xoves, 11 de xullo de 2024

O Concello da Guarda alarma á veciñanza enviando, dunha soa tandada, máis de 3.000 notificacións para limpeza de fincas.

 Estes días moitos veciños e veciñas da Guarda están recibindo notificacións firmadas polo alcalde da Guarda, que os/as informa da súa obriga de facer a limpeza das súas fincas, expoñéndose de non facelo a multas de entre 1.000 e 100.000€

Estas notificacións deberían ter sido enviadas de forma paulatina (non as máis de 3.000 ao mesmo tempo), e sobre todo antes do verán, xa que o obxectivo deste control é a prevención de incendios, para o que as fincas deberían estar limpas antes dos meses de máis calor.

Notificación limpeza de fincas

Para colmo, as notificacións están enviándose de forma indiscriminada a todas as persoas propietarias de fincas nas franxas sensibles. Varios veciños e veciñas informáronnos de que, a pesares de ter limpas as súas propiedades, tiveran recibido igualmente as notificacións.

Nesas notificacións obrígase á limpeza das fincas baseándose en inspeccións realizadas durante o ano pasado...é dicir, envían avisos tomando como referencia inspeccións feitas fai máis de 6 meses?.

E preguntámonos: Como pensa Roberto Carrero que a veciñanza vai a facer fronte a limpeza de todas esas fincas? Nalgunhas delas non basta con que o propio veciño ou veciña acuda cunha desbrozadora, xa que hai que retirar acacias e outras especies arbóreas prohibidas, o que require na maior parte dos casos da contratación de empresas especializadas.

Non existen na zona do Baixo Miño, e ata Vigo tantas empresas que podan facer todo ese traballo nos 15 días que o Concello fixa de prazo máximo.

Cando a xente acude ao Concello a informarse danlles como resposta que o tema “é cousa da Xunta”, pero sen embargo vemos que noutros concellos limítrofes non se están enviando este tipo de notificacións masivas e indiscriminadas, así que, por que na Guarda si?.

Estamos por tanto ante outra mostra da falla de planificación, e das “chapuceiras” formas de actuar deste equipo de goberno, pero sobre todo da pouca empatía que Roberto Carrero e o seu equipo teñen pola veciñanza guardesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario