Amosando publicacións coa etiqueta porta da vila. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta porta da vila. Amosar todas as publicacións

luns, 2 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia executa as obras dun compromiso acadado polo anterior goberno socialista para o Castelo de Santa Cruz

  •  O equipo de goberno socialista conseguira na anterior lexislatura a colaboración da Axencia de Turismo (Xunta de Galicia) para mellorar os camiños de acceso ao Castelo de Santa Cruz, e alumear artisticamente e de forma ecoeficiente a muralla.
  • Fai uns días que xa podemos ver rematada a intervención que afectaba aos accesos ao Castelo, quedando aínda pendente de instalar a iluminación ornamental da muralla.

Os/as Socialistas somos conscientes de que o Patrimonio da Guarda é un dos bens máis prezados desta vila, e durante as últimas lexislaturas leváronse a cabo moitas xestións para tratar de protexelo e poñelo en valor.



Exemplo disto sería a firma deste convenio coa Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, pero tamén diversas actuacións clave como a restauración e consolidación do xacemento do Barrio Mergelina, a reconstrución da porta norte do Castro, o proxecto Mar de Sal a través do que se recuperaron as Salinas do Seixal, ou a promoción de actividades de divulgación como as Barferencias ou as visitas guiadas.

Con todo, non podemos ocultar a nosa profunda tristeza ao ver como nos últimos tempos as nosas principais xoias patrimoniais, como o Castelo de Santa Cruz, as Salinas ou o Castro de Santa Trega, se atopan practicamente nun estado de abandono. Esta situación reflicte, unha vez máis, o total desleixo do actual equipo de goberno cara ao noso pobo.

A situación é tan preocupante que incluso o xornal Atlántico denunciou recentemente a falta de atención e coidado co que se está a tratar o noso patrimonio.

En relación ás obras no Castelo de Santa Cruz, celebramos que a Xunta de Galicia retomara e completara as melloras que quedaran pendentes. Non obstante, é imprescindible que o actual equipo de goberno comece a asumir a súa responsabilidade na protección e conservación do noso patrimonio, algo que, lamentablemente, non fixeron durante o tempo que levan gobernando.


domingo, 26 de maio de 2024

A Xunta de Galicia inicia as obras dun compromiso acadado polo anterior goberno socialista para o Castelo de Santa Cruz.

  • O equipo de goberno socialista conseguira na anterior lexislatura a colaboración da Axencia de Turismo (Xunta de Galicia) para mellorar os camiños de acceso ao Castelo de Santa Cruz, e alumear artísticamente e de forma ecoeficiente a muralla.

  • Fai uns días deuse inicio a ditas obras, e xa poden observarse máquinas traballando tanto no acceso á Porta da Vila como na parte exterior da muralla.

O anterior goberno, consciente de que o Patrimonio da Guarda era, e sigue sendo, o ben máis prezado da nosa localidade, levou a cabo durante anos unha serie de iniciativas cun obxectivo común: poñer en valor e rendibilizar o seu Patrimonio para dalo a coñecer, para conservalo e tamén para utilizalo como atractivo turístico.


Rehabilitación do acceso pola porta da vila

Un deses elementos no que se puxo especial énfase, e que ademáis está declarado Ben de Interese Cultural, foi o Castelo de Santa Cruz.

Por iso solicitouse á Axencia de Turismo de Galicia a realización de varias actuacións dirixidas a seguir poñendo en valor este ben patrimonial, firmando un convenio entre a mesma e o Concello da Guarda na anterior lexislatura.


Obras de iluminación da muralla

Alegrámonos de que a Xunta de Galicia retome esta obra que quedara pendente de facer, e xa se dera inicio ás obras que representarán cambios moi positivos para o Castelo, xa que unha vez finalizadas a muralla lucirá iluminada e se mellorarán e farán accesibles os accesos tanto pola Porta da Vila (tramo que arranca na rúa Puerto Rico e ascende entre dúas casas indianas), como pola Porta de Socorro (tramo que nace no camiño peonil da Avda. Sto. Domingo de Guzmán).