- O Partido Socialista da Guarda, que levaba moitos anos traballando no ancheamento de rúas e camiños, especialmente nas parroquias de Salcidos e Camposancos, desexa seguir contribuíndo a esta causa desde a oposición.
- Grazas á colaboración dunha familia camposina que cederá unha parte do seu terreo, o Concello da Guarda terá a posibilidade de anchear o 1º Transversal Salgueiró, unha rúa que nalgún tramo non chega aos 1,80 m de ancho.
O Partido Socialista da Guarda leva traballando moitos anos para facer realidade o ancheamento de multitude de camiños da Guarda, especialmente nas parroquias de Salcidos e Camposancos, lugares que ata fai pouco tempo concentraban a maior parte de vías da vila nas que os vehículos tiñan grandes dificultades para circular, especialmente os vehículos de emerxencia.
1º Transv. Salgueiró |
Aínda en oposición, queremos seguir contribuíndo a que todos os veciños e veciñas da Guarda teñan as mesmas oportunidades, e para iso é necesario que, independentemente do punto da vila no que residan, podan ser asistidos/as en casos de emerxencia, ademais de reducir as posibilidades de danos nos seus vehículos.
Por iso seguimos atentos/as a aquelas oportunidades no que respecta á cesión de terreos que a veciñanza poda facer de forma voluntaria, e que teñan coma fin o ancheamento de vías públicas de difícil tránsito ou acceso.
Unha desas vías sería o 1º Transversal Salgueiró (Camposancos), que nun tramo ten un ancho que non chega aos 1,80m.
Na actualidade os propietarios de varias das parcelas que lindan co Transversal na súa parte máis estreita fixéronnos saber que estarían dispostos a ceder ao Concello da Guarda de forma gratuíta parte dos terreos da súa propiedade para realizar o ancheamento do camiño.
Dada esta boa oportunidade presentamos unha moción que esperamos sexa aprobada por unanimidade, e a través da cal o actual equipo de goberno se comprometa a iniciar as negociacións cos/as propietarios/as e, unha vez feita a cesión, levar a cabo as obras para o ancheamento desta vía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario