Dende a Agrupación Socialista da Guarda queremos manifestar a nosa máis enérxica repulsa a moción de censura presentada en Oia por Converxencia Galega e o Partido Popular. Así mesmo queremos mostrar toda a solidariedade e apoio a Rosa Otero, alcaldesa de Oia, e ao seu equipo polo engano ao que se viron sometidos, por parte de Converxencia Galega, dende o comezo da lexislatura e que agora agroma con este pacto antinatura. 
Queremos mostrar tamén o noso apoio a tódolos veciños de Oia que se senten enganados, por ter soñado e logrado un goberno progresista coa forza dos votos e que agora ven como outros intereses truncan esa vontade manifestada nas urnas. Os cidadáns de Oia votaron maioritariamente á esquerda (en teoría) e agora teñen que ver como volven a gobernar os mesmos de sempre con apoio dun grupo que mentiu aos veciños. Un grupo que primeiro apoia a Rosa como alcaldesa pero que non dubida en mudar ese voto máis tarde sen unha xustificación coherente
Isto non é bo para a política. Feitos como o sucedido en Oia dan motivos aos cidadáns para dubidar das lexítimas intencións dos que nos dedicamos a vida pública. Pero non somos todos iguais. Seguro que os veciños de Oia acabarán por poñer a cada un no seu sitio como xa sucedeu na Guarda. Esperamos que para as próximas eleccións Oia volva a ter unha Rosa na alcaldía.
Coñecemos de primeira man o traballo que Rosa e o seu equipo estivo facendo estes meses por Oia e os seus veciños. Cónstanos que traballaron con todas as súas forzas para que Oia mellorara. Sabemos que os veciños coñecían este traballo, xa se estaba notando o cambio e a maioría da xente estaba contenta. Esta boa labor realizada durante estes meses será o xerme do futuro cambio da cor política no concello de Oia. Estamos convencidos. Ánimo progresistas de Oia o futuro é voso.

sábado, 3 de outubro de 2015

ENTREVISTA A ANTONIO LOMBA. ALCALDE DA GUARDA



Aquí tedes un extracto da entrevista que as Xuventudes Socialistas da Guarda lle fixeron o alcalde Antonio Lomba e número un dos #SocialistasDaGuarda. Podedes encontrar a entrevista completa en http://xsaguarda.blogspot.com

Xa pasaron máis de 100 días dende a toma de posesión. ¿Que mudou na Guarda?

Cambiou o alcalde, cambiou parte do equipo e tamén da corporación, pero A Guarda segue sendo unha vila singular. Un sitio marabilloso do que están namorados tódalas guardesas e guardeses. Quizais o único que puido mudar un pouco agora foi a filosofía co equipo de goberno ten sobre a súa labor política e social cos cidadáns da vila. Un dos obxectivos prioritarios é implicar máis á poboación na vida da vila, mellorar A Guarda é cousa de todos.

Normalmente a exixencia é moi grande para un alcalde nos primeiros días. No teu caso a esixencia é dobre pois X.M. Domínguez Freitas foi un alcalde que calou moito na vila. ¿As comparacións son odiosas?

A min non me importan, o contrario, eu era e son o primeiro admirador de Freitas. Foi un gran alcalde, foi o alcalde que A Guarda merecía. Non teño afán por imitalo pero é un referente moi importante tanto política como persoalmente. Aínda non me chegaron comparacións pero sei que ao longo da lexislatura notaranse moitas diferenzas.