luns, 21 de agosto de 2023

A Guarda terá un alcalde ao 21%

 Sr. Carrero vai cobrar da Deputación de Pontevedra un soldo de 54.406,68€, 9.406,68€ máis que o que inicialmente tiña previsto cobrar como Alcalde no concello da Guarda.

O Partido Socialista da Guarda pon de manifesto o engano do Sr. Carrero cos veciños e veciñas da localidade, xa que a súa adicación ao concello será unicamente dun 21%, xa que o 79% restante da súa xornada terá que dedicarllo ao seu posto como deputado provincial.

O Sr. Carrero non vai a cobrar un soldo do concello da Guarda, non porque non queira gastar das arcas municipais, senón porque a retribución que recibirá da Deputación de Pontevedra é case 10.000€ maior que a que inicialmente cobraría na Guarda. A maiores poderá recibir indemnizacións monetarias por asistir a comisións e plenos, contía que anualmente pode rondar os 6.000€.


No pleno organizativo do concello da Guarda, celebrado o pasado mes de xullo, se presentara unha proposta inicial de retribución anual bruta de 45.000€ para o alcalde pola adicación parcial ao concello da Guarda, que era do 80% da xornada laboral (adicación mínima polas altas responsabilidades). Esta proposta foi retirada antes do pleno, para ser substituída por outra na que aparecía o nome dun novo concelleiro, concretamente o de Celso Fariñas, que pasaría a estar no equipo de goberno como 2º Tenente-Alcalde e cobrar 33.000€ anuais.

Chámanos a atención que esta incorporación ao equipo de goberno con remuneración incluída coincida co pleno no que se aprobaban as retribucións dos concelleiros, e para o que querían asegurar a súa aprobación a costa de calquera cousa, incluso a costa de verse obrigados a incluír ao Sr. Fariñas no equipo de goberno.

Nós entendemos que o Alcalde e os/as concelleiros/as que dediquen máis tempo ao traballo no concello, deben ser xustamente remunerados/as por elo, faltaría máis. O que non estamos dispostos a aguantar é que o Sr. Carrero vaia de bo samaritano anunciando a bombo e platillo que non vai a cobrar das arcas municipais para favorecer ao pobo da Guarda, cando os feitos fan sospeitar que de bo samaritano ten máis ben pouco, xa que con esta maxistral xogada consegue dous obxectivos: engordar o seu peto e acadar o apoio dun socio de goberno que favoreza estar en maioría para poder facer e desfacer ao seu antollo no concello.

Desde o grupo socialista entendemos ademais que a nosa localidade precisa dun alcalde ao 100%, un alcalde de luns a domingo e durante as 24h do día. Xa nos posicionamos en contra de ter un alcalde ao 80% porque consideramos que é un engano á cidadanía guardesa non dispor dun alcalde con dedicación total e así o manifestamos no mes de xullo onde amosamos a nosa preocupación por tal feito. Nos reafirmamos no dito e agora con máis motivo xa que a adicación do sr. Roberto aos asuntos municipais decae dun 80 ata o un 21%. Empezamos a entender o desleixo en moitas partes do municipio e a carencia en diferentes ámbitos de competencia municipal.

Os datos dos que falamos pódense consultar no BOPPO de 16 de agosto de 2023, na que aparece reflexada a aprobacion dunha dedicación parcial do 79% para o Sr. Carrero cunha retribución anual de 54.406,68€, así como na acta do pleno de organización celebrado o 13 de xullo do presente ano.

Isto é a realidade e que non traten de enganar á cidadanía guardesa.


luns, 3 de xullo de 2023

A Guarda continúa recibindo fondos a través de subvencións xestionadas polo anterior goberno socialista.

  • O concello da Guarda recibe 1.573.655,26 € procedentes de fondos europeos. Unha subvención para a “Reforma e Rehabilitación Enerxética da Piscina Municipal”.
  • As actuacións que se propoñen na piscina responden a un enfoque integral, dotándolla dunha imaxe exterior máis limpa, moderna e adecuada ao seu entorno, conseguindo un aforro enerxético próximo ao 80 %.

A Guarda a 30 de xuño de 2023. O concello da Guarda continúa recibindo subvencións dos fondos europeos NextGenerationEU xestionadas na etapa do goberno socialista do alcalde Antonio Lomba.

Tendo en conta que o anterior goberno consideraba a piscina municipal unha dotación estratéxica de utilidade pública por a súa función terapéutica e de promoción da vida saudable. Considerando que as súas instalacións e o propio edificio teñen equipamentos obsoletos e espazos desaproveitados, o goberno socialista promoveu un estudo enerxético, arquitectónico e funcional, coa participación da cidadanía, co fin de concretar as necesidades de mellora da piscina municipal dende o punto de vista da eficiencia enerxética, de optimización de espazos e de modernización das instalacións.

As actuacións máis importantes que se propoñen responden a un enfoque integral que combina a adaptación funcional, estética, económica e social do edificio; dotándollo dunha imaxe exterior máis limpa, moderna e adecuada ao seu entorno. Conseguindo un aforro enerxético próximo ao 80 %. Amplíase o ximnasio. Ábrese un novo vaso para aprendizaxe de 1m de profundidade e créase unha nova sala de usos múltiples reordenando os espazos e reducindo a zona de recepción.

Unha vez elaborada a documentación coa proposta de mellora tocaba buscar financiamento, e así, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o goberno de Antonio Lomba solicitou, fai uns meses, fondos para a rehabilitación da piscina municipal climatizada do concello da Guarda. A solicitude de subvención canalizouse a través da convocatoria da Liña 2 do programa de rehabilitación integral de edificios públicos de titularidade local (Pirep Local).

O “Ministerio de Transportes Movilildad y Agenda Urbana”, xestor dos fondos Pirep, comunicou ao concello que o importe concedido para a “Reforma e Rehabilitación Enerxética da Piscina Municipal da Guarda” é o solicitado e ascende a 1.573.655,26 € tendo que estar rematada e recepcionada antes do 31 de marzo do 2026. 

O Grupo Municipal Socialista quere manifestar a súa satisfacción polo éxito das xestións que permitiron a obtención desta subvención tan importante para A Guarda, tanto pola contía como polo seu destino. Antonio Lomba declara que “estes son resultados do traballo feito no noso mandato. Estamos moi satisfeitos por conseguir esta subvención e esperamos que non sexa a última xa que aínda ahi solicitudes de financiamento sen resolver para proxectos importantes para a nosa localidade”.




 

mércores, 28 de xuño de 2023

O Concello da Guarda recibe unha subvención de preto de 710.000€ xestionada polo anterior goberno socialista

  •  Esta fin de semana vimos de recibir a noticia da consecución dunha subvención da Deputación de Pontevedra para facer realidade a 1ª fase do proxecto de rehabilitación do Antigo Sinde, e para a que o Concello recibirá 709.738,81 euros.
  • Os/as concelleiros socialistas amosan a súa satisfacción por ter acadado esta subvención grazas ao traballo desenvolto no anterior mandato.

Co fin de seguir apoiando o gran traballo que realizan as asociacións culturais, deportivas, veciñais, etc. da Guarda, e co fin de mellorar os espazos municipais nos que desenvolven o seu traballo, iniciamos neste último mandato as accións necesarias para rehabilitar e mellorar a eficiencia enerxética de dous edificios onde se atopan diversas asociacións, como son o Antigo Sinde e a Escola de San Lorenzo.

No primeiro caso presentouse o proxecto de reforma integral do pavillón número 1 a unha convocatoria de subvencións da Deputación de Pontevedra (PON2030) que viu aprobada estes días por unha cantidade de 709.738,81€.

A través desta obra integral crearanse espazos insonorizados para que os grupos podan ensaiar, despachos para as asociacións, salas de reunións e aulas de usos compartidos, mellorando a eficiencia enerxética e a accesibilidade do edificio.

Dita obra beneficiará non só as asociacións que están instaladas neste edificio, senón tamén a aquelas outras que se atopen ubicadas no outro pavillón e incluso a aquelas que aínda non dispoñan de local, xa que unha gran parte dos espazos están pensados para ter un uso compartido.

No caso da Escola de San Lorenzo, cuxa rehabilitación se presentou como proxecto de obra do próximo obradoiro de emprego, seguimos á espera da resolución da Xunta de Galicia, esperando que un proxecto tan interesante como este poda tamén vir aprobado, e que a través do mesmo podan formarse e traballar como albaneis 20 persoas desempregadas da localidade.

A través destes dous proxectos, que foron encargados a dous estudos de arquitectura da vila, realizouse unha firme aposta pola mellora de espazos que teñen usos sociocomunitarios, culturais, etc, xa que se verán beneficiadas un mínimo de 15 asociacións da vila.

domingo, 21 de maio de 2023

Antonio Lomba garante que "no próximo mandato impulsaremos a construción do novo auditorio, que albergara´o conservatorio e un parking subterraneo"

 A Guarda, 20 de maio de 2023. Antonio Lomba, candidato socialista á alcaldía da Guarda, garante que “no próximo mandato impulsaremos, xunto con outras administracións, a construción do novo auditorio na finca da Fínola, que albergará o conservatorio e un parking subterráneo”.

O gobierno local adquiriu hai anos os terreos da finca de Fínola e realizou os trámites urbanísticos necesarios para converter esa parcela en chan público dotacional. “A nosa idea é clara: construír nesa parcela o auditorio municipal, unha demanda histórica da vila”, explica o candidato socialista.

Infografía do novo auditorio sobre Fínola unida coa alameda

Antonio Lomba está convencido de que “é un proxecto de presente e de futuro, para que os guardeses disfruten dun equipamiento tan necesario e demandado como é o auditorio e da ampliación da Alameda”.

Dentro das propostas culturais, os socialistas pretenden tamén “a rehabilitación integral do primeiro bloque do Centro Sociocultural do antigo Sinde para mellorar as instalacións, que a día de hoxe son utilizadas polas asociacións da vila”.

“Tamén seguiremos coa política de grandes concertos no Porto e habilitaremos un aula de estudo cun horario estable nas dependencias da biblioteca do Centro Cultural”, engade Antonio Lomba.

Antonio Lomba lamenta que "o señor Rueda marchase da Guarda sen prometer solucións ás cuestións que o concello lle ten plantexadas á Xunta dende hai anos"

 --- "Serei eu quen xestione diante da Xunta aqueles proxectos que A Guarda necesita, como o veño facendo ata agora", afirma o candidato socialista 

A Guarda, 19 de maio de 2023. Antonio Lomba, candidato socialista á alcadía da Guarda, lamenta que “o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, viñera onte ata A Guarda e marchase sen prometer solucións ás cuestións que o concello lle ten plantexadas á Xunta".

“Seguiremos esperando por parte da Xunta e do candidato do PP vontade política para desbloquear proxectos moi importantes para a Guarda que son competencia do goberno autonómico, rexeitando por exemplo apoiar o acceso sur ao porto, unha infraestrutura fundamental para o noso concello”, lembra Antonio Lomba.

Mitin na praza da Guía

Mitin en Laxe Grande


“Non fixeron referencia a ningún dos grandes proxectos para A Guarda que dependen da Xunta; ou o señor Rueda non sabe nada da realidade da Guarda ou non quere adquirir compromisos porque ten datos de que Roberto Carrero non vai a ser o próximo alcalde”, sostén.

“A Guarda avanza grazas aos investimentos da Deputación, do Goberno estatal, dos fondos europeos que conseguimos desde o concello e dos recursos municipais, é inaceptable a ausencia da Xunta para mellorar a Atención Primaria na sanidade, ou para axilizar as obras da autovía a Tui”, engade.

O candidato socialista fai mención a outros proxectos que son competencia da Xunta, “como a senda arredor do Trega para mellorar o tránsito peonil na PO-352 de Camposancos, ou a renovación do embarcadeiro do ferry a Caminha, impracticable desde o ano 2021”.

Por último, Antonio Lomba garante que "serei eu quen xestione diante da Xunta aqueles proxectos que A Guarda necesita, como o veño facendo ata agora".

venres, 28 de abril de 2023

Os socialistas da Guarda fan un balance moi positivo dos primeiros meses do "Plan Rehabita", "que será un dos piares da nosa acción de goberno no próximo mandato"

--- Onte celebrouse unha nova reunión para explicarlle esta iniciativa aos veciños


A Guarda, 28 de abril de 2023. Os socialistas da Guarda fan un balance moi satisfactorio dos primeiros meses do ‘Plan Rehabita’, un proxecto que ten como finalidade informar e asesorar aos veciños e veciñas sobre como rehabilitar as súas vivendas, mellorando a súa imaxe e a eficiencia enerxética dos inmobles, e ao mesmo tempo beneficiándose das subvencións que proceden de fondos europeos Next Generation.


“Agradecemos o interese co que os veciños acolleron o plan, que será un dos piares da nosa acción de goberno no próximo mandato”, asegura Antonio Lomba, alcalde e candidato socialista.


“Con este plan, o Concello da Guarda converteuse no motor e no punto de encontro tanto de veciños como de profesionais do sector da edificación: empresas de reformas e servizos enerxéticos, fabricantes, administradores de inmobles e técnicos”, engade Antonio Lomba.



Onte, na Casa dos Alonso, celebrouse unha nova reunión cos veciños e veciñas da Guarda para explicarlles en que consiste o plan e que pasos deben dar se están interesados en rehabilitar as súas vivendas.


En palabras do alcalde e candidato socialista, “puxemos en marcha o plan porque queríamos coordinar a conservación e rehabilitación de todas as vivendas da vila; un desenvolvemento sostible, incrementando o valor da arquitectura, o deseño e a accesibilidade, e o fomento da rehabilitación enerxética e o confort do fogar”.



Con este plan, o goberno socialista da Guarda creou unha proposta atractiva para os propietarios das vivendas, capaz de potenciar na localidade o alugueiro de longa duración e o aloxamento vacacional, así como a activación, a renovación e a modernización das vivendas existentes para entrar nas esixencias europeas de eficiencia enerxética e sustentabilidade.



“O obxectivo é ademais xerar emprego nas empresas do sector con actividade no concello”, remata Antonio Lomba.


Para máis información, os socialitas lembran que os veciños poden chamar ao 986 610000, escribir a  rehabita@aguarda.es, ou entrar en https://www.rehabita.aguarda.es

xoves, 27 de abril de 2023

O PSOE da Guarda considera que o feito de que Roberto Carrero presente un proxecto "con imaxes de obras noutros paises. Demostra que máis que "un novo rumbo", o que lle pasa é que perdeu o rumbo"

Os socialistas da Guarda consideran “unha falta de respecto aos nosos veciños e veciñas” que o PP da Guarda presente no seu programa electoral o proxecto dun novo complexo deportivo para o concello “con infografías e imaxes de obras e actuacións en países como Arxentina e Panamá”.

“Falan dun novo rumbo para A Guarda no seu programa, pero este tipo de comportamentos demostran que o que lles pasa realmente é que perderon o rumbo, tanto Roberto Carrero como o PP local”, lamenta o PSOE.

Os socialistas demandan “unha rectificación inmediata do PP e do señor Carrero, que pidan perdón aos veciños por uns feitos intolerables”.