sábado, 18 de febreiro de 2017

O PP da Guarda arremete contra os concelleiros vinculados a asociacións

Despois de que a corporación da Guarda dera a aprobación inicial aos orzamentos de 2017 cos votos en contra do PP e BNG e coa intención de poñer obstáculos a aprobación definitiva dos orzamentos, o PP, adoptando unha actitude sen precedentes, presentou por rexistro a recusación dos votos de tres concelleiros do equipo de goberno por pertencer a asociacións. Os concelleiros do PP pretenden alterar a vontade democrática do pleno do concello da Guarda ao solicitar a anulación dos votos dos concelleiros, que teñen o dereito e a obriga de votar nos asuntos municipais que van a pleno, dado que para elo foron elixidos, por sufraxio directo, polos veciños da Guarda.

Aínda que hai outros concelleiros nas condicións que o PP alega para pedir a anulación do voto, as iras dos populares van dirixidas ao goberno municipal: a Elena Baz, concelleira de Cultura, pola súa pertenza a Xamaraina, a Paulino Rodríguez, concelleiro de Servizos, pola súa vinculación coa asociación de veciños O Percamino da Gándara e contra Montse Magallanes, concelleira de facenda, por ter responsabilidades na asociación das Mulleres Progresistas.
Tradicionalmente, a hora de elaborar as listas para as eleccións municipais, sobre todo nas vilas pequenas como A Guarda, os partidos políticos buscan algúns dos seus candidatos entre activistas sociais. En practicamente tódalas vilas hai membros das corporacións vinculados con asociacións. A Guarda, localidade que destaca por ter moitas organizacións asociativas, non é nin nunca foi unha excepción. Algúns exemplos notables dos últimos anos son: o Alcalde do Partido Popular, José Luis Alonso Riego, que foi presidente do Sporting Guardés na súa época como rexedor e o actual tenente de Alcalde, Miguel Español, foi presidente da asociación Pedra Furada, que organizaba as festas do Monte, a vez que ostentaba a tenencia de alcaldía.
Baixo o punto de vista do equipo de goberno do concello da Guarda é inxustificable a actitude dos populares que pretenderon gañar con subterfuxios o que perderon nunhas votacións democráticas, romperon para o futuro un clima de respecto da corporación polas asociacións que se viña mantendo dende as primeiras eleccións municipais da democracia.
O resultado final deste ataque á vontade da corporación non tivo o efecto pretendido polo PP. Visto o informe do secretario do concello da Guarda o alcalde non admitiu as recusacións manténdose así o dereito a votar dos concelleiros cuestionados o que significa un triunfo para a democracia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario