venres, 20 de marzo de 2015

ANTONIO LOMBA BAZ, candidato á alcaldía da Guarda

NO MEU PENSAMENTO ESTÁN SEMPRE A GUARDA E AS SÚAS XENTES

Antonio Lomba Baz, concelleiro socialista do concello da Guarda dende 2003, foi elixido por militantes e simpatizantes da Agrupación Socialista local, como candidato á alcaldía nas próximas eleccións municipais do mes de maio, dando o relevo ao actual alcalde José Manuel Domínguez Freitas.
Este guardés, nacido no barrio da Marina, casado e pai de dous fillos, enxeñeiro de formación, traballa dende o ano 2000 como profesor de tecnoloxía no IES A SANGRIÑA. Nesta labor formativa destaca por ter liderado diferentes proxectos cos que ten acadado varios premios de innovación educativa e por achegar a toda a comunidade docente os seus traballos a través das súas publicacións en internet.

Que te motivou para afrontar o reto de presentarte como candidato a alcalde? 
Considero que as persoas que tivemos oportunidades para a nosa realización académica e profesional estamos en deuda coa sociedade. Implicarse en proxectos sociais e políticos que teñen como fin a mellora do noso entorno e das condicións de vida dos nosos veciños é unha maneira de ser agradecidos e de intentar mellorar o futuro dos nosos fillos.

Sei que soa a tópico, pero igual que lle sucede á meirande parte dos guardeses, eu quérolle a esta Vila. É un dos sitios máis bonitos e singulares que coñezo. Un lugar estupendo para vivir. Por iso, en canto foi posible e mo permitiu o meu traballo, regresei coa miña familia a vivir na Guarda. No meu pensamento están sempre A Guarda e as súas xentes.
Para min foi unha honra poder traballar durante estes últimos anos para que a Guarda e os seus veciños melloraran. Tanto desde o meu ámbito profesional, como profesor do Instituto, como dende o ámbito público, como concelleiro do equipo de goberno. Poder continuar con este traballo como alcalde, sería un privilexio aínda maior.

Na política municipal o equipo é moi importante. Tes configurada xa a lista de persoas que te acompañaran na candidatura?
Durante estes anos como concelleiro tiven a oportunidade de coñecer e traballar cun grupo de persoas que fixeron moi levadeiras as tarefas do grupo municipal. Tiñan dúas das cualidades que me parecen fundamentais nun equipo: cohesión e ilusión polo traballo. Estas son as premisas que teño presentes para a formación do meu propio equipo. Sei que é conveniente facer unha renovación parcial e incorporar xente nova, pero vou contar con algunhas persoas do actual grupo pola súa valía, pola súa experiencia, e porque aínda teñen moito que aportar. En canto ao perfil das novas incorporacións, quero que sexa xente xove, que aporte novas enerxías e ideas frescas. Que se integren ben cos máis veteranos e que estean implicados na vida social da Vila. Ter un bo equipo é fundamental para levar adiante un proxecto coma o noso.

Equipo de goberno socialista 2011-2015
Equipo de goberno socialista 2011-2015

Podes adiantarnos algúns dos principais puntos do programa?
Pretendemos darlle continuidade ao proxecto que o grupo socialista desenvolveu durante as dúas últimas lexislaturas. Queremos manter a nosa maneira de facer. Estamos a vivir tempos difíciles nos que temos que ser especialmente sensibles coas políticas sociais, debemos protexer e axudar a aqueles que máis o necesitan, ben directamente ou colaborando coas numerosas asociacións de carácter social que temos na Vila. Debemos, en resumo, priorizar as políticas dirixidas directamente ás persoas. Seguiremos prestando a atención que merecen educación, sanidade, xuventude, deporte, terceira idade e cultura. Neste eido pensamos que a xuventude, que o ten cada día máis difícil pola falta de oportunidades, merece unha especial atención.


Temos que ser especialmente sensibles coas políticas sociais

Temos tamén nos preocupa o mantemento dos servizos, instalacións e obras que fomos realizando todos estes anos. Somos conscientes da influencia que iso ten na calidade de vida dos cidadáns e de que o embelecemento da vila e o correcto funcionamento dos servizos é moi importante para os veciños e para unha das nosas principais “industrias”, o turismo.
Tamén hai algunhas cuestións puntuais, moitas delas que veñen de atrás, ás que non estamos dispostos a renunciar. Entre elas a construción dun multiusos, do que xa temos elaborado un anteproxecto e os terreos dispoñibles dende os tempos nos que Touriño gobernaba, pero que a Xunta do PP freou; a execución da saída sur do porto da Guarda, necesaria para a reactivación económica da zona do porto e a aprobación inicial do Plan Xeral este mesmo ano.

Así mesmo consideramos unha obra prioritaria a última fase da humanización da rúa Concepción Arenal. Un proxecto que ten que executar a Deputación de Pontevedra, que levamos pedindo dende fai tempo e que seguiremos esixindo. Tanto é así, que nunha reunión co portavoz socialista na Deputación, Santos Héctor, logramos o compromiso de que será executada de inmediato se conseguimos, como todo parece indicar, o goberno provincial.


Un multiusos, a saída sur do porto da Guarda e o Plan Xeral, obxectivos irrenunciables

O Alcalde e Antonio Lomba co deputado provincial Santos Héctor
Seguiremos racionalizando os recursos e servizos municipais como auga e alumeado para conseguir aforro sen mermar calidade de vida. Completaremos a rehabilitación do centro sociocultural do Sinde Vello, no que xa estamos a traballar, para poder ofrecer espazos de uso a aquelas actividades e asociacións que o necesiten. Continuaremos coa humanización de rúas e camiños. Peonalizaermos praza do Reló para disfrute dos veciños. Xestionaremos a creación de servizos de administración electrónica. Traballaremos para conseguir aumentar os kilómetros de beirarrúas, sendas peonís e carril bici. Seguiremos potenciando o noso patrimonio, principalmente o castro de Santa Trega, o castelo de Santa Cruz e Museo do Mar.

Comentas os problemas polos que está pasando a xuventude pola falta de oportunidades. Tedes pensado medidas concretas que axuden á xente nova para ter un futuro máis esperanzador? Pódese facer algo dende os Concellos?
Para min persoalmente, supoño que pola miña profesión e pola idade dos meus fillos, os problemas polos que está a pasar a xente nova están entre os que máis me preocupan.
O que está sucedendo coa xuventude, que ten que desprazarse dos sitios onde vive por falta de oportunidades, tendo que buscar o seu futuro moitas veces no estranxeiro, é unha situación insostible que está empobrecendo ao pais.
Son outras administracións responsables de mudar esta dinámica pero dende os concellos podemos e debemos aportar o noso gran de area. Pola nosa banda levamos anos aplicando políticas de formación e fomento de emprego orientadas aos xoves, pero pensamos que non son suficientes, que temos que mellorar. Durante estas dúas lexislaturas asinamos convenios de colaboración coas universidades para ofertar prazas de prácticas de becarios. Moitos alumnos formados no instituto ou noutras empresas da localidade fixeron prácticas formativas no concello. Cada ano impartimos clases de adultos para a obtención do graduado na ESO, etc.

Representantes de Xuventudes Socialistas nunhas xornadas sobre os concellos
Para a próxima lexislatura seguiremos traballando no mesmo sentido e incorporaremos novas iniciativas. Entre as medidas máis importantes nas que centraremos os nosos esforzos está a creación dun viveiro de empresas para axudar aos emprendedores novos a iniciar os seus proxectos. Tamén organizaremos xornadas formativas para mostrar aos xoves como embarcarse en proxectos de teletraballo.


Temos que mellorar as políticas de formación e emprego orientadas á xuventude.


De saír elixido tes pensado deixar o teu traballo no Instituto? No caso de ser así, queres facer algún comentario sobre este cambio na túa vida profesional?
Ser alcalde esixe moita dedicación. Para atender ben aos veciños e facer xestións encamiñadas a mellorar a Vila o traballo ten que ser a tempo completo. Non se pode compatibilizar a labor de alcalde con outra actividade profesional, se a pretensión é facer ben o traballo, aínda no caso de facer unha delegación efectiva de responsabilidades nos concelleiros do equipo de goberno.
Antonio Lomba nunha das súas clases
 No meu caso, plantexarme deixar o meu actual traballo, foi unha das cuestións que me fixo meditar máis a hora de tomar a decisión de encabezar a lista. Foi unha das decisións máis difíciles de tomar. Estou moi a gusto na miña labor docente.

So espero, no caso de saír elixido, que ser alcalde me resulte tan gratificante como ser profesor

 Gústame traballar coa xente nova, disfruto nas clases diarias e sempre aparecen oportunidades para afrontar novos proxectos e retos que me apaixonan. Sen dúbida botarei moito de menos o contacto diario cos meus alumnos e alumnas.
So espero, no caso de saír elixido, que ser alcalde me resulte tan gratificante como ser profesor.

Como se tomou a túa familia a decisión de presentarte como cabeza de lista á alcaldía?
Penso que non se pode afrontar un proxecto destas características sen ter o apoio incondicional e os ánimos das persoas que conviven contigo tódolos días. É unha decisión que implica un cambio de vida que afecta a toda a familia. O apoio da miña muller e os meus fillos era unha condición necesaria para afrontar o reto de encabezar a lista. Dende o primeiro momento tiven a súa complicidade. Así o camiño é moito máis fácil.
Tamén recibín os parabéns e ánimos da miña nai, dos meus irmáns e as súas familias, aos que estou moi unido. Somos unha familia grande e para min era moi importante poder contar con eles. A verdade é que lle agradezo moito que estean ao meu lado.

Nestes tempos en que a política non está moi ben vista debido aos escándalos que aparecen continuamente nos medios de comunicación, non crees que saír elexido alcalde pódeche complicar a vida?
A verdade é que prefiro non considerar esa posibilidade. É certo que algunha xente che comenta: “vas a complicarte a vida” ou “onde te vas meter?”. O reto de ser alcalde dunha vila non é fácil nestes tempos, pero creo que neste aspecto non é tan distinto de ser profesor ou médico: son profesións ou ocupacións que, en España, non teñen a consideración social doutras épocas pero, a pesar diso, son moi necesarias, imprescindibles. Creo que se unha persoa desempeña un cargo político con honradez coa cidadanía e consigo mesmo debe sobrepoñerse ás críticas destrutivas e considerar, por enriba de todo, que está servindo aos demais segundo a súa conciencia e porque os veciños e veciñas lle deron ese encargo o día das eleccións.


Se unha persoa desempeña un cargo político con honradez coa cidadanía e consigo mesmo debe sobrepoñerse ás críticas destrutivas


Crees que as redes sociais e internet poden influír na campaña electoral e nos resultados das eleccións municipais?
Non cabe dúbida que internet cada vez está máis presente na nosa sociedade, para o bo e para o malo. As redes sociais e as páxinas web son unha ferramenta excelente para dar a coñecer as propostas dos grupos que se presentan nunha convocatoria electoral, así como para pulsar o sentir dos didadáns en forma de críticas, ideas, propostas e suxestións. A súa vez son un arma de dobre fío pola facilidade que ofrecen para a descualificación e incluso para a mentira. Son os cidadáns os que teñen que saber distinguir o gran da palla, e filtrar as informacións que se publican na rede.
Pola nosa parte imos a facer uso das redes sociais e internet na nosa campaña. Queremos que as nosas propostas e ideas cheguen a todo o mundo e recibir toda a realimentación posible. Penso que internet non será determinante pero pode influír negativamente non ter presenza nela.

Que lle dirías a xente que non te coñece para convencela de que apoiara a túa candidatura? 
 O grupo municipal socialista leva moitos anos traballando pola Guarda con coherencia e seriedade. Estivemos gobernando os últimos oito anos baixo a dirección de Freitas e case ninguén discute que se fixo un gran traballo; nós estamos orgullosos do que conseguimos. Sabemos que aínda queda moito por facer. O meu obxectivo é configurar un equipo que lle dea continuidade ao noso proxecto de Concello. Un equipo no que se conxugue a experiencia dos que levamos anos gobernando coas novas incorporacións.


Dar continuidade ao noso proxecto de concello é meu obxectivo.

O noso compromiso é o traballo, a seriedade e a mesma ilusión que sempre puxemos en mellorar a vida dos nosos veciños. Se pensas que o balance destes últimos anos de goberno é positivo para A Guarda apoia a nosa candidatura.

Parte do grupo socialista no Concello na lexislatura 1987-1991

Ningún comentario:

Publicar un comentario