mércores, 25 de febreiro de 2026

O PSOE acusa ao alcalde de renunciar a investimentos para A Guarda tras abandonar o GDR Galicia Suroeste e anuncia unha moción para revertelo.

O Grupo Municipal Socialista da Guarda anuncia que presentará unha moción no próximo pleno municipal para que o Concello recupere a súa participación en Galicia Suroeste Eurural, despois de que o alcalde decidise de maneira unilateral abandonar esta entidade clave para a captación de fondos e o desenvolvemento económico do territorio, sen debate público nin acordo plenario.

O PSOE considera que esta decisión supón renunciar a oportunidades e investimentos para o municipio por non asumir unha cota anual inferior aos 6.500 euros, unha cantidade mínima se se compara cos beneficios acadados pola Guarda nos últimos anos.

Fotografía de familia do GDR da que se borrou Carrero

Esta entidade beneficia directamente a emprendedores e emprendedoras, asociacións sen ánimo de lucro e aos propios concellos participantes, facilitando a chegada de investimentos e novas oportunidades ao territorio.

Nos últimos anos, A Guarda recibiu de forma directa máis de 113.000 euros en investimentos a través do GDR. Grazas a estes fondos leváronse a cabo actuacións concretas como o cambio de fiestras e a instalación dun ascensor no obradoiro de emprego Manuel B. Portela, a creación dunha área recreativa inclusiva no Monte Torroso ou a instalación dun aula de informática e melloras na vivenda protexida da asociación Avelaíña.

A esta cantidade hai que sumar outros proxectos dos que a nosa vila foi beneficiaria, como a promoción turística conxunta en FITUR, a campaña “Parte de Ti”, o acto de lanzamento de marca celebrado na sede das Redeiras da Guarda ou o Foro da Muller Rural, entre outros, que acadaron máis de 127.000 euros adicionais.

Ademais, Galicia Suroeste está a xestionar actualmente proxectos con financiamento europeo e estatal por un importe próximo aos 2.000.000€, destinados a apoiar o emprendemento, atraer investimento e impulsar novas oportunidades económicas no territorio.

Desde o PSOE lembran que as asociacións e entidades da Guarda poderán seguir participando nos programas do GDR, pero advirten de que a saída do Concello supón reducir a capacidade económica da entidade e, polo tanto, as oportunidades futuras para o territorio.

Resulta difícil de entender que o goberno municipal renuncie a participar nunha entidade que trae investimentos e oportunidades por unha cota anual irrisoria, mentres ao mesmo tempo destina recursos públicos a cuestións moito menos prioritarias, como máis de 1.500 euros en apenas dous meses en entrevistas radiofónicas de promoción persoal do alcalde.

Mentres ao alcalde se lle enche a boca falando de crecemento económico, na práctica estase renunciando a ferramentas reais de colaboración e captación de fondos que benefician directamente aos/as emprendedores/as, asociacións e mesmo ao propio Concello da Guarda.

Por todo iso, desde o Grupo Municipal Socialista presentarán ao pleno unha moción para instar ao equipo de goberno a reconsiderar esta decisión e recuperar a participación do Concello nunha entidade que leva anos contribuíndo ao desenvolvemento local e comarcal, ao apoio das asociacións e, en definitiva, á mellora da calidade de vida da veciñanza.


mércores, 11 de febreiro de 2026

Fotos, titulares e pouca realidade: o PSOE acusa ao goberno local de vivir da propaganda

Nos últimos días estamos asistindo a unha intensa campaña de autopromoción por parte do goberno municipal, que chega xusto despois de que a veciñanza puidese ver, con claridade, a actitude de desatención do alcalde nas súas responsabilidades na Deputación de Pontevedra. A resposta non foi máis traballo nin máis resultados: foi unha sucesión de publicacións en redes e notas de prensa destinadas a construír un relato que non se corresponde coa realidade.

A última mostra é a súa nota sobre turismo, na que se atribúen méritos e éxitos que nin promoveron nin impulsaron. Fálase de “traballo intenso e ben feito en promoción turística”, cando o certo é que a maior parte dos datos que exhiben responden á inercia de anos anteriores, ao esforzo do tecido asociativo e empresarial da vila e á consolidación de recursos que xa estaban plenamente posicionados moito antes de que este goberno tomase posesión.

O Monte Santa Trega leva décadas sendo o principal motor turístico da Guarda. As Festas do Monte, a Festa da Langosta, o porto, o estuario ou o Piueiro son atractivos consolidados que non naceron nestes dous últimos anos. Non se coñece ningunha iniciativa nova, transformadora ou estratéxica posta en marcha polo actual goberno que xustifique apropiarse destes resultados.

A oficialización en 2016 do "Camiño Portugués da Costa" e o seu posterior posicionamento foron froito dun traballo institucional e técnico desenvolvido hai anos. Dende entón, o actual executivo limitouse a aproveitar o crecemento natural dun itinerario que xa viña en expansión, sen impulsar melloras necesarias nin executar actuacións básicas. Un exemplo claro é a falta de sinalización axeitada en puntos clave como Camposancos, unha solicitude presentada polo Grupo Socialista e aprobada por unanimidade en pleno en maio de 2025, que a día de hoxe segue sen executarse, mentres os/as peregrinos/as continúan desorientándose en determinados tramos.

Tampouco resulta rigoroso atribuír ao Concello feitos que non dependen da súa acción directa, como a rodaxe dunha película na vila, a presenza entre finalistas dun concurso comercial ou o recoñecemento turístico dunha plataforma privada. Son circunstancias positivas para a Guarda, sen dúbida, pero non responden a unha planificación nin a unha estratexia municipal específica.

Esta mesma estratexia repítese tamén no ámbito económico. Mentres presumen de apoiar o comercio e a empresa, non puxeron en marcha nin formación, nin axudas, nin medidas reais de dinamización. O caso do polígono industrial é moi clarificador: se de verdade existise unha aposta firme por desenvolvelo como espazo para xerar emprego, nunca se tería barallado trasladar alí o punto limpo.

O problema de fondo é que se está a confundir presenza con xestión. Gobernar non é aparecer nas fotos, nin estar en todos os actos, nin limitarse á axenda institucional. Gobernar é dedicar horas ao despacho, planificar, reunirse, impulsar proxectos e facer seguimento continuo. E iso é o que non se está vendo. Hai moita actividade cara a fóra, pero moi pouca xestión real detrás.

A Guarda ten potencial, recursos e unha base sólida construída ao longo de moito tempo. O que precisa agora é un goberno que lidere, que planifique e que execute. Non un executivo máis preocupado por responder ás críticas da oposición que por poñer en marcha políticas reais que melloren o presente e o futuro da nosa vila.


luns, 2 de febreiro de 2026

O PSOE da Guarda canaliza demandas reais e acada acordos no pleno

O Grupo Municipal Socialista da Guarda conseguiu o apoio unánime da Corporación para dúas mocións que abordaban cuestións de relevancia para a veciñanza: a transparencia na facturación do abastecemento de auga e a seguridade peonil nun tramo da rúa Donantes de Sangre.

A primeira das iniciativas fai referencia á facturación do servizo municipal de abastecemento de auga, tras detectarse que, desde que a ORAL da Deputación de Pontevedra, asumiu a recadación, os recibos deixaron de incluír información básica como as lecturas anteriores e actuais dos contadores. Esta situación dificulta que a cidadanía poida comprobar ou contrastar o consumo facturado e limita as posibilidades de reclamación.

Concelleiros do Grupo Municipal Socialista

Desde o Grupo Municipal Socialista lembraron que a normativa municipal reguladora do servizo de abastecemento de auga, no seu artigo 43, establece de maneira expresa que esta información debe figurar obrigatoriamente nos recibos. Por este motivo, a moción aprobada insta ao Concello a esixir á Deputación a inclusión deses datos nos recibos bancarios, garantindo desta forma unha información clara, transparente e accesible para toda a veciñanza, tendo en conta especialmente ás persoas maiores ou con dificultades para acceder a medios dixitais.

A segunda moción aprobada responde a unha demanda veciñal da rúa Donantes de Sangre, onde existe unha carencia evidente de beirarrúas nun tramo moi utilizado para os desprazamentos a pé cara ao centro da vila. A falta de continuidade das beirarrúas obriga ás persoas a camiñar polo arcén, nalgúns puntos moi estreito, xerando unha situación de risco, especialmente para persoas maiores, con mobilidade reducida, usuarias de cadeiras de rodas ou familias con carriños de bebés.

Desde o PSOE da Guarda puxéronse tamén de manifesto os riscos existentes na contorna do cruzamento co Camiño de Lamela, onde realiza parada o autobús escolar, ao non existir espazos seguros para o tránsito peonil. A moción obriga agora ao Concello a iniciar os trámites necesarios para a dotación de beirarrúas neste tramo da rúa, garantindo criterios de accesibilidade universal, así como a avaliación da seguridade viaria na zona da parada escolar.

A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Fátima Rodríguez, valorou positivamente o respaldo unánime do pleno, destacando que “O PSOE da Guarda seguirá escoitando á veciñanza e levando ao pleno propostas concretas e útiles, unha forma de traballar que define o proxecto co que aspira a gobernar a vila, fronte ao modelo actual baseado máis en posar para a foto que na xestión”.