Presentación do Plan Director Monte Trega
O 22 de novembro de 2012 e logo de varios anos de traballo de campo viu
a luz o Plan Director da Península do Monte de Santa Trega realizado
por encargo da Xunta no 2008. O documento debería de servir para fixar
unhas directrices de ordenación e usos do Monte. Neste acto participaron
o director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel e o
coordinador do equipo redactor, Mario Crecente.
Presentación do Plan Director do Monte Trega |
Centenario da Sociedade Pro Monte
Foron variados os actos e iniciativas que, en colaboración cos membros
da comisión creada ó efecto no seo do Padroado Municipal, se levaron a
cabo para resaltar a importancia que para A Guarda tivo a Sociedade Pro
Monte fundada en setembro de 1912. Charlas divulgativas, obradoiros,
visitas guiadas, publicacións... foron custeadas polo Padroado e
Concello ante o desinterese mostrado pola Secretaría Xeral de Cultura,
allea á importancia que non so para A Guarda, senón tamén para Galicia,
tivo a Sociedade Pro Monte.
Presentación libro J. M Villa
O Centro Cultural da Guarda acolleu o 24 de outubro de 2014 a
presentación da obra “La Sociedad Pro- Monte Santa Tecla (2ª parte:
1928-1939)” escrita polo historiador e investigador guardés Joaquín
Miguel Villa Álvarez.
Traslado e organización dos fondos do MASAT
Gracias ó inestimable traballo do persoal do Museo do Monte e de
Turismo, coordinado por Leonardo González, acometeuse a tarefa de
organizar os abundantes fondos e o seu traslado para dependencias da
Casa dos Alonsos. Alí quedaron ordenados, clasificados, en boas
condicións de conservación e accesibles para que calquera estudoso poda
consultalos. No antigo depósito acometéronse, coa colaboración económica
da Dirección Xeral de Patrimonio, obras de acondicionamento do espazo
baleirado para aula didáctica na que se poderán realizar charlas e obradoiros dirixidos ós grupos interesados.
Nova aula no MASAT |
Fondos arqueolóxicos |
Divulgación
Desde hai uns anos, entre os meses de abril e setembro, o Padroado
Municipal conta con guía propio que ilustra os visitantes sobre todas
aquelas cuestións de interese. 10.000 visitantes de toda condición e
interese se incorporaron ás visitas programadas no 2014.
Ademais das visitas regulares promovéronse outras actividades
divulgativas en colaboración coa Universidade de Santiago ou outras
institucións. Durante o mes de abril deste mesmo ano algo máis de 1000
escolares dos centros públicos e concertados da Guarda, Oia e O Rosal
participaron nos obradoiros realizados no marco do proxecto Educastro.
Obradoiros Educastro, abril 2015 |
Obradoiros de arqueoloxía, maio 2014 |
Actuacións de restauración e consolidación de estruturas
O convenio asinado entre o Concello da Guarda e a Escola de
Restauración de Pontevedra posibilitou a realización dun proxecto de
consolidación e restauración de varias estruturas do castro de Sta
Trega.
Os traballos realizáronse no verán de 2014 coa participación de alumnos
e alumnas da citada escola baixo a dirección do restaurador Gonzalo
Buceta Bruneti.
Traballo de consolidación de estruturas no Trega |
Proxectos de futuro inmediato
O Concello ven de participar na convocatoria da Consellería de Cultura
co proxecto de acondicionamento do entorno do MASAT e de dotación de
ascensor para o acceso ó mesmo desde o aparcamento. Esta actuación
permitiría superar un atranco que dura demasiado tempo e avanzar na
eliminación de barreiras.