O Grupo Municipal Socialista da Guarda presentará no próximo pleno ordinario dúas mocións que abordan cuestións de relevancia para a veciñanza: a transparencia na facturación do abastecemento de auga e a seguridade peonil nun tramo da rúa Donantes de Sangre.
A primeira das iniciativas esixe o cumprimento da normativa vixente na facturación do servizo municipal de abastecemento de auga, logo de detectar que, desde que a recadación foi asumida pola ORAL da Deputación de Pontevedra, os recibos que emiten as entidades bancarias deixaron de incluír información básica sobre os consumos realizados. Esta carencia impide á cidadanía comprobar os datos facturados e dificulta calquera posibilidade de control ou reclamación, xerando unha situación de indefensión que resulta inaceptable nun servizo público básico. A moción insta a corrixir de maneira inmediata esta práctica e garantir unha facturación clara, detallada e conforme ao que establece a normativa municipal.
A segunda moción pon o foco na necesidade de dotar de beirarrúas o tramo final da rúa Donantes de Sangre. A falta de continuidade das beirarrúas obriga a camiñar polo arcén, que nalgúns puntos apenas alcanza os 40 centímetros, o que supón un alto risco, especialmente para persoas maiores, persoas con mobilidade reducida, usuarias de cadeiras de rodas, familias con carriños de bebés e estudantes que utilizan as paradas do transporte escolar. Con esta moción trátase de apoiar unha reclamación que leva meses na rúa grazas a unha iniciativa veciñal que está recollendo firmas para conseguir mellorar a seguridade peonil na zona.
Desde o Grupo Municipal Socialista sinalan que estas dúas mocións volven poñer de manifesto o contraste entre o traballo propositivo da oposición e a falta de contido dos últimos plenos municipais, nos que o equipo de goberno non está a levar asuntos de relevancia para o debate e a mellora da calidade de vida da veciñanza. “Mentres o goberno local presenta plenos baleiros de iniciativas, o PSOE da Guarda segue trasladando ao pleno problemas reais e demandas concretas da cidadanía, con propostas rigorosas e viables”, subliñan.Os/as socialistas agardan contar co apoio do resto da corporación para sacar adiante ambas iniciativas, que consideran fundamentais para avanzar nun Concello máis transparente, accesible e seguro para todas e todos.

