Por José Manuel Domínguez Freitas
Cando chega o momento de render contas despois de oito anos de goberno municipal a tentación é nomear as grandes obras que se realizaron e que todos temos na cabeza: a Senda Litoral, o Castelo de Santa Cruz, a Casa dos Alonsos, a estrada do Castro, a Alameda, a humanización de innumerables rúas da vila... Son, sen dúbida, logros moi importantes, pero eu hoxe quero lembrar outros, menos ostentosos e visibles, pero igual de importantes para a cidadanía.
O ensanche de camiños en barrios e parroquias que propician que os veciños poidan acceder ós seus domicilios en coche e, o que é máis importante, que poida chegar unha ambulancia. Aí están, por poñer só dous casos, o do Camiño da Galapa en Camposancos ou o das Figueiras en Salcidos. O pavimentado de ducias de rúas e camiños en tódolos puntos do concello, dotándoos, cando foi posible, de rede separativa de aguas pluviais e fecais.
As actuacións no eido da cultura e do patrimonio. O Museo do Mar, a rehabilitación e novo discurso expositivo do Museo do Trega. As exposicións, entre outros de Alicia Alonso e Jorge Barbi. A continua organización de actividades e visitas guiadas en Santa Trega ou no Castelo. A Mostra das Tradicións Mariñeiras, o proxecto dos Tesouros Vivos.
A dotación dun traballador para mantemento dos centros de ensino, a realización de cursos dende a OMIX ou dende a concellería de Educación, entre eles os de obtención do graduado escolar.
A estreita colaboración con colectivos e asociacións de toda índole. E nos tempos que corren, dun xeito especial, coas de carácter social. A moi boa, e sempre insuficiente, atención domiciliaria a todos os que a precisan. Os plans de igualdade propiciados dende a concellería da Muller e a magnífica atención dispensada dende o noso CIM a cantas persoas o precisaron.
O traballo no eido do turismo que se traduciu, entre outros moitos galardóns, na obtención do premio EDEN da Unión Europea, nas bandeiras azuis do Muíño ou Area Grande ou no sendeiro azul entre ambas praias. A consolidación da Festa da Langosta e a organización e colaboración en innumerables eventos gastronómicos.
A reciclaxe, coa colaboración indispensable dos veciños, e o funcionamento óptimo do Punto Limpo, falan da atinada política medioambiental que leva aparellado un importante aforro económico. O mesmo podería dicirse da auga de consumo doméstico ou da enerxía eléctrica.
A diminución da débeda con bancos que pasou de máis de 2 millóns de euros no 2007 a medio millón en 2015, así como a débeda con provedores, practicamente inexistente, ou a demora nos nosos pagos, na actualidade 15 días, fai que nos sintamos satisfeitos coa xestión económica.
Nesta liña pretendemos continuar. Antonio Lomba e o seu equipo, ós que coñezo e sei da súa capacidade e tesón, serán capaces de seguir este camiño que ten un único obxectivo: mellorar a calidade de vida das guardesas e guardeses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario