mércores, 29 de xuño de 2022

A humanización da contorna da Igrexa: unha actuación para recuperar espazo público e poñer en valor o patrimonio municipal.

 

  • O BNG da Guarda mentiu ao afirmar que o Goberno municipal  incumpría o informe de patrimonio na humanización da contorna da igrexa.

  • O bulo do BNG e denuncias “anónimas” diante a policía autonómica e a Dirección Xeral de Patrimonio puxeron en risco unha subvención de preto de 55.000 € para financiar a actuación.

A Guarda a 28 de xuño de 2022. En vista dos inconvenientes  que o BNG puxo á execución da humanización da contorna da Igrexa, a pregunta é obvia: ten algo que dicir Anxo Baz e o seu grupo contra a recuperación do espazo público e a protección e posta en valor do patrimonio que se consigue coa instalación do mobiliario nesta zona?



A humanización da contorna da Igrexa Parroquial de Santa María era un compromiso do Grupo Municipal Socialista e do actual equipo de goberno do concello da Guarda. Segundo manifestaba o alcalde, Antonio Lomba: “a pesar de que se levaban tentado distintas iniciativas para eliminar ou cando menos reducir os vehículos que estacionaban arredor da Igrexa, o número de coches aparcados seguía sendo moi elevado, dando unha visión moi negativa desta zona e prexudicando moi seriamente a protección e posta en valor do petróglifo que se atopa nas inmediacións”.

No ano 2020, fai agora 2 anos, o equipo de goberno anunciou a intención de acometer a humanización da contorna da Igrexa, para elo elaboráronse dúas propostas que se someteron a consideración da veciñanza nun proceso de participación cidadá. Unha vez que se fixo pública a proposta gañadora mantívose unha reunión cos comerciantes da zona para explicarlles os pormenores da futura actuación e comezou a redacción do proxecto.

Entregada a primeira versión do proxecto, a Dirección Xeral de Patrimonio emite informe favorable en xaneiro de 2021 e pon unha serie de condicións relativas a redución do mobiliario e protección e posta en valor do petróglifo. A partir desta data trabállouse con patrimonio no proxecto para cumprir as condicións que se recollen no informe. Despois de meses de traballo acórdouse, entre patrimonio e a técnica redactora do proxecto un documento definitivo en base ao cal se executou a humanización.

Non cabe dúbida de que os principais obxectivos do proxecto cúmprense coa execución desta humanización, que básicamente consiste na colocación do mobiliario. Conséguese a retirada dos vehículos da contorna da igrexa recuperando espazo público para as persoas a vez que se elimina o impacto visual negativo sobre a nosa Igrexa Parroquial. Así, revalorízase toda a contorna, incluído o atrio da Igrexa e un tramo do Camiño Portugués da Costa. Tamén queda sinalizado e protexido dos vehículos o petroglifo GA-36023015, que pasa a convertirse nun novo punto de interese na zona.

É difícil entender como pode haber algún grupo político da corporación municipal que se pon do lado dos que pretenden evitar a execución da obra en vez de actuar con responsabilidade institucional e apoiar melloras para A Guarda e a súa veciñanza.








luns, 6 de xuño de 2022

O PSOE Guardés denuncia as falacias do BNG en relación coa finca de Fínola.

 A Secretaria Xeral da Agrupación Socialista na Guarda, Montserrat Magallanes, traslada á cidadanía a felicitación porque a finca de Fínola pase a ser chan dotacional.

No último pleno o concello da Guarda sacaba  adiante unha proposta  do alcalde, Antonio Lomba, de modificar inicialmente  o planeamento urbanístico para calificar o chan da finca de Fínola que era chan urbano non consolidado  a  chan urbano consolidado de uso dotacional, esta proposta saíu  aprobada cos votos favorables  do PSOE e do PP, o BNG e Converxencia Galega votaron en contra.

Temos que indicar que o  BNG  amosa unha  absoluta incompetencia en materia urbanística, o demostraron no pasado co seu posicionamento en contra do convenio dos Xesuítas,   co seu enfrontamento  a Senda Litoral, co voto en contra da adquisición de Fínola, ou co seu rexeitamento á  proposta de ACCESO SUR ao Porto da Guarda, e o están a demostrar agora co seu voto en contra da Modificación Puntual que transforma o chan de Fínola en dotacional.


Mentiron  descaradamente cando dicían no 2018 “coa adquisición da finca de Fínola soamente cambia o propietario da finca, o uso vai ser o mesmo. Que vantaxe saca o pobo da Guarda? Onde había un parking, seguirá habendo un parking” Vaia se cambiou o uso, tanto que vostedes votaron en contra no último Pleno do concello da Guarda, amosando un claro cinismo político ao non ser quen de  recoñecer o seu erro no pasado. Prefiren que Fínola siga sendo un parking e desesperan ante a posibilidade de ampliar a Alameda e crear en Fínola un Auditorio, van seguir montados no mesmo carro, mentira tras mentira.


E no 2022 seguen mentindo, son capaces de dicir que estamos “dilapidando o patrimonio municipal”,  aínda non se enteiraron, a finca de Fínola xa é municipal, xa é propiedade de todos e de todas as guardesas, e onde antes había 0 metros cadrados de chan dotacional agora pasamos a  3.102 metros cadrados  dotacionais, toda a finca dotacional.  Dilapidar é perder oportunidades ou non crer no futuro da Guarda, seguir anclados no pasado e  oporse ante calquera iniciativa para que o pobo avance.


Fronte aos seus atrancos e mentiras, mais parecen que están traballando para o PP que para os seus votante, o Partido Socialista ten moi claro que  o desenvolvemento e crecemento da vila da Guarda pasa por un amplo espazo no casco urbano, unificando   a Alameda  co Centro Cultural, Fínola e integrar tamén a rúa Rosalía de Castro, para rexenerar e por en valor todo o patrimonio municipal nesa zona  e para construír un equipamento tan necesario como o auditorio. 


O Partido socialista da Guarda aplaude o paso dado polo equipo de goberno municipal, liderado por Antonio Lomba, en relación coa Modificación Puntual 7 que converterá a finca de Fínola en dotacional. Os guardeses e guardesas son os grandes beneficiarios da compra de Fínola e da modificación puntual. Queremos chan para equipamentos, e o queremos XA!.


venres, 3 de xuño de 2022

O papel da finca de Fínola no futuro da Guarda.

 Por que se mercou a finca de Fínola en 2018?

No concello da Guarda temos un importante déficit de chan público e esta falta de espazo faise máis evidente no casco urbano. Faltan zonas para estacionamentos, faltan espazos verdes e sobre todo falta chan para dotacións municipais. O chan para servizos municipais, chamado “dotacional” é o que permitiría construír edificacións ou instalacións adicadas por exemplo a servizos sanitarios, asistenciais, docentes, culturais, deportivos e outros.

Dende fai moitos anos a finca de Fínola víñase utilizando por parte das comisións de festas e do concello para diversos usos gracias a boa vontade dos propietarios. No ano 2018 danse unha serie de circunstancias que fixeron que o concello se planteara adquirir esta propiedade:

  1. O concello tiña unhas contas saneadas e depuradas que permitían facer fronte ao investimento.

  2. A finca ten unha situación estratéxica dende o punto de vista do interese público, está entre a alameda e a finca do Centro Cultural, polo que resulta interesante para conseguir un gran espazo de chan público no casco urbano, que podería destinarse a dúas grandes necesidades da Guarda: un auditorio e un gran parque.

  3. Dende o punto de vista urbanístico existe a posibilidade de convertir a parcela en dotacional sacándoa fora do ámbito do PERI 5. Desta forma trátase de evitar a construción privada na finca e posibilitar que ademais de zonas verdes ou aparcamentos se poida construir o equipamento que o concello necesite, por exemplo, como comentabamos antes, un auditorio.

  4. O propietario estaba interesado en vender.

  5. O valor das propiedades inmobiliarias estaba en niveis moi baixos.

  6. O PERI 5 está grafiado no PXOM do concello da Guarda dende a súa aprobación en 1993. Nin no ano 2018 nin na actualidade hai indicios de que o PERI se vaia a desenvolver e o concello non ten a capacidade técnica nin económica para facelo. A todo isto hai que engadir que a ficha do PERI non contemplaba nin un só metro cadrado de chan dotacional, é dicir, non se podería  construír nin o auditorio nin calquera outro equipamento público.

O valor de compra da finca foi moi ventaxoso para o concello. O prezo foi determinado por un técnico municipal, nun informe que está a disposición de quen queira velo,  en 310.928,54 €. O prezo final pagado polo concello foi de 280.000 €. Se algún grupo político insinúa que a operación non foi limpa quizá habería que aplicarlle o refraneiro. A venda foi acorde a lei e aprobada en pleno.

Que facemos agora que a finca de Fínola é municipal?

Agora que o concello é propietario da finca de Fínola cunha superficie de 3.102 m2 ,cales son as opcións para esa propiedade? e desas opcións cal é a mellor para os intereses da Guarda?

O proxecto do equipo de goberno encabezado por Antonio Lomba cando adquiriu a finca era moi concreto, así se plasmaba na memoria de alcaldía que xustificaba a adquisición: a finalidade da compra de Fínola era a de convertir esta finca en chan dotacional.

A modificación puntual para convertir Fínola en dotacional foi dende o principio unha declaración de intencións. Pero imos a analizar se hai algunha outra proposta razoable, para ver se de verdade hai despilfarro ou polo contrario o que hai é ignorancia por parte de quen critica a operación.

A Modificación Puntual nº 7 para a finca de Fínola e o PERI 5 aprobouse inicialmente no último pleno. Os principais motivos para levar adiante esta MP son os seguintes:

  1. Por interese público, conséguese espazo para dotacións no centro urbano da Guarda, que non se conseguirían  co desenvolvemento do PERI 5.

  2. Optimízase o uso do patrimonio municipal adecuando a parcela a súa realidade física de chan urbano consolidado.

  3. Increméntase os equipamentos públicos municipais, donde antes non había nada.

  4. Dotase ao ámbito do PERI 5 de seguridade xurídica ao actualizalo a normativa urbanística actual

A outra alternativa que se plantea é non modificar o planeamento deixando a parcela dentro do PERI. Nese caso teríamos unha parcela coa condición de solar que non se pode usar para nada o que a convirte nun activo antieconónico. Iso si que sería un despilfarro.

Non cabe dúbida que modificar o planeamento para convertir a finca de Fínola en dotacional redelimitando o PERI5, tal como se aprobou inicialmente no pasado pleno, permitirá optimizar o patrimonio municipal en favor da veciñanza. Nesta operación, ademais de converter en dotacionais os 3102 m2 da finca de Fínola, aparece unha cesión municipal na nova ficha, pola adaptación á normativa, do 10%, que equivale a 1.168,80 m2. Isto quere dicir que se consiguen en total 4.270,80 m2 de chan dotacional gracias a MP7 onde antes non había nin un só metro.

Resulta indiscutible que o aumento dos metros cadrados de equipamentos no entorno urbano repercuten na mellora da calidade de vida e a cohesión social. 

Os grandes beneficiarios da compra de Fínola  e da Modificación Puntual 7 son os guardeses e guardesas do presente e do futuro, xa que permitirá, sobre todo aos primeiros, poder desfrutar dun equipamento tan necesario e demandado como será o Auditorio  e da ampliación da Alameda ( incorporando ademais a rúa Rosalía de Castro) nun prazo curto de tempo, algo que non sería posible doutro xeito.