venres, 22 de marzo de 2024

Sr. Alcalde: Ao Cesar o que é do Cesar

  •  Roberto Carrero, actual alcalde da Guarda sigue instaurado na mentira como forma de vida. Non lle chegou con apropiarse irregularmente de cartos públicos da Deputación de Pontevedra, cartos que tivo que devolver, senón que agora pretende apropiarse do traballo alleo, e poñerse a medalla con proxectos e subvencións acadadas polo anterior equipo de goberno socialista.
  • Nos orzamentos para o 2024 a única novidade deste novo goberno será a subida do IBI que sufrirán os veciños e veciñas da Guarda, unha suba do recibo nun 22%.

Teñen transcorridos 10 meses dende as últimas eleccións municipais. Dun goberno socialista, integrado por 5 persoas, pasouse na Guarda a un goberno da dereita máis Celso Fariñas que conforman un equipo integrado por 9 persoas, e que ten acontecido desde entón? Nestes meses non temos visto nin unha iniciativa ou idea nova do goberno, o único que se percibe é un silencio espeso que o vai anegando todo. O que a cidadanía lle traslada ao partido socialista é unha absoluta degradación da vida municipal:

1.-Eliminaron a retransmisión vía streaming dos Plenos Municipais. Nótase o medo a que a veciñanza coñeza o nulo traballo do equipo de goberno (e iso que son 9). Estamos diante dunha medida que vai en contra dos principios da TRANSPARENCIA e que anula o dereito da cidadanía a coñecer dos asuntos municipais. A CIDADANÍA TEN DEREITO A ESTAR INFORMADA.

Fai click sobre a imaxe para aumentala

2.-Cando estaba na oposición, o Partido Popular sempre falaba de rebaixar impostos e taxas, pois ben, nada máis chegar ao goberno a primeira medida da dereita foi subir o IBI nun 22%. A maior subida impositiva coñecida na Guarda. Viva a incoherencia!!!

3.-O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, fíxonos sentir vergoña allea saíndo nos medios de comunicación nacionais polo cobro irregular da Deputación de Pontevedra, cartos que tivo que devolver. Miúda falta de integridade.

4.-Tamén minte cada vez que fala do ferri. Nun “vídeo-denuncia” deses que tanto lle gustaba facer en oposición, o Sr. Carrero dixo a principios de 2022 que o servizo volvería a estar operativo (grazas ás súas xestións...) en Semana Santa dese ano. Mentiunos tamén na cara, cando en novembro de 2023, nos dixo durante unha reunión que o pantalán do ferri ía a estar instalado nunhas semanas. De mentira a mentira, e tiro porque me toca.

5.-Desde que Roberto Carrero goberna a localidade tense reducido o nivel de consecución de recursos e de cartos para A Guarda, será porque dedican o seu tempo en fabricar mentiras e en propagalas. O fixeron dende o primeiro minuto, tratando de enganar á cidadanía guardesa dicindo que o goberno socialista deixara arruinado o Concello, e fíxense que a 30/10/2023 había nos bancos 3.058.166,70€, e non o dicimos nós, o dixo mediante un informe o Tesoreiro Municipal.

Pero o que máis preocupa ao partido socialista da Guarda é a falla de compromiso de Roberto Carrero e o seu equipo coa Guarda e cos veciños e veciñas. O silencio chegou á cidadanía guardesa, os/as veciños/as xa nin se acercan polo concello porque din que o alcalde nunca está.

O abandono das rúas e prazas é mais que evidente, a falla de mantemento unha constante, a perda de subvencións un suma e segue. En espazos como a Alameda nunca houbo tanta loseta caída por colocar (e tanto que lle molestaban no pasado que ata fixo un vídeo falando diso), ata tiraron parte do muro e ninguén o arranxa.

Hai camiños, como o da Armona, intransitables, aparcamentos públicos que teñen aspecto lunar (polas fochancas) ou obras acabadas de rematar que van camiño de precisar outra intervención. E iso que o equipo de goberno está formado por 9 persoas, que farían se foran 5 coma fomos nós?.

En definitiva, a mentira é a súa primeira liña de traballo, o abandono e a falla de preocupación polos asuntos municipais a segunda, e a terceira é a de pretender apropiarse dos logros do anterior goberno socialista. Esta terceira liña de traballo, a apropiación, ven a colación porque a nota que publicaron sobre os orzamentos é un claro exemplo. Presumen dunha cifra millonaria de investimentos neste 2024, así o titular da noticia di:

“O Concello da Guarda disporá este ano dun orzamento expansivo e social...., e que se enriquecerá con alomenos 5.002.808€ euros en transferencias doutras administracións para afrontar ata 14 investimentos”

Está claro que Roberto Carrero é un experto en manipular a información e en tratar de apropiarse do traballo e xestión do anterior equipo de goberno socialista. Deses 5.002.808€ de inversións dos que falan, máis de 4.000.000€ os teñen grazas a subvencións conseguidas polo anterior goberno socialista.

E para aportar datos e non falar ao aire, axuntamos un cadro onde aparecen as principais subvencións conseguidas por nós para obras e proxectos a executar durante a actual lexislatura. Fai uns días pedimos acceso aos expedientes de todas elas, para comprobar en que fase de execución se atopan e iremos informando das novidades.

Preocúpanos moito este tema, varias destas subvencións xa se perderon porque o actual equipo de goberno non deu executado as obras ou servizos aos que estaban destinadas...pero a cuestión é: canto diñeiro máis perderá A Guarda con este actual goberno?

O noso concello é un concello pequeno, con moi pouca capacidade económica, e por iso dependemos tanto das subvencións para poder levar a cabo pequenos e grandes proxectos. Non podemos permitirnos perder nin un euro, e o goberno municipal ten que buscar a maneira de que non o perdamos. Ese é o seu traballo e a súa obriga.


Ningún comentario:

Publicar un comentario