venres, 29 de novembro de 2024

O Grupo Socialista da Guarda insta ao alcalde a actuar e esixir solucións para un transporte público digno.

 O pasado mércores, o Grupo Municipal Socialista (GMS) conseguiu a aprobación unánime dunha moción para esixir á Xunta de Galicia melloras no servizo de transporte público na Guarda, unha demanda amplamente reclamada pola veciñanza.

A moción, presentada polo Grupo Municipal Socialista, tras numerosas queixas recollidas nos últimos meses, insta ao alcalde a deixar de mirar cara outro lado, e abordar o problema directamente co responsable da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, demandando solucións inmediatas ante as graves deficiencias da actual concesión xestionada pola empresa Lugove.

Desde a súa implantación a finais de 2020, este servizo revelou múltiples carencias:

  • Redución de paradas.

  • Frecuencias insuficientes, especialmente en horas punta.

  • Autobuses saturados que deixan usuarios nas paradas sen alternativa de transporte.

Estas deficiencias afectan especialmente aos colectivos máis vulnerables: estudantes, persoas maiores que necesitan acceder aos hospitais de referencia (Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro), e traballadores/as que dependen deste medio para os seus desprazamentos. A situación é tan grave que, en moitas ocasións, os/as usuarios/as vense obrigados/as a recorrer a taxis como única opción para chegar aos seus destinos.

Na moción aprobada, solicitouse:

  1. Que o goberno local traslade á Xunta a urxencia de mellorar o servizo de transporte público.

  2. Que se adapten horarios e se reforcen frecuencias para cubrir as necesidades reais da veciñanza.

  3. Que se esixa á empresa adxudicataria o cumprimento rigoroso das condicións pactadas e se realice un seguimento eficaz.

Un transporte público eficiente non só mellora a calidade de vida da cidadanía senón que tamén garante a igualdade de acceso a servizos esenciais, como a educación e a sanidade, e contribúe á sostibilidade. Desde o GMS reiteramos o noso compromiso en esixir unha solución inmediata e efectiva para que A Guarda dispoña dun transporte público digno e acorde coas súas necesidades.