mércores, 10 de decembro de 2025

O PSOE da Guarda acusa ao concello de falta de empatía co persoal da piscina municipal

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda denuncia a ausencia total de vontade política e empatía do Goberno local coa situación das traballadoras e traballadores da piscina municipal, que durante dez meses, como mínimo, verán reducidos os seus ingresos ao 70% da súa base reguladora debido ao ERTE derivado da obra de reforma da instalación.

No pleno extraordinario celebrado hoxe, no que se aprobou o Plan de Seguridade e Saúde da obra, a portavoz socialista Fátima Rodríguez puxo enriba da mesa a situación “profundamente inxusta” na que queda o persoal, que ademais leva “meses vivindo nunha incerteza absoluta sen recibir información clara sobre o seu futuro laboral”.

Grupo Municipal Socialista

Rodríguez lembrou que o Goberno local comprometeuse expresamente a buscar unha fórmula que evitase a perda de capacidade adquisitiva do persoal durante o tempo que non puidesen traballar, pero que esas promesas “non se van cumprir”. Ademais, advertiu de que moitas destas persoas teñen contratos a tempo parcial, polo que o impacto económico do ERTE será aínda maior.

Durante a súa intervención, a portavoz deu lectura ao comunicado publicado fai uns días por CCOO, no que o sindicato critica que, aínda que o concello reafirmou o seu compromiso co persoal en repetidas ocasións, finalmente se pode comprobar a ausencia de vontade real do Goberno para buscar alternativas.

Fátima Rodríguez lamentou especialmente que, tras unha denuncia tan clara e fundamentada realizada no pleno, o Goberno local optase polo silencio absoluto, sen ofrecer explicación nin defensa algunha, e defende que “ese silencio é o recoñecemento implícito de que o que dixemos é verdade e de que non teñen argumentos para negar a súa falta de compromiso coa xente traballadora”.

A portavoz socialista insistiu en que aquí non estamos ante unha dificultade administrativa, senón ante “un Goberno sen previsión, sen empatía e sen vocación de servizo público”.

“Cando se goberna así, sempre hai alguén que paga as consecuencias. E non son eles, que seguirán cobrando íntegros os seus salarios cada mes; son as traballadoras e traballadores da piscina, que non teñen responsabilidade ningunha nesta situación”, engadiu.

O Grupo Municipal Socialista esixe ao Goberno local que deixe de agocharse no silencio, e se poña a traballar para conseguir cumprir a palabra dada ao persoal.


martes, 2 de decembro de 2025

O PSOE lidera melloras na Guarda con catro Mocións aprobadas por unanimidade

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda conseguiu sacar adiante por unanimidade as catro mocións defendidas no Pleno celebrado o 1 de decembro, nas que se solicitaba a mellora do transporte público na comarca do Baixo Miño, a reposición das papeleiras retiradas e a instalación de modelos con separación de residuos, a publicación en prazo das subvencións municipais por concorrencia competitiva, e o reforzo das accións municipais contra a violencia machista con motivo do 25N.

Na primeira das mocións, o PSOE da Guarda instaba á Xunta de Galicia a reforzar o transporte público comarcal, mellorando as frecuencias, establecendo conexións directas cos hospitais e co CUVI e habilitando servizos a demanda nas parroquias. Tamén reclamaba a creación dunha Mesa Técnica Comarcal que permitise garantir unha planificación axeitada ás necesidades reais da veciñanza.
Votación dunha Moción no Pleno

A segunda iniciativa aprobada propuña un plan progresivo para volver colocar as papeleiras retiradas nos últimos anos e substituílas por modelos con separación de residuos, priorizando rúas comerciais, parques, prazas e zonas escolares, xunto cunha campaña de sensibilización para promover o seu uso correcto.

A terceira moción esixía ao goberno local publicar as subvencións municipais por concorrencia competitiva no primeiro semestre de cada ano, evitando atrasos como os dos últimos exercicios que dificultaron a planificación das asociacións e deportistas individuais.

Por último, a moción presentada con motivo do 25N pedía reforzar o compromiso municipal contra a violencia machista mediante accións de prevención dirixidas á mocidade, formación específica para a Policía Local e unha colaboración máis estreita co tecido asociativo. Ademais, instaba á Xunta de Galicia a mellorar as súas políticas nesta materia, especialmente no ámbito da violencia dixital, vicaria e económica.

Con estes acordos, o Grupo Municipal Socialista quere deixar claro que existe unha oposición que traballa, que analiza os problemas reais da veciñanza e que presenta solucións viables para mellorar o día a día no municipio. Nun momento no que o goberno local permanece practicamente paralizado, sen proxecto nin dirección definida, os/as socialistas están asumindo a responsabilidade de impulsar iniciativas útiles, de marcar prioridades e de abrir camiño alí onde o executivo non está a actuar.

A Guarda precisa políticas útiles, decisións concretas e avances visibles, non a inacción e a falta de dirección que mostra o actual goberno.